Bo Nadal!
Marchamos de vacacións desexándovos a todos unhas felices festas, para o que imos empregar unha postal electrónica elaborada polo alumnado de sexto de infantil do CEIP da Castellana (Aranga) e a pola súa titora, Alba Mª Fernández Castedo. Eles foron os gañadores do Concurso de presentacións electrónicas de Nadal organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Podedes descargala pinchando aquí ou na imaxe inferior.
Podedes ver o resto de presentacións premiadas pinchando na seguinte ligazón.
Ah, e se o que queredes é personalizar as vosas propias postais de felicitación no noso idioma, podedes facelo en www.postaisengalego.com.
Bo Nadal!
Cita! | Estatuto de Autonomía de Galicia
A lingua propia de Galicia é o galego.
Artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía de Galicia (1981)
Palabra! | congostra
congostra s.f. Camiño de carros estreito e profundo, que discorre xeralmente entre valos, cómaros ou outras elevacións do terreo. Había que mete-lo carro de bois por unha congostra para chegar á leira. SIN. corga, corgo, corredoira.
Os Reis Magos falan galego
Xa está aquí o Nadal! E se aínda non botástedes ao correo a carta aos Reis Magos, preparádevos, porque hoxe ímosvos dar unhas cantas ideas. O ano pasado, a CTNL (Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua) e a Deputación da Coruña editaron Agasallo, unha guía con propostas de regalos en galego ideal para estas festas. Libros, discos, aparellos electrónicos, pequenos detalles, roupa, filmes, xogos… todos eles con algo en común: o feito de teren á nosa lingua como protagonista. E aínda que, por desgraza, este ano non puideron repetir a experiencia, a verdade é que a práctica totalidade das propostas teñen a mesma validez para este 2011, así que que mellor que botarlle un ollo antes de selar o sobre. Podedes consultala pinchando aquí ou na imaxe inferior.
Elexide ben… e que non vos traian carbón!
Dito! | Por Santa Lucía…
Por Santa Lucía, mingua a noite e medra o día.
O xénero narrativo do relato curto
Hoxe toca tomar notas. Deixamos a disposición do alumnado de 2º da ESO do noso cole os apuntamentos sobre o relato curto. Podedes descargalos pinchando aquí ou na imaxe inferior.
SondePremios
A bailar! (que tiñamos pendente traervos algo de SondeSeu dende que na pasada edición dos Premios da Crítica Galicia recibiron o galardón na modalidade de música)
Rumbas de Monzo e Vergara
SondeSeu
Mar de Vigo (2003)
O cunqueirazo da ONCE
Achégase a data (é o vindeiro 22 de decembro) na que se cumpren 100 anos do nacemento do célebre escritor, periodista e poeta galego Álvaro Cunqueiro, motivo polo cal a ONCE súmase á multitude de homenaxes que está a recibir o autor mindoniense adicándolle a ilustración do cupón do próximo sábado 10 de decembro.
Nada máis e nada menos que cinco millóns! de cupóns da ONCE homenaxearán, esparexidos por toda a xeografía española, a Cunqueiro a través dunha fotografía da estatua que o lembra no xardín situado nun dos laterais da catedral do seu Mondoñedo natal.
Acompaña á imaxe a lenda “Álvaro Cunqueiro. Mondoñedo 1911-Vigo 1981. Gallego Universal. Poeta. Escritor. Periodista”. Que digo eu, xa postos a homenaxear, podían telo feito en galego, non? Non lles custaba moito, só unha “l” menos en “gallego” (e tampouco creo que ninguén o deixase de entender por iso).
Se é cultura está en Pontevedra: Culturgal 2011
Marchamos de ponte ata o mércores, pero facémolo cunha proposta. O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle dende hoxe venres ata o domingo a que será a IV edición da Feira das Industrias Culturais de Galicia: o Culturgal.
Organizada pola Asociación Culturgal, que agrupa á Asociación Galega de Editores (AGE), a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), a Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (Agaphono), a Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), é un espectacular escaparate no que presentar as novidades dos máis diversos sectores da cultura galega: lanzamentos editoriais teatrais, audiovisuais, discográficos, tecnolóxicos…
Obradoiros, exposicións, contacontos, maxia, teatro, danza, presentacións de libros e discos, conversas… conforman un completísimo programa que podedes consultar aquí.
Café en galego | Decembro
A vindeira semana celebraremos a reunión de Café en galego correspondente ao mes de decembro, polo que dende aquí animamos a tódolos membros da comunidade educativa do noso colexio a participar.
A
2ª REUNIÓN
queda pois fixada para o
Comentarios recentes