Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Arquivo para Decembro, 2019

Non é verán de Estrella Damm, A Canción d10z!

Xa temos canción gañadora!

Os maiores do noso colexio decidiron nomear como mellor canción en galego dos anos 10, é dicir, como A Canción d10z! Non é verán de Estrella Damm, dos coruñeses Ezetaerre.

Dezaseisavos (A canción d10z) (1) (2) (1) (2) (1) (1) (1) (4) (1).jpg

Hoxe, despois de votar unhas disputadísimas semifinais (que se decidiron, ambas, por unha marxe estreitíiiiisima) Corasón de carballo, dos Heredeiros da Crus e o tema gañador disputaron a final do noso certame, nunha última votación que remataba unha actividade que veu ocupando as sesións de titoría das seis últimas semanas.

Nela, o noso esixente xurado decidiu premiar á este temazo cheo de crítica social co que os Ezetaerre deron resposta en 2017 aos célebres anuncios estivais da marca de cervexas mediterránea do título.

E se o premio do xurado xa está outorgado, o do público aínda está por decidirse. O día de ano vello pecharemos a última das votacións que, de forma paralela, estamos propoñendo en Twitter. Animádevos a participar!

Terá a o mesmo resultado final? Para axudarvos a decidir, deixámosvos coa canción gañadora para os nosos rapaces e rapazas. Felices anos 20 a todos!


Outras d10z! | Pantis

Hoxe tamén sumamos d10z!

E facémolo cun Rubén Domínguez que xa nos visitou con Chicharrón e cos Telephones Rouges. De Pantis, o seu proxecto en solitario, seleccionámosvos este Lea, que pecha o seu primeiro traballo.


Outras d10z! | Os Benignos

Moito metal na canción que engadimos hoxe á lista.

Pero non é metal deste 🤘🏻, senón deste 🎷🎺. O que tan ben acompaña o ska e mailo reggae que Os Benignos nos traen dende Cedeira. Aquí vos deixamos A revolta, o tema que abre a súa primeira maqueta.

A revolta
Os Benignos
Os Benignos (2018)


A Canción d10z! (Semifinais)

Xa queda pouco para coñecer cal é, para os maiores do noso cole, a canción d10z destes anos 10. Estamos en semifinais!

A rapazada vén de decidir que a 1ª semifinal enfronte o hip hop d’A Catapulta de Dios Ke Te Crew coa balada rock Corasón de carballo, dos Heredeiros da Crus.

 

A 2ª terá un carácter marcademente reivindicativo, urbano e xuvenil: os ponteareáns SonDaRúa co seu Liberando mentes ante os coruñeses Ezetaerre e o seu aviso de que  Non é verán de Estrella Damm.

Manterémosvos informados. A gran final agarda!

Dezaseisavos (A canción d10z) (1) (2) (1) (2) (1) (1).jpg


Outras d10z! | Espiño

Non paramos de engadir cancións á nosa lista d10z.

Espiño é o último proxecto do músico e investigador musical compostelán Alfonso Espiño (Contrastes, Mega Purple Sex Toy Kit, Los Chavales…). Do ecléctico deste Espiño, Vol. I que saíu ao mercado hai un par de anos dá testemuña este alucinante Ovni sobre o Val do Dubra.

Ovni sobre o Val do Dubra
Espiño
Espiño, Vol. I (2017)

 


Outras d10z! | Ezetaerre (II)

Á hora de engadir novas cancións á nosa lista queriamos primar a artistas que non puideramos incluír na nosa selección inicial, pero desta vez imos saltarnos a norma porque a ocasión o merece.

E é que hoxe mesmo os Ezetaerre lanzaban o seu novo sinxelo: A insurxencia por vir. Un bombazo na liña do seu rap combativo que adican “a todas as que se xogan a vida e a liberdade para defender ao seu pobo fronte a barbarie”.

A insurxencia por vir
Ezetaerre
A insurxencia por vir (Sinxelo) (2019)

🚨


A Canción d10z (Cuartos de final)

Nós xa temos cuartos de final!

