6.830 € en vitaminas
Vitaminas para o galego. Ese é o nome dunha iniciativa na que dez medios de comunicación en lingua galega (Galicia Confidencial, Tempos Novos, Praza Pública, Novas da Galiza, Radiofusión, Valminor.info, quepasanacosta, Certo.gl. O Sil e Crónica3) veñen de pedir a nosa axuda para a realización dunha campaña de apoio a este tipo de medios.
O idioma galego necesita vitaminas. A lingua galega precisa de axudas. Entre os apoios fundamentais figuran os medios de comunicación que empregan, prestixian e difunden o xeito de falar dos habitantes do NO da Península Ibérica. A pluralidade de linguas é unha riqueza cultural que a humanidade debe protexer e cultivar. Para espallar esta idea xorde o proxecto “Vitaminas para o galego”, impulsado polos medios en galego e que se centrará en eventos a desenvolver en distintas vilas galegas e nun festival que se celebrará en Santiago de Compostela na primavera do 2012.
Onte pechouse a primeira fase deste proxecto, no que preto de 200 mecenas (recompensados con agasallos que ían dende calendarios de peto para aqueles que aportasen 10 € ata 5 quilos de percebes e un concerto a domicilio de O Leo i Arremecághona! para a primeira persoa que doase 1.000 €) fixeron a súa contribución. Fixárase un obxectivo de 3.300 € e recadaron… 6.830!
E despois do éxito desta primeira fase… a pola segunda!
Cita! | Teresa de Calcuta (Día da paz)
“A paz comeza cun sorriso”
Palabra! | bágoa
bágoa s.f. Gota do líquido transparente que segregan as glándulas lacrimais e que se desprende do ollo a causa dunha irritación ou dunha emoción. Enchéronselle os ollos de bágoas. SIN. bagulla,lágrima.
Animádevos a participar!
Paula Gamallo é unha alumna do IES Pintor Colmeiro de Silleda que, sen que ninguén lle pedise nada, decidiu escribir un guión sobre o que elaborar un vídeo co que reivindicar “o uso da nosa lingua”. Buscou por Silleda e polo seu instituto unhas cantas amizades que lle axudasen a gravalo e presentoullo ao Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do seu centro. Este é o resultado (aínda o estaban a editar, pero como xa comezou a facerse coñecido, así volo achegamos).
Que vos parece? Animádesvos a participar “na loita polo noso” co voso EDLG?
Que están lendo en… 2º da ESO? Corredores de sombra
Corredores de sombra
Agustín Fernández Paz
(2006)
Verán de 1995. No pazo dos Soutelo, ao facer unhas obras de restauración, descúbrese un esqueleto dentro dunha alfombra enrolada, oculto entre dous tabiques. Un cadáver emparedado hai máis de cincuenta anos, cun furado de bala na cabeza. Quen é o morto? Que man empuñou a pistola que o asasinou? Clara Soutelo, testemuña involuntaria da descuberta, asume o reto de desvelar o misterio que se agocha tras as dúas preguntas. Unha investigación complexa, que a levará a indagar no pasado da súa familia. Moito tempo despois, cando xa é maior, decídese a contar os sucesos daquel verán dos seus dezaseis anos, cando descubriu a plenitude do primeiro amor e mudou para sempre a súa forma de entender a vida. Corredores de sombra de Agustín Fernández Paz é un thriller moral onde se pretende desvelar un dobre misterio (quen é o morto, quen o asasinou?) que conleva unha investigación, con momentos de grande tensión, e unha resolución na liña das mellores novelas negras. Mais tamén é unha novela sobre a progresiva toma de conciencia da xove protagonista obrigada a elixir o camiño polo que quere facer a súa vida, mesmo se iso implica opoñerse a súa familia e todo o que significa. Unha novela memorable que confirma a Agustín Fernández Paz como un dos narradores primeiros da literatura galega.
Que están lendo en… 1º da ESO? Cartas de inverno
Cartas de Inverno
Agustín Fernández Paz
(1995)
Despois dunha longa estadía en Québec, o escritor Xabier Louzao volve a Galicia e atopa as cartas que o seu amigo Adrián lle escribira na súa ausencia. Unhas cartas que, nunha espiral de enigmas, descobren os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda. Pero alí, na vella casa colonial, os dous amigos terán que enfrontarse a misterios que tal vez as persoas nin tan sequera somos quen de imaxinar. A narración está estruturada ó xeito das monecas rusas: unha voz (en terceira persoa) que dá paso a outra voz (en primeira), que a súa vez dá paso tamén a outra voz (tamén en primeira persoa). E cando esta acaba, unha recuperación escalonada e simétrica das voces anteriores. Cartas de inverno recibiu o Premio Rañolas, ó mellor libro infantil e xuvenil galego do ano 1995.
valentinpazandrade.es
Catro meses faltan para que chegue o Día das Letras Galegas deste 2012, así que por que non ir aprendendo algo sobre a figura do homenaxeado: o pontevedrés Valentín Paz-Andrade.
Avogado, xornalista, poeta, viaxeiro, home de empresa e vinculado a política. A personalidade multifacética de Valentin Paz-Andrade, empapada ao mesmo tempo de grande humanidade, estivera marcada por un único obxetivo: traballar por e para Galicia.
Esta é a descrición que de Paz-Andrade fai a súa páxina web (valentinpazandrade.es), que vén de presentarse recentemente.
