Adiós ríos, adiós fontes
Adiós, ríos; adiós, fontes;
adiós, regatos pequenos;
adiós, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.–Miña terra, miña terra,
terra donde me eu criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei,–prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento,–muíño dos castañares,
noites craras de luar,
campaniñas trimbadoras
da igrexiña do lugar,–amoriñas das silveiras
que eu lle daba ó meu amor,
caminiños antre o millo,
¡adiós, para sempre adiós!–¡Adiós groria! ¡Adiós contento,
¡Deixo a casa onde nacín,
deixo a aldea que conoso
por un mundo que non vin!–Deixo amigos por extraños,
deixo a veiga polo mar,
deixo, en fin, canto ben quero…
¡quen pudera no o deixar…!………………………….
–Mais son probe e, ¡mal pecado!,
a miña terra n’é miña,
que hastra lle dan de prestado
a beira por que camiña
ó que naceu desdichado.–Téñovos, pois, que deixar,
hortiña que tanto amei,
fogueiriña do meu lar,
arboriños que prantei,
fontiña do cabañar.–Adiós, adiós, que me vou,
herbiñas do camposanto,
donde meu pai se enterrou,
herbiñas que biquei tanto,
terriña que nos criou.–Adiós Virxe da Asunción,
branca com’un serafín:
lévovos no corasón;
pedídelle a Dios por min,
miña Virxe da Asunción.–Xa se oien lonxe, moi lonxe,
as campanas do Pomar;
para min, ¡ai!, coitadiño,
nunca máis han de tocar.–Xa se oien lonxe, máis lonxe…
Cada balada é un dolor;
voume soio, sin arrimo…
Miña terra, ¡adiós!, ¡adiós!–¡Adiós tamén, queridiña…!
¡Adiós por sempre quizais…!
Dígoche este adiós chorando
desde a beiriña do mar.–Non me olvides, queridiña,
si morro de soidás
tantas légoas mar adentro…
¡Miña casiña!, ¡meu lar!Rosalía de Castro: “Cantares gallegos” (1863)
Bos versos nunha boa voz
Resulta canto menos curioso e sempre agradable escoitar unha nova versión dos versos de Rosalía de Castro na bonita voz dunha das figuras da canción folk. Todo un descubrimento, non si?
Adiós ríos, adiós fontes
Joan Baez
Vigo (2010)
[…]
Adiós, ríos; adiós, fontes;
adiós, regatos pequenos;
adiós, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.Miña terra, miña terra,
terra donde me eu criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei,prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento,muíño dos castañares,
noites craras de luar,
campaniñas trimbadoras
da igrexiña do lugar,amoriñas das silveiras
que eu lle daba ó meu amor,
caminiños antre o millo,
¡adiós, para sempre adiós![…]
Ata sempre á Nosa Terra
Despedidas, despedidas e máis despedidas.
Esta tiñámola pendente dende o venres pasado, cando o xornal dixital, antes semanario, A Nosa Terra anunciaba que as súas publicacións remataban. Se ben o semanario deixara de publicarse en papel en setembro do ano pasado, a edición dixital mantíñase.
Desaparece outro medio de comunicación en galego. Desaparece, por cuarta vez, unha cabeceira con 104 anos (divididos en catro etapas) de historia.
Quédanos o consolo de que, se tres veces renaceu das súas cinzas, tal vez haxa unha cuarta nun futuro. Que sexa pronto!
Novas letras
Como presta rematar de comer, deitarse no sofá, prender o televisor… e poñer a galega para ver o Cifras e Letras!
Son máis de 5 anos dende que comezou a emitirse a versión galega deste concurso, baseado no francés Des chiffres et des lettres e que coñeceramos a comezos da década dos 90 cando comezou a emitirse en La 2 a versión española. 5 anos nos que o humorista, actor, músico… Paco Lodeiro (do que me declaro fan absoluto) vén conducindo o programa acompañado do físico Jorge Mira e da escritora Yolanda Castaño como expertos en cifras e en letras respectivamente.
Ata hai unha semana, posto que o pasado martes a tamén escritora María Canosa tomaba o relevo de Yolanda Castaño (que deixa o programa para centrarse na súa faceta literaria).
Así que temos novo equipo para as sobremesas da TVG.
Que dure!
