Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Rebumbio

Certame Literario Letras Galegas 2022

As nosas letras necesitan de novos autores. Animádevos a participar!

Podedes consultar as bases aquí.


IX Concurso de Relatos Ilustrados

Equipo de Dinamización da Lingua Galega convoca unha nova edición do Concurso de Poemas e Relatos Ilustradosque nesta ocasión quere dedicar á memoria de Xela Arias.

Premede sobre a imaxe para consultar as bases en formato PDF:

Os textos a ilustrar para cada categoría podédelos atopar na seguinte ligazón.


Día de Rosalía 2021

Nun día coma hoxe, un 24 de febreiro do ano 1837, nacía a figura máis senlleira e universal da literatura galega de todos os tempos: Rosalía de Castro.  

Nós queremos conmemorar o Día de Rosalía lembrando o poema “¡Pra a Habana!” do seu libro Follas Novas. “¡Pra a Habana!” é un poema que se insire dentro do apartado “As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos” no que, a través de 31 poemas, Rosalía plasma a súa lírica máis solidaria.  

A autora céntrase no fenómeno da emigración e nas causas que o provocan (excesivos impostos, atraso económico, abusos dos poderosos, fames…). Vaino facer sobre todo desde a solidariedade, a admiración e a identificación coas mulleres campesiñas galegas do seu tempo, como grupo máis representativo do pobo, condenadas a vivir en soidade, valéndose por si mesmas, criando en solitario os fillos, con dobre xornada de traballo (no campo e máis na casa). 

Ademais, o EDLG quere aproveitar esta data tan especial, para anunciar os gañadores do XX Certame de Cartas de Amor Candeloria 2021:

Pena de non poder estar convosco para darlles un forte aplauso aos gañadores, pero esperamos que os vosos se escoiten ben alto dende as vosas aulas.   

Feliz día de Rosalía e moito SENTIDIÑO!!! 


E o venres?

Calcetíns por riba da roupa, camiseta de flores ou mandil a colores, algo ao pescozo, zapatos de diferente par, ben saia escocesa, ben tutú, ben bañador, ben bermuda e…

O venres, mira ti que ben!

ao Meco xa todo…

tanto lle ten!

Vistas o que vistas,

ti sempre vas ben!!

O Meco vaite animar e…

o Entorilo…

vaino axudar!!!


Que manda o Meco para o martes?

Que ordena o Meco engadir aos calcetíns por riba da roupa?

O martes, a escoller,

por riba da roupa…

camiseta de flores

ou mandil a colores.

Aínda que nós podamos rir,

ti… poderás elixir!


Chegou o Meco!

Se queres o entroido gozar… ao Meco terás que escoitar!

O luns,

por riba da roupa,

a non tardar,

os teus calcetíns

deberás ensinar!

Elixe tamaño…

elixe colores…

Xa se ve,

os teus son os mellores!!!


Exposición Concurso de Relatos Ilustrados


VIII Concurso de relatos ilustrados

Equipo de Dinamización da Lingua Galega convoca unha nova edición do Concurso de Relatos Ilustradosque nesta ocasión quere dedicar á memoria de Ricardo Carvalho Calero.

Premede sobre a imaxe para consultar as bases en formato PDF:

Os textos a ilustrar para cada categoría, podédelos atopar pinchando na seguinte ligazón.


Acto das Letras Galegas 2020

Este ano non nos poderemos xuntar no salón para o noso tradicional Acto das Letras Galegas, pero iso non quere dicir que quedemos sen el. Será en formato virtual e reducido, pero puxémoslle as mesmas ganas de sempre.

