Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

O último

Se Sés chega

Se vos falo dunha cantautora coruñesa chamada María Xosé Silvar, ao mellor non sabedes de quen estou a falar. Pero se vos falo de Sés, o seu proxecto actual, quizais a cousa cambie. O seu primeiro disco, Admirando a condición (co seu single homónimo, que xa pasou por este blogue) proponnos un vibrante percorrido, en galego (e en feminino), polos ritmos americanos (rocanrol, ska, blues…).

Falámosvos dela porque esta semana témola ben cerquiña, nun par de concertos en formato acústico e acompañada do guitarrista Tito José Calviño. E que ben soa!

Se te vas
Sés
Música ambiente (2010)

Onde e cando? Pois hoxe xoves, ás 22:30 na Sala Super 8, aquí en Ferrol. E o sábado ás once da noite n’A Barqueira (no concello de Cerdido),  no Bar Queira :) (e coincidindo coa inauguración da mostra de fotografía musical Pixelín Photo).

Café en galego | Febreiro

Non podemos deixar que remate o mes sen convocarvos a unha nova reunión de Café en galego, o noso faladoiro de serán. A

4ª REUNIÓN

celebrarémola o

Mércores 29 de Febreiro ás 16:15

Animádevos a participar!

Celso Emilio ke te crew

Marchamos uns días. Vémonos despois do entroido. Ata o xoves deixámosvos con (de novo) Celso Emilio Ferreiro, esta vez interpretado polos Dios ke te crew. E é que neste Ano Celso Emilio non podiamos deixar pasar máis tempo sen presentarvos a fantástica lectura que do seu célebre poema Deitado frente ao mar… fixo este grupo de hip hop ordense.

Deitado frente ao mar
Dios Ke Te Crew
Celso Emilio Ferreiro. Fotobiografía Sonora (2008)

Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa nan saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.

Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruís e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os valeiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño…

Celso Emilio Ferreiro: “Longa noite de pedra” (1962)

 Porque si, porque nos gusta.

Valentín Paz-Andrade para nenos

Presentámosvos unha novidade editorial ben interesante, sobre todo de cara ao vindeiro Día das Letras Galegas. Xerais vén de editar, a través da sua colección orientada ao público máis novo, Merlín, unha biografía do homenaxeado deste ano, Valentín Paz-Andrade. A vida e deste avogado, empresario, especialista en temas pesqueiros, político, poeta, xornalista… contada de forma amena… pero detallada. E por se fose pouco, unha pequena antoloxía dos seus textos completa este imprescindible volume.

Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía
Charo Portela Yáñez
Xerais (2012)

Nós tamén estamos namorados!

Nós, ao igual que os nosos compañeiros do IES As Barxas de Moaña, tamén amamos a lingua galega tódolos días. Que fermoso audiovisual nos regalaron polo San Valentín!

Adaptando un artigo que Víctor Freixanes dedicou a Francisco Fernández del Riego tralo seu falecemento en 2010 (e que podedes ler aquí), compuxeron este precioso canto á nosa lingua.

Eu falo galego porque o amo,
porque o único que nos queda é o amor.
O amor é sementeira.
O amor é contaxioso,
o auténtico combustible que alimenta a vida.
O amor é esperanza.
A esperanza, o futuro que soñamos
porque antes o soñaron os pais e os avós.
O soño
ao que non renunciamos. O amor a Galicia.
Eu falo galego porque o amo.
Porque éncheo todo, como un río caudaloso que nos vivifica.
A vida dos seres humanos está feita dos soños.
Soña, pensa, vive e fala en galego.

Estamos namorados!

GalApps: a lingua galega metida nun móbil

Tiñamos pendente (ás veces imos adiando algo e…) algo importante: falarvos de GalApps.

De que se trata? Pois dun conxunto de aplicacións relacionadas coa lingua galega creadas polos enxeñeiros informáticos Xurxo Méndez e Juan Porta e pola deseñadora gráfica Sabela Barreiro. Son o conxugador de verbos en galego Conxugalego,

DicionarioGalego

e TradutorGalego.

Dende o 15 de decembro pasado, data que se lanzou a última dela, podíamolas atopar todas dispoñibles para para aqueles dispositivos móbiles movidos polo sistema operativo Android. A partir de hoxe (por iso non podiamos atrasalo máis) tamén as podedes atopar, dispoñibles para iPhone e iPad, na App Store de Apple.

Eu vounas descargar agora mesmiño!

 

Goyas engurrados

O vindeiro sábado celébrase a ceremonia de entrega dos Premios Goya, polo que imos aproveitar para falarvos dunha coprodución galego-catalá que opta a 2 galardóns: o de Mellor Película de Animación e o de Mellor Guión Adaptado. Trátase do filme de animación Engurras, baseada no cómic homónimo de Paco Roca, gañador do Premio Nacional do Cómic 2008.

A cinta, dirixida a un público adulto a pesar de que o feito de ser unha película de animación nos puidese facer pensar o contrario, conta a historia de Emilio e Miguel, dous anciáns recluídos nun xeriátrico.

