Cipriano de Bequelar (Historia de amor e morte)
Este xoves tamén hai teatro en Narón. O colectivo Carrachanacacha (Aturuxo de Melpómene) trae ao auditorio do concello unha peza escrita e dirixida por Leandro Lamas: Cipriano de Bequelar (Historia de amor e morte).
O elenco actoral compóñeno Quique Vázquez, Lorena Montero, Paula Morado e Silvia Casal. A cita, este xoves 20 de Setembro ás 20:30 horas.
E este curso… Roberto Vidal Bolaño
Hoxe, que comezamos un novo curso en secundaria e no noso blogue, aproveitamos para lembrarvos o nome do que será o homenaxeado o Día das Letras Galegas deste vindeiro ano 2013: o dramaturgo compostelá Roberto Vidal Bolaño.
Que teñades todos un bo curso 2012-2013!
Cita! | Proverbio chinés
“Aprender unha lingua é ter unha ventá máis dende a que mirar o mundo”
"学一门语言,就是多一个观察世界的窗户。"Proverbio chinés
Chámalle “xe”!
Á sección matemática do noso Equipo de Dinamización encantoulle a campaña a prol do galego que vén de lanzar a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC.
As matemáticas contan coa súa propia linguaxe, a linguaxe matemática. Comprendela e saber utilizala é unha das competencias que debedes adquirir nos estudos do grao en Matemáticas. Xunta esta habedes conseguir outra: comunicar, tanto por escrito como de forma oral, coñecementos, procedementos, resultados e ideas en matemáticas tanto a un público especializado como non especializado.
Daquela, non só comprenderedes o que é senón que seredes quen de comunicárllelo a outras persoas. E para iso utilizaredes linguas naturais; calquera delas, a que mellor se adapte ao voso interlocutor; e que vós coñezades, naturalmente.
Moitos de vós -probablemente, a maioría- atoparedes en Galicia a vosa saída profesional. Outros sairedes ao exterior. Debedes contar coa mellor preparación posible. Aprendede linguas. Mais seguide aprendendo e cultivando tamén a lingua deste país, o galego, para poderdes trasladarlles a beleza das matemáticas aos galegos e galegas.
E a nós, que tamén temos o noso <<xe>> característico,
non nos fai falla facer moitas contas para asinala por completo.
Bonecas
Hoxe traémosvos unha recomendación teatral. O xoves que vén estréase en Narón a obra Bonecas, escrita e dirixida por Jose L. Prieto e protagonizada por Celia González e Paula Morado.
Clara e Rebeca.
Dúas irmás nunha habitación pasan o tempo oscilando entre a comedia e a traxedia.
Son vítimas inconscientes do perigo que corren.
Son bonecas rotas… pero elas non o saben.
A cita é ás 20:30 horas no Pazo da Cultura do concello naronés. E se non vos cadra ben… que saibades que tedes outra oportunidade o venres 14 á mesma hora.
Portas a Dentro 2012
Unha das cousas que nos quedou pendente a finais do curso pasado foi deixarvos o último número da nosa revista literaria Portas a Dentro (nas rúas dende o 22 de xuño) dispoñible para descarga . Se non lle puidéstedes botar unha ollada á versión en papel, aí vos vai a versión dixital, en PDF, a toda cor.
O noso agradecemento aos redactores, ao persoal de secretaría e a todos aqueles que, dunha ou outra maneira, colaborastes neste novo número.
Ir polo vento e volver polo aire (e viceversa)
Se despediamos esta semana con música, tiña que ser a d‘A Roda.
Pousa, pousa
A Roda
Palabra! | axóuxere
s.m.1. Esfera oca de metal ou doutro material, cunha pequena abertura, que leva dentro unha ou varias boliñas e que, ao ser axitada, produce son. Colgoulle un axóuxere no pescozo ao gato. sin. arouxo, cascabel. 2. Xoguete que consiste nunha ou máis esferas, xeralmente de plástico, con boliñas no seu interior e unidas a un pequeno mango, que serve para entretemento dos meniños. Non lle quites o axóuxere ao neno, que chora. sin. ruxerruxe.
Fito Domínguez (1946-2012)
A cultura galega sufriu esta semana outra irreparable perda, a do cantante dun dos grupos musicais que máis fixo a prol da normalización da nosa lingua dende a década dos 70: A Roda. Adolfo Domínguez Otero, Fito, faleceu o pasado domingo e tampouco queremos pasar sen dicirlle adeus dende o noso blogue.
Avelino Pousa Antelo (1914-2012)
O pasado 21 de agosto faleceu o presidente da Fundación Castelao e histórico galeguista, Avelino Pousa Antelo. Aínda que xa teñan pasado unhas semanas dende o seu pasamento, non queriamos deixar de adicarlle aquí a homenaxe que sen dúbida merece.
Xaestamosdevolta!
1 de setembro e estamos de volta, dispostos a comezar o noso 3º ano escolar na rede. E queremos comezar pedíndovos desculpas por non ternos despedido como Deus manda en xuño; os apuros do final de curso non nos permitiron cumprir coa nosa cita diaria con todos vós. Esperamos poder manter ese ritmo que nos levou a compartir máis de trescentos artigos con vós dende xaneiro de 2011 durante este curso, pero a verdade é que non volo imos poder garantir ao 100%, dado que outros proxectos nos van roubar algo de tempo. De feito, imos comezar reducindo un chisco o noso período de actividade, que este ano queda comezará co comezo das clases na ESO, o 17 de setembro e finalizará o 21 de xuño co remate das mesmas. Prometémosvos, iso si, que ningunha semana deixaremos de asomarnos por aquí.
Pero non imos adiantar acontecementos… De feito, o primeiro que imos facer é devolvervos os 9 artigos que vos debemos dende o final do curso pasado.
E iso vainos ter ocupados ata o mesmo día 17 así que… mans á obra!
Comentarios recentes