O primeiro é rendirlle homenaxe ao autor. Aquí tedes unha pequena presentación que pretende resumir a achega que Ricardo Carvalho Calero fixo ás nosas letras e á nosa cultura:

Agora, unha sorpresa: o grupo Da Man, integrado polos nosos profesores Diego, Marta e Salva, interpreta esta adaptación aos tempos que corren do Adiós ríos, adiós fontes de Rosalía musicado por Amancio Prada, obra da violonchelista Alessandra Gallo. Aquí podedes atopar a letra para que cantedes con eles este himno:

E outra sorpresa máis. A crise da COVID tamén nos deixou sen maios este ano, pero Elena vaille poñer remedio. Aquí nos trae este, especialmente dedicado para o alumnado de 5º de Primaria:

E así rematamos este acto virtual. Que soe o noso himno! 🙂


Outras d10z! | Os Benignos

Moito metal na canción que engadimos hoxe á lista.

Pero non é metal deste 🤘🏻, senón deste 🎷🎺. O que tan ben acompaña o ska e mailo reggae que Os Benignos nos traen dende Cedeira. Aquí vos deixamos A revolta, o tema que abre a súa primeira maqueta.

A revolta
Os Benignos
Os Benignos (2018)


Dezaseisavos de final: Dakidarría ou Dios Ke Te Crew

Aquí crúzanse dous grupos que ao longo destes anos foron converténdose en dous clásicos da nosa escena.

A comezos da década os Dakidarría lanzaban este Terra, un tema no que recorren media Galicia comezando polo Cabo de Ortegal, como podemos ver neste vídeo no que atoparedes a outros grandes da música en galego como Javi Maneiro dos Heredeiros da Crus, Xurxo Souto d’Os Diplomáticos de Montealto ou García MC, por aquela compoñente do grupo que vén a continuación.

Terra
Dakidarría
Utopías emergentes (2011)

Pioneiros do hip hop na nosa lingua son estes Dios Ke Te Crew que rematan a década con ánimos renovados publicando un novo álbum no que inclúen esta auténtica bomba sonora que é A catapulta. 💣

A catapulta
Dios Ke Te Crew
O ciclo da serpe (2019)


Dezaseisavos de final: Guadi Galego ou Iván Ferreiro

O mar bate contra esta 8ª eliminatoria. 🌊

O mar de Cedeira que nos trae unha das voces máis importantes da nosa música, a de Guadi Galego, nunha canción publicada por vez primeira no ano 2016 e da que vén de gravar unha nova versión acompañada precisamente do outro protagonista deste enfrontamento: Iván Ferreiro.

Cedeira
Guadi Galego
O mundo está parado (2016)

Un mar que tamén está presente na sintonía que o músico vigués compuxo para a cabeceira de Fariña, a serie de televisión que conta a historia do narcotráfico no noso país na década dos 80, e que logrou traspasar as fronteiras da pequena pantalla para convertirse en todo un himno na Galicia de comezos de 2018.

Fariña
Iván Ferreiro
Fariña Misturas (2018)


A Canción d10z!

A década está a piques de rematar. E non se nos ocorre mellor maneira de celebralo que lembrar as grandes cancións escritas no noso idioma que nos deixaron estes anos 10.

A iso se van dedicar os maiores do noso colexio ao longo das vindeiras semanas: a escoller, de entre unha serie de cancións que o Equipo de Dinamización da Lingua Galega seleccionou para eles, a mellor canción na nosa lingua dos últimos dez anos. Con esta iniciativa buscamos que rapazas e rapaces se familiaricen coas expresións musicais actuais en galego, que se cadra descubran novos grupos favoritos, e finalmente que rachen cos prexuízos que reducen o uso do galego na música ao ámbito tradicional. Rock, hip hop, pop, ska, folk, electrónica… ata o trap estará presente nun cadro que iremos enchendo durante as próximas semanas e no que xa se poden ver os 8 primeiros artistas en liza.

Dezaseisavos (A canción d10z)v3-pdf (1).jpg

32  cancións de 32 intérpretes do noso país publicadas entre 2010 e este 2019 iranse enfrontando entre si ronda tras ronda ata que só quede unha, que o noso esixente xurado nomeará como Mellor canción en galego da década. Unha canción de 10 para os anos 10.