As nosas rapazas e os nosos rapaces votaron hoxe as eliminatorias de oitavos (por aquí temos que ir un chisco máis rápido, que o ano remátano antes 😜), e decidiron que os seus cuartofinalistas sexan Familia Caamagno, Dios Ke Te Crew, Eladio y Los Seres Queridos, Heredeiros da Crus, Skandalo GZ, SonDaRúa, Ezetaerre e Iván Ferreiro.

Dezaseisavos (A canción d10z) (1) (2) (1) (2) (1).jpg

Só quedan 8! Cal acabará sendo a nosa canción d10z?


Outras d10z! | Alto Asalto

De entre os variados estilos aos que pertencen as 32 cancións que seleccionamos para a nosa actividade, o hip hop parece ser o de máis éxito se ollamos ás eleccións da nosa rapazada. Hoxe traémosvos outro tema deste estilo urbano, Caixa de cristal, dos composteláns Alto Asalto, canción escollida polos seguidores e o equipo de Hip Hop en galego como o mellor tema en galego do ano pasado.

Caixa de cristal
Alto Asalto
Soños e quimeras (2018)


Outras d10z! | Cuarta Xusta

Seguimos a engadir cancións á nosa lista de cancións d10z. Hoxe traémosvos o rock cheo de contido de Cuarta Xusta. A inxustizas sociais sobre as que derraman a súa música quedan ben exemplificadas no poderoso deste himno feminista: Querémonos libres.

Querémonos libres
Cuarta Xusta
Un novo espertar (2018)


A Canción d10z! (Oitavos de final)

Xa están configuradas as eliminatorias de oitavos de final d’A Canción d10z!

Despois de 4 semanas nas que o noso alumnado foi coñecendo as 32 cancións participantes e elixindo as súas primeiras favoritas, agora podedes ver cal é o seguinte paso no camiño que nos leva ata a canción (en galego) 10 dos anos 10:

Oitavos (Cadro alumnado)

Lembrade que se tedes conta de Twitter vós tamén podedes participar no noso xogo votando nesa rede social polas vosas favoritas. Só tedes que entrar na nosa conta (@xavedes) e seguir o noso fío de votacións. Alí, despois das primeiras votacións, o cadro quedou un pouco distinto:

Oitavos (Cadro Twitter).jpg

Animádevos a participar! Cales serán as nosas gañadoras?


Outras d10z! | Atrás Tigre

Hoxe, outro exemplo de pop d10z! Os composteláns Atrás Tigre lanzaron en maio de 2017 Fainos saír, o seu primeiro longa duración. Ábreno os emocionantes teclados de Tempo mecánica.


Outras d10z! | Arrhythmia

Máis canción d10z! É o momento de visitar un estilo ao que aínda non nos achegáramos neste repaso á música en galego dos anos 10: o metal. Facémolo cos lucenses Arrhtyhmia, gañadores do Premio Martín Códax o ano pasado como mellor banda galega de metal e do Band Contest do Resurrection Fest neste 2019. Deles traémosvos A cea dos malditos, sinxelo de 2018 no que contan coa colaboración do cantante da banda asturiana Desakato.

A cea dos malditos
Arrhyhthmia
A cea dos malditos  (2018)


Outras d10z! | Tanxugueiras

Seguimos con outras cancións que tamén son d10z. Hai apenas dúas semanas que saíu á rúa o novo disco de Tanxugueiras e vai camiño de repetir o éxito do seu traballo anterior, Mellor álbum galego de 2018 nos Premios MIN de la Música Independiente. Só hai que escoitar esta marabilla que é Desposorio para decatarse.

Desposorio
Tanxugueiras
Contrapunto (2019)


Outras d10z! | Roger de Flor

Coas 8 últimas pezas que vos traemos esta semana xa está completa a nosa lista de trinta e dúas cancións 10. Trinta e dous temas do mellorciño da música en galego dos últimos dez anos de entre os que o noso alumnado elixirá ao seu favorito.