Hoxe é o Día Europeo das Linguas 2011
O Día Europeo das Linguas celébrase o 26 de setembro de cada ano dende que en 2001 se fixo por primeira vez. O seu obxectivo é o de promover a diversidade lingüística e cultural de Europa, coa finalidade de preservala e fomentala.
Sabiades que as 23 linguas oficiais da Unión Europea cos idiomas de máis de 60 comunidades? Pois neste pdf (ou nesta presentación), que recolle o texto proposto polo Consello de Europa para este Día Europeo das Linguas poderedes encontrar moitos máis feitos sobre as linguas do mundo. Por que non lle botades unha ollada para celebralo?
O último (que non o derradeiro) de The Homens
Hoxe é día de despedidas, aínda que vos imos falar dunha que non o é tanto, posto que non é definitiva.
A estas horas estase a celebrar no Cine Alovi de As Pontes o que será o último concerto dunha banda que durante os últimos sete anos se empeñou en demostrar (con éxito) que o galego é idioma para o power pop: os composteláns The Homens.
E é que o cuarteto viuse obrigado a facer unha paréntese na súa traxectoria. Como eles mesmos explican no seu blogue:
O concerto que The Homens daremos en As Pontes (Cine Alovi, 21.00 horas) o próximo venres 23 vai ser especial por varias razóns. Por un lado, será a primeira vez que toquemos na vila natal do noso batería, ilustre pontés e encargado da pirotecnia na romaría da Esfarrapa; para celebralo, faremos un programa ‘medio-medio’, coma os vermús dos profesionais, comezando cunminiset acústico e acabando en eléctrico desbocado.
Por outra parte, o bolo das Pontes vai ser o último que deamos nunha boa temporada. Xocas marcha un tempo para a emigración, así que o resto dos Homens pasaremos á clandestinidade e aproveitaremos para facer outras cousas, escribir cancións novas, engomar, sobrevivir, contribuír á revolución e reflexionar sobre a pesca da troita en América.
Gracias por todo. Seguiremos informando.
Así que dende Xavedes! decímoslles ata logo (adeus non!) botándolle un vistazo ao seu celebérrimo vídeo Calamar.
Calamar
The Homens
Tres (2007)
!
Da fala que se perde
E xa que o outro día andabamos a voltas cos ditos, hoxe recuperamos un artigo publicado a finais de febreiro en La Voz de Galicia. Está extraído da sección Ferrol, Ferrol, onde eu nacín, que tódolos domingos nos trae o humorista gráfico Siro (podédela atopar na contraportada do caderniño local).
Leva por título Da fala que se perde, e nel cóntanos que:
Son moitas as palabras e expresións -algunhas típicamente ferrolás […] – que van desaparecendo da fala coloquial.
, para a continuación facer un pequeno percorrido por algunha delas. Pinchade aquí para acceder ao artigo completo.
E vos, seguides a empregar algunha delas?
Nin Xornal nin .com
Vaia racha levamos! Hai uns días comentabamos como nos sorprendera en plenas vacacións a noticia do peche da edición impresa de Xornal de Galicia e animábamosvos a seguir visitando a súa edición dixital. Onte quedabamos coa boca aberta ao coñecer que Xornal.com tamén botará, en breve, o peche.
Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, Xornal.com… o dito: vaia racha levamos!
#twitterengalego
Este fin de semana houbo movida en Twitter a conta de que esta rede social non só non conta entre os idiomas dispoñibles co catalán, o éuscaro ou o galego, senon que nin sequera tivo a ben incluílos na listaxe de linguas ás que traducila nun futuro próximo.
O hashtag #twitterencatalá, demandando Twitter neste idioma, pronto se fixo notar entre os temas do momento (xasabedes, os famosos Trending Topics), e #twitterengalego non se quedou atrás. Como exemplo, valla este chío de Julia Otero que une ambos os dous.
Pero, como conseguilo? Pois se sodes usuarios de Twitter e queredes que estea dispoñible no noso idioma, podedes apoiar esta petición ofrecéndovos como tradutores. Só tedes que encher o formulario que atoparedes na seguinte ligazón: https://spreadsheets.google.com/spreadsheet/viewform?formkey=dGNNMlNfWjRKaUFqLXQxQVlLbVhIWnc6MQ&ifq
Botades unha man?