A Ciencia, tamén en…

Iniciamos a celebración do Día da Ciencia en Galego, que coma sempre transformamos na Semana da Ciencia en Galego no Lestonnac, compartindo o vídeo que dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, coa colaboración dos nenos e nenas do colexio, elaboramos para a ocasión.

A temática elixida conecta coa que escolleu a Institución Galega de Ciencia para este X Día da Ciencia en Galego, que xira ao redor da declaración de 2019 como Ano Internacional das Linguas Indíxenas. A nosa mensaxe: “A Ciencia, tamén en…”.

A ciencia, tamén nas linguas rexionais ou minoritarias. A ciencia, tamén en aragonés, asturiano, bretón, catalán, corso, éuscaro, frisón, gaélico escocés, galés, occitano, sardo, yiddish… Tamén en galego!

diadaciencia2019


Candeloria 2018

Animádevos a participar!

Cartel Candeloria 2018.png

Podedes consultar as bases aquí.


V Concurso de Relatos Ilustrados

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega convoca a V Edición do Concurso de Relatos Ilustrados, dedicado esta vez a Carlos Casares. Podedes consultar as bases pinchando na seguinte imaxe.

V Concurso de Relatos Ilustrados

Podedes atopar os textos a ilustrar aquí.


A Física e a Química, tamén en galego

No Lestonnac estamos a celebrar a Semana da Ciencia en Galego, así que dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega preparamos, con axuda de nenos e nenas de todos os cursos, unha serie de vídeos sobre o uso do galego nas ciencias. Este é o primeiro, coa Física e a Química como protagonistas. Esperamos que vos guste.


Candeloria 2017

Animádevos a participar!

Captura de pantalla 2017-01-25 a la(s) 20.18.46.png

Podedes consultar as bases aquí.


SUNS Europe: Familia Caamagno (on my mind)

Entre o 29 de novembro e o 3 de decembro vaise celebrar na cidade de Udine (en Friuli, no noroeste de Italia) o SUNS Europe, o Festival Europeo das Artes Escénicas en Linguas Europeas Minorizadas.

14330033_1740129736249944_6871645040212247325_n

O festival, que cada ano premia ás mellores producións artísticas en linguas minorizadas de todo o continente europeo, pretende ser “un punto de encontro e intercambio entre artistas, linguas e comunidades que empregan a súa lingua para afirmarse a si mesmos dende un punto de vista singular”.

Se ben a literatura e o cine tamén van estar presentes, hoxe falámosvos deste acontecemento debido á súa vertente musical. E é que a banda de Sigüeiro Familia Caamagno, vén de ser seleccionada polo xurado do Festival da Canción das Linguas Minorizadas como un dos 8 participantes na fase final deste evento que terá lugar no Teatro Giovanni da Udine o 3 de decembro no marco do SUNS Europe. Así o anunciaban onte no seu Facebook e na súa conta de Twitter:

Os caamagnos participan co tema Lausanne (on my mind), cuxa letra está baseada no poema de Alberto Lema Crónica do chan e que está incluído no seu último traballo Para unha vez que saímos:

Segue o mar a bater,
segue e ten presa por vencer,
mira esas rochas non poden máis,
xa son area e non poden máis

Sei falar miña nai
daquel traballo daquel verán
pero xa non sei facer o pan,
eu sólo sei comer o pan

El marchouse para Laussanne,
el verame a min marchar

Quen nos aprendeu a perder, papá?
Lembra o seu nome e ese lugar,
que non dixo que hai que perdoar,
non sabía máis

Segue o mar a bater,
segue e ten presa por vencer,
mira esas rochas non poden máis,
xa son area e non poden máis

Somos netos de aquel
que xa non oe e xa non ve,
foi con vinte anos e gagnou,
contra o seu bando e gagnou

El marchouse para Laussanne,
el verame a min marchar

Quen nos aprendeu a perder, papá?
Lembra o seu nome e ese lugar,
que non dixo que hai que perdoar,
non sabía máis