Emilio, un director de banco xubilado enfermo de Alzheimer, é levado polo seu fillo a unha residencia de anciáns. Confuso pola súa nova contorna e desorientado, sofre regresións a etapas anteriores da súa vida. Emilio atopa un apoio inesperado en Miguel, o seu compañeiro de habitación, e xuntos utilizan todo tipo de trucos para que os médicos non se dean conta da progresiva deterioración de Emilio. Nesta loita por seguir activos como persoas e manter a súa dignidade, os dous construirán unha autentica e profunda amizade.

E como xa están dispoñibles na rede algúns fragmentos da versión na nosa lingua do filme, aquí volos deixamos, para que podades facervos unha idea de por que está a recibir tan boas críticas (mesmo chegou a estar entre as dezaoito preseleccionadas aos Oscars na categoría de mellor película de animación).

“Eu son un rei. Un labrego do tempo dos Sputniks.”

Como nos gusta despedir a semana con música! E se o que pinchamos é algo tan auténtico como o que vos traemos hoxe… Veredes.

A Revista Arraianos publicou o mes pasado un monográfico sobre a figura de Celso Emilio Ferreiro. Co exemplar, titulado Celso Emilio fai 100 anos,

entregábase un sinxelo no que O VeroO Leo, e O García, os compoñentes do grupo Labregos do tempo dos Sputniks (xa vos decataredes de onde sacaron o nome)

interpretan un poema de Celso Emilio, O meu reinado, musicado de modo espectacular (dádelle ao play, dádelle…).

O meu reinado

Eu son o rei de min mesmo;
goberno o corazón
na libertá do vento e dos camiños.
Eu obedezo ás miñas propias leises
i os meus decretos sigo ao pé da letra.
Un cetro de solpores,
unha croa de nubes viaxeiras,
un manto avermellado
de soños i esperanzas
no limpo alborexar de cada día,
dame o poder lexítimo do pobo.
Represento aos calados,
interpreto aos que foron
voces da terra nai
nos antergos concellos da saudade.
Eu son un rei.
Un labrego do tempo dos sputniks.

Celso Emilio Ferreiro: “Longa noite de pedra” (1962)

Que vos pareceu? É espectacular ou non? O tema está dispoñible para descarga aquí, e se queredes máis información sobre estre grupo compostelán, podedes atopala visitando o seu Facebook.

A música que leva dentro o Galeoke Vol. 2

O ano pasado xa vos falamos do Galeoke, ese fantástico xogo de karaoke consistente en acumular o maior número de puntos posible mentres cantamos temas en galego de artistas da nosa terra. E hai un par de meses presentáramosvos a marabillosa ilustración que figura na portada do seu segundo volume, obra, coma a do primeiro, de Leandro. O que tiñamos pendente dende comezos de decembro, data na que se presentou ese segundo volume, era, ademais de avisarvos de que xa o podedes atopar nas tendas, traervos a listaxe de cancións que o compoñen, para que vos fagades unha idea aproximada da diversión que podedes atopar no seu interior.

21 temas do mellorciño da música na nosa lingua:

Radio Océano | Como o vento

Os Papaqueixos | O paraugas do José

Pilocha | O sancristán de Coimbra

Quempallou | En que terra me botaches

Heredeiros da Crus | Quero josar

Faltriqueira | Corpiño xeitoso

Blood Filloas | Superheroe

María Manuela | Manual do señorito (como non a atopei dispoñible na súa versión orixinal, aí vai interpretada por Xabier Díaz e Guillerme Fernández)

Nova Galega de Danza | Xota de Ribeira de Piquín (vía Spotify)

Chouteira | O ghai ghai

Sés | Admirando a condición

Pepe Vaamonde Grupo | Aires de Montillón

Emilio Rúa | Todo está por vir (vía Spotify)

Vaamonde, Lamas & Romero | Foliada de San Pedro de Visma

Leilía | Danza das Cortellas

Susana Seivane | Muiñeira de Alén (vía Spotify)

Os Carunchos | Galicia

Davide Salvado | Todo o corpo

Fía na Roca | Fía na roca

Saraibas | Ai, galeguiños! (Non dispoñible)

The Homens | Calamar

Desfrutádeos!

10.103.409

10.103.409. Esa é a cifra de exemplares vendidos alcanzada pola editorial Xerais ao remate de 2011. 10.103.409 libros dende a súa fundación o 5 de outubro de 1979: 306.164 exemplares ao ano, 68.731 ao mes, 856 ao día.

O acadar os dez millóns de exemplares vendidos é todo un fito para esta histórica editorial, que tanto leva feito pola normalización da nosa lingua ao longo dos seus máis de 32 anos de existencia.

E cales foron os títulos máis vendidos durante todo este tempo? Pois de entre os máis de 3.000 que levan publicados dende 1979, a propia editorial destaca dúas novelas: O lápis do carpinteiro, de Manuel Rivas, con 81.200 exemplares vendidos,

e, no campo da literatura infantil e xuvenil, Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, con cerca de 81.000.

Iso si, ningún deles lle fai sombra á gran estrela do catálogo de Xerais. Con… máis de 350.000! exemplares vendidos… o Pequeno Dicionario Xerais! Coñecédelo, non?

A que si?

Seguir este blogue

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.