A pena que nos queda é non ter feito oco para máis. Porque por cancións e artistas non foi. Aid, Atrás Tigre, Arrhythmia, Bastards on Parade, Os Benignos, Budiño, Cuarta Xusta, Emilio José, Espiño, Festicultores Troupe, Grampoder, Guezos, Los Jinetes del Trópico, Medomedá, Mercedes Peón, Mounqup, Musel, Os da Ría, Pantis, Rodrigo Cuevas, Roger de Flor, The Skarnivals, Tanxugueiras, Zënzar… e tantos outros que poderían facilmente ter formado parte da nosa selección. Se ata nos dá rabia parar agora!

Por iso imos ir traendo ao noso blogue unha nova canción cada día de entre as que tivemos que deixar fóra do noso xogo, comezando coa que nos propón o propio Roger de Flor.

Dende aquí ao ladiño, dende Limodre, aí vai esta fermosura pop: Estoupará.

Estoupará
Roger de Flor
Apelón (2016)

(Podedes atopar esta canción, xunto coas 32 iniciais, na lista de reprodución d‘A Canción d10z! en Spotify)


Dezaseisavos de final: Novedades Carminha ou Boyanka Kostova?

Estádesvos divertindo co noso xogo? Pois coas cancións da nosa última eliminatoria de dezaseisavos ídelo facer todavía máis.

Novedades Carminha é probablemente a banda galega de maior éxito da actualidade. E aínda que non se prodigan moito na nosa lingua, o seu Juventud infinita de 2014 incluía esta oda ao deporte de andar por casa que é Non quito o chándal.

Non quito o chándal
Novedades Carminha
Juventud Infinita (2014)

Nome deportivo (de levantadora de peso búlgara, concretamente) teñen tamén os Boyanka Kostova, pioneiros do trap galego, que nos traen este tema cheo de amor rural.

Leiraz
Boyanka Kostova
Vella canción galega (2018)


Dezaseisavos de final: Das Kapital ou Rebeliom do Inframundo?

Esta eliminatoria poderíase estudar na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

Das Kapital xa ten nome de tractado económico, pero ademais esta canción e o álbum homónimo da que se extrae son unha radiografía dos anos da crise económica pola que transitamos no cambio de década.

Grecia
Das Kapital
Grecia (2013)

E para lembrarnos a cara máis dura do sistema temos a Rebeliom do Inframundo, que nos trae esta historia sobre o difícil de atopar traballo que é Móve-te.

Móve-te
Rebeliom do Inframundo
Lume e rebeliom (2016)


Dezaseisavos de final: Terbutalina ou Telephones Rouges?

A nosa eliminatoria máis punk ⚡️

Por un lado temos aos Terbutalina, unha das bandas galegas máis valoradas fóra do noso territorio na actualidade. As súas pastillas de punk rock frenético curan calquer mal, como nos avisan neste Ninguén che quere e podedes comprobar en calquera dos seus concertos.

Ninguén che quere
Terbutalina
Sonido Esteiro (2017)

Por outro atopamos aos xa extintos Telephones Rouges demostrando dende O Grove o ben que lle acae ao garaxe a nosa lingua.

Ei meu
Telephones Rouges
Max Split (2011)


Dezaseisavos de final: Dakidarría ou Dios Ke Te Crew

Aquí crúzanse dous grupos que ao longo destes anos foron converténdose en dous clásicos da nosa escena.

A comezos da década os Dakidarría lanzaban este Terra, un tema no que recorren media Galicia comezando polo Cabo de Ortegal, como podemos ver neste vídeo no que atoparedes a outros grandes da música en galego como Javi Maneiro dos Heredeiros da Crus, Xurxo Souto d’Os Diplomáticos de Montealto ou García MC, por aquela compoñente do grupo que vén a continuación.

Terra
Dakidarría
Utopías emergentes (2011)

Pioneiros do hip hop na nosa lingua son estes Dios Ke Te Crew que rematan a década con ánimos renovados publicando un novo álbum no que inclúen esta auténtica bomba sonora que é A catapulta. 💣

A catapulta
Dios Ke Te Crew
O ciclo da serpe (2019)