A relación completa de finalistas é a seguinte (BANDA // Canción // Lingua):

VERONIKA USHOLIK // Kakomey // Chukchi
BRIEG GUERVENO // En Desped // Bretón
STESO // Bruni // Feroés
FAMILIA CAAMAGNO // Lausanne // Galego
IMLÉ // Fún Orm // Irlandés
AON TEANGA:UN ÇHENGEY // Creggyn Scarleode // Escocés, Irlandés, Manx
NORMA // Eeb An Flud // Frisón
GURUDE // Kusni Korlan // Khakas

(Dúas bandas máis serán escollidas nunha semifinal que terá lugar o 19 de novembro na localidade de Moena, no Trentino. Ademais, a minoría friulana tamén terá, como organizadora do evento, un representante entre os finalistas.)

Podedes escoitar as cancións seleccionadas polo momento aquí (a nós encántannos todas, pero xa vos podedes imaxinar cal é a nosa favorita 😁 ).

E como eles mesmos din… “Gagnar non gagnaremos (ou si) pero as risas e os bos momentos que imos botar por alí van ser antolóxicos.”. E é que só hai que escoitar os seus discos (podédelo facer no seu Bandcamp) ou asistir a un dos seus concertos (e dicímosvolo por experiencia propia) para darse conta de que isto último está asegurado!

Fertún, que din por aló por Friuli! (ou boa sorte, que dicimos por aquí 😉 )


Candeloria 2016

Animádevos a participar!

Candeloria 2015

Podedes consultar as bases aquí.


III Concurso de Poemas Ilustrados

O noso Concurso de Poemas Ilustrados chega á súa 3ª edición. Este ano viaxaremos aos Séculos Escuros, expresando de forma plástica a nosa literatura popular en verso. Podedes consultar as bases na seguinte ligazón.

Captura de pantalla 2015-11-04 a la(s) 23.10.59

Captura de pantalla 2015-11-04 a la(s) 23.11.25


Hora de votar! (I Concurso de cómic en galego)

Xa lle botastes un ollo aos cómics finalistas? Pois se elexistes o voso favorito, podedes emitir o voso voto a continuación. Só tedes que seleccionar o traballo elexido e despois premer Vote. Só estará permitido un voto por cada ordenador, tableta ou móbil conexión.

E se o que queredes é ver cómo van as votacións, abonda con pulsar en View Results. Agora tocaría dicir “que gañe o mellor”… pero é que son todos xeniais!


Unha viaxe ao pasado: a sociedade medieval

E para axudarvos á hora de preparar os vosos traballos para o II Concurso de Poemas Ilustrados, preparámosvos este documento:

Captura de pantalla 2014-10-17 a la(s) 10.13.25

Unha viaxe ao pasado: a sociedade medieval


Xaestamosdevolta!

1 de setembro e estamos de volta, dispostos a comezar o noso 3º ano escolar na rede. E queremos comezar pedíndovos desculpas por non ternos despedido como Deus manda en xuño; os apuros do final de curso non nos permitiron cumprir coa nosa cita diaria con todos vós. Esperamos poder manter ese ritmo que nos levou a compartir máis de trescentos artigos con vós dende xaneiro de 2011 durante este curso, pero a verdade é que non volo imos poder garantir ao 100%, dado que outros proxectos nos van roubar algo de tempo. De feito, imos comezar reducindo un chisco o noso período de actividade, que este ano queda comezará co comezo das clases na ESO, o 17 de setembro e finalizará o 21 de xuño co remate das mesmas. Prometémosvos, iso si, que ningunha semana deixaremos de asomarnos por aquí.

Pero non imos adiantar acontecementos… De feito, o primeiro que imos facer é devolvervos os 9 artigos que vos debemos dende o final do curso pasado.

E iso vainos ter ocupados ata o mesmo día 17 así que… mans á obra!