Visitándoa poderedes acceder a unha gran cantidade de información sobre a súa figura: coñecer a súa biografía, a súa obra, contemplar unha abondosa colección fotográfica ou estar informado de tódolos eventos organizados ao seu redor.
Café en galego | Xaneiro
No mes de xaneiro tamén servimos Café en galego. Celebraremos a
3ª REUNIÓN
destes faladoiros o vindeiro
Mércores 25 de Xaneiro ás 16:15
Coma sempre, tódolos membros da comunidade educativa do Colexio Lestonnac estades convidados a participar.
1 ano
207 artigos
84 comentarios
6.203 visitas
88 visitas no día máis activo (2 de Novembro de 2011)
865 visitas no mes máis activo (Maio de 2011)
O máis xavisto este ano:
2. Tinta de lura para ir á moda
3. Lois Pereiro metido nunha bolsa
4. Son de poetas: unha antoloxía da poesía galega diferente
O máis comentado:
Que están lendo… no 1º ciclo da ESO? O misterio das badaladas
Grazas a todos!
A Súa Maxestade Touriñán
A primeira vez, que eu sexa consciente, que vin a Xosé Antonio Touriñán (Culleredo, 1980) asomar polo meu televisor foi en 2006, cando a TVG estreou o programa Perdelo todo, e lembro que xa entón chamou a miña atención; as súas personaxes de Varela e O gaiteiro de Texas brillaban con luz propia naquel concurso presentado por Emilio Guillín.
Así que cando el e máis o seu compañeiro de instituto Marcos Pereiro alcanzaron o éxito no Luar como Mucha e Nucha, As cantareiras de Ardebullo, non me sorprendeu… estaba cantado!
Pero non se detivo aí: Padre Casares, o Premio Mestre Mateo 09 na categoría de Comunicador de Televisión polo programa Botarse ao monte, Land Rober, con Roberto Vilar… Alí coñecemos a Ricardo, un home que “non se fija”.
E é precisamente o oco que deixou Land Rober na parrilla da TVG o que dende onte ocupa Tourilandia. Se estabamos desexando velo á fronte do seu propio programa… agora ten o seu propio país!
A de onte foi unha estrea por todo o alto (a entrevista a David Vidal causou furor nas redes sociais) dun programa que xa tei o se primeiro hit: a adaptación ao SERGAS do éxito de Michel Teló Ai se eu te pego.
Bailando este Ai si me opero desexámoslle sorte a Touriñán nesta nova andaina profesional. Nós seguirémolo, sen parar de rir, os xoves á noite na galega ou na páxina da CRTVG (http://www.crtvg.es/tvg/programas/tourilandia).
http://www.xavedes.gal
Imaxinádesvos? Un dominio de internet para a lingua e a cultura galegas? A ICANN, a corporación que goberna os nomes de Internet, abre mañá un proceso de solicitude de novos dominios (é o primeiro dende 2004) e a Asociación Puntogal, da que forman parte entidades como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega ou as universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, vén de anunciar que remitirá a candidatura para un identificador de máximo nivel para a lingua e a culturas galegas, o .gal.
Un desexo que basean na necesidade de que a tanto unha como a a outra se doten dunha marca propia coa que identificar todos os contidos que xeran na rede, facéndose máis visibles dentro da mesma e que trala creación en 2005 do dominio .cat para a lingua e a cultura catalás (trátase do primeiro e único dominio de tipo cultural recoñecido pola ICANN en todo o mundo) espera facerse realidade en 2013.
Un complexo exame agarda ao .gal. Nós dámoslle un dez!
Agustín Cervantes Paz
Hoxe vimos cunha boa nova, a Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, que se adica á promoción da literatura iberoamericana no mundo mediante o libre acceso a través da rede a máis de 130.000 rexistros bibliográficos, vén de incorporar a un autor das nosas letras ao seu portal de Literatura Infantil e Xuvenil. Trátase do escritor vilalbés Agustín Fernández Paz
Así lucía hoxe o seu portal. Alí poderedes atopar dende un pequeno perfil autobiográfico ata a súa bibliografía, pasando por diversos estudos sobre a súa obra e un completo álbum fotográfico, así como fragmentos de algunha das súas obras, algún deles en galego, outros traducidos ao castelán.
Un lugar privilexiado para un autor privilexiado.
Aurelia e Serxio
Hoxe vimos de coñecer as nominacións aos Premios Goya 2012, así que é un bo momento para botarlle un vistazo a dúas curtas documentais cunha pequena presenza da lingua galega que estiveron preseleccionadas para estes premios.
A primeira, Aurelia, cóntanos a historia de María Aurelia García Vázquez, unha veciña de Ferreira do Valadouro que nos anos 70 estivo traballando na casa de Ringo Starr, o batería de The Beatles.
Na outra, Percebeiros, Serxio Ces, membro de Os Cempés, fálanos do seu traballo diario, o de percebeiro na costa cedeiresa.
Dúas marabillosas historias; mágoa que, posto que se nota que ambos ser atopan máis cómodos falando en galego, non estean contadas por completo na nosa lingua.
Que, gustáronvos?
Cita! | Celso Emilio Ferreiro
“O día que Galicia perda a súa língoa deixa de ser Galicia pra ser outra cousa calquera”
Celso Emilio Ferreiro
Comentarios recentes