Dito! | Cando chove…
Cando chove e fai sol anda o demo por Ferrol
Amiguiños si, pero o iPhoniño polo que vale
Xa tiñamos en mente falarvos de Refraneiro Galego, unha aplicación para o sistema operativo de Apple que dende a semana pasada se pode adquirir na Apple Store a un prezo de 0,79 €, pero como onte nos atopamos con que esta aplicación alcanzaba o segundo posto no Top 25 da tenda de Apple na súa categoría (Referencia), pois xa non podiamos adialo máis.
E en que consiste Refraneiro Galego? Pois trátase dunha completa colección de refráns e ditos populares da lingua galega.
Dispoñible (polo momento) para o iPhone, o iPad e o iPod, esta aplicación permítenos consultar, sen necesidade de estarmos conectados á internet, a súa base de datos, que contén cerca de 10.000! refráns.
Ademais, podemos realizar buscas por palabras, visualizar refráns ao chou ou pedirlle que nos descubra un novo cada día.
Que vos parece? Eu sei dun que non vai tardar moito en descargala! (e se non, sempre podedes visitar o seu sitio web, refraneirogalego.com, e desfrutar dunha versión reducida da mesma)
Palabra! | embigo
embigo s.m. Cicatriz arredondada que teñen os mamíferos no medio do ventre, como resto do cordón umbilical. Ten o embigo un pouco saído para fóra.
O Café de Melpómene
Tedes plan para este domingo? Dicímolo porque ese día (18 de setembro) a Asociación Teatral “O Aturuxo de Melpómene” estrea, no Auditorio do Concello de Narón, a obra Café.
Dende aquí animámosvos a ir a vela.
Mirade que temos a unha ex-alumna do Lestonnac entre o elenco de actores! (como tiramos para casa, eh? ;) )
Cita! | Celso Emilio Ferreiro
Miña nai deume os camiños
e o meu pai deixoume o mar
non tiñan máis que deixarme
nin eu penso máis deixar.Celso Emilio Ferreiro
Durante o verán (II): Celso Emilio Ferreiro volve a Caracas
Outras noticias que coñecemos durante o período vacacional estiveron dodatas dun carácter moito máis positivo.
Onte achegábamosvos un poema de Celso Emilio Ferreiro, hoxe seguimos falando do autor de Longa noite de pedra, posto que hai uns días soubemos que vai dar nome a unha rúa… en Caracas!
Unha decisión xustificada «No solo en atención a la trayectoria literaria del poeta Ferreiro Míguez, sino que al propio tiempo conocemos el compromiso social y político que acompañó a este insigne poeta a lo largo de toda su prolífera vida» e «el grato recuerdo que dejó en los caraqueños la permanencia en esta ciudad de este laureado poeta (ya fallecido) entre mediados de los años sesenta y principios de la siguiente década». E é que Celso Emilio viviu en Venezuela durante 7 anos, dende 1966 ata 1973.
Agora, o que ata agora era a Cuarta Transversal de Maripérez (rúa que podedes observar na imaxe inferior), levará o seu nome.
Unha merecida homenaxe de cara ao centenario do nacemento do poeta de Celanova, que celebraremos este vindeiro 2012.
Deitado frente ao mar…
Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa nan saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruís e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os valeiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño…Celso Emilio Ferreiro: “Longa noite de pedra” (1962)
Durante o verán (I)
Comezamos o repaso dalgunhas novas relacionadas coa nosa lingua que aínda non comentamos no noso blogue, posto que se produciron mentres descansabamos.
Unha delas, ben triste, é a desaparición da versión impresa do Xornal de Galicia, o único diario que quedaba nos quioscos no que o galego tiña un papel protagonista (resiste, polo menos, o gratuíto De Luns a Venres).
Iso si, como nos din na súa última portada, Xornal de Galicia non desaparece por completo, posto que segue vivo na rede, alí onde comezou a súa andaina hai xa case 13 anos.
Haberá que facerlles unha visita, non si?
Palabra! | orballo
orballo s.m. 1. Chuvia fina e compacta. O orballo vai mollando pouquiño a pouco. SIN. babuña,babuxa, chuvisca, poalla, zarzallo. 2. Humidade do aire que, co frío da noite se condensa e se deposita en pingas pequenas. Ó amencer, as plantas estaban cubertas de orballo. SIN. resío,rosada.
Aquí estamos de novo!
1 de Setembro: deixamos a praia (aínda que por aquí pouco a pisamos) e volvemos ao cole.
Animádesvos a pasar un ano con nós?
Comentarios recentes