Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Arquivo para Marzo, 2012

O novo Dicionario da Real Academia Galega (non era sen tempo)

Non era sen tempo. Case que 11 anos despois da aprobación, o 12 de xullo de 2003, das novas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, xa (ou mellor, por fin!) temos á nosa disposición, para consultar en liña, o Dicionario da Real Academia Galega.

Unha novidade, por certo, que se enmarca dentro dunha completa renovación da páxina web da institución.

Haberá que colocar unha ligazón na barra lateral para cando nos xurda unha dúbida, non? :)


A ESO na Costa da Morte

Os rapaces de 1º, 2º e 3º da ESO do noso colexio realizaron onte unha visita á Costa da Morte.

A primeira parada foi o Castro de Borneiro, en Cabana de Bergantiños,

seguida dunha visita ao célebre Dolmen de Dombate.

Despois, Camariñas,

o impoñente Cabo Vilán,

e, antes de poñer rumbo de volta a Caranza, Buño. 

Unhas marabillas! :)


Palabra! | fechadura

fechadura s.f. Mecanismo de metal que se pon en portas, tapas, etc., para cerralas, e que normalmente se acciona cunha chave. Ponlle unha fechadura ó caixón se non queres que cho abran. SIN. cerradura, pechadura. CF. fecho, ferrollo, peche, pecho.


O que todo galego debe saber do portugués. 2

Segunda entrega da serie de capítulos que o programa Ben falado! lle adicou ás principais diferencias existentes entre o galego e o portugués.


A bandeira

[Extraído de www.xunta.es/a-bandeira]

A bandeira galega disponse en tres módulos de longo por dous de ancho. O matiz de azul da banda é xeralmente celeste subido ou cobalto claro. Esta é a bandeira nacional civil. A chamada do Estado, que é a que debe figurar nos actos oficiais, consta ademais do escudo nacional no centro.

A bandeira de Galicia é, segundo recolle o Artigo 6 do Estatuto de Autonomía, “branca cunha banda diagonal de cor azul que a travesa desde o ángulo superior esquerdo ao inferior dereito”.

Desde as orixes da civilización humana, e como característica universal, xurden as bandeiras. A súa aparición e evolución está ligada ao espírito bélico. Pronto serviu para identificar e diferenciar durante o combate aos exércitos. O que comezou sendo un costume dos pobos orientais, deseguida se espallou a Occidente.

Se o século XVII se caracterizou por un emprego basicamente bélico da bandeira, o XVIII supuxo o nacemento desta como símbolo nacional. Este uso das bandeiras para denotar e reflectir unha idea política reforzouse coa Revolución Francesa. O XIX foi o século da bandeira como representación político-ideolóxica. O XX chegou a ser denominado “o século das bandeiras”, debido ao grande uso deste tipo de símbolos.

Durante a Idade Media os soldados galegos agrupáronse baixo “señas”, “estandartes” ou “pendóns” que non simbolizaban o reino galaico. As súas cores mesmo podían variar dun xefe a outro, aínda que existía certa persistencia do branco.

A partires do século XVII a bandeira galega comezou a aparecer nas publicacións imitando ao escudo: Branca, co copón amarelo no centro, rodeado de seis cruces recortadas.
Non hai testemuños que proben a existencia da actual bandeira con anterioridade ao século XX. A actual bandeira branca con banda azul provén da que tiña a Comandancia da Mariña da Coruña. Primeiro foi adoptada polos emigrantes e máis tarde asumida pola Galicia peninsular.


Palabra! | verme

verme s.m. 1. Animal de corpo brando e alongado, formado por aneis e sen patas, que anda arrastrándose. Algúns vermes coma as miñocas úsanse para pescar. SIN. bechoco, coco2, ronco. 2. Calquera animal que teña o corpo da mesma forma, especialmente as eirugas dos insectos. A mazá tiña un verme. Verme da seda. Nome da larva dun insecto que produce unha substancia coa que, unha vez tratada, se fai un fío e un tecido moi fino.


Cita! | Edgar Allan Poe

[Hoxe é o Día Mundial da Poesía]

Eu definiría, en poucas palabras, a Poesía como A Creación Rítmica da Beleza

I would define, in brief, the Poetry of words as The Rhythmical Creation of Beauty.

Edgar Allan Poe


Carvalho Calero, de Ferrol para o mundo

Volve estar aberta ao público no Centro Cultural Carvalho Calero a exposición Carvalho Calero, de Ferrol para o mundo.

Composta por diversos paneis con información relacionada cos diferentes etapas da vida de Carvalho Calero (“1910-1926. Ferrol: nacemento, infancia e mocidade”; “1926-1932. Universitario en Santiago de Compostela”; “1932-1936. Ferrol e a República”; “1936-1941. Guerra Civil e cárcere”; “1941-1950. Regreso a Ferrol”; “1950-1965. Vida e traballo en Lugo”; “1965.1980. Profesor na Universidade de Santiago”; “1980-1990. Esperar contra toda esperanza”; “1990. Benvido á inmortalidade”; “Adicatorias a Carvalho Calero”, “Obra Póstuma, estudos e homenaxes” e “2010. Centenario desde o Concello de Ferrol”) e dez audiovisuais cunha duración total de hora e media, así como unha colección de libros, fotografías, escritos, documentos e obxectos persoais do escritor ferrolán, estará dispoñible ata finais do mes que vén.


O que todo galego debe saber do portugués. 1

O fantástico programa da TVG Ben Falado! adoita achegarnos interesantísimos contidos relacionados coa nosa lingua, como a serie de capítulos sobre as principais diferenzas existentes entre o galego e a súa lingua irmá, o portugués O que todo galego debe saber do portugués, da que hoxe vos traemos a primeira entrega.


Portas abertas ♪♫♬

Hoxe, no Colexio Lestonnac, celebramos a nosa tradicional Xornada de Portas Abertas, que nesta ocasión xirou en torno á música. Manualidades, karaokes, xogos con música, audicións, exposicións de instrumentos musicais… nun día de convivencia e festa organizado non só para as familias do noso alumnado, senón tamén para todas aquelas familias   interesadas en coñecer o noso centro.

Nós, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, aproveitamos a ocasión para entregar os premios do XI Certame de Cartas de Amor da Candeloria. Noraboa a tódolos premiados e grazas a todos por participar!


Pode ser da NASA ou doutra galaxia

Máis música!

Unha daquelas do Xabarín: Víctor Coyote nunha historia digna de Iker Jiménez.

Pode ser…
Víctor Coyote
A cantar con Xabarín Vol. III e IV (1996)

Eu vou polo monte, miro alí arriba,
vexo a miña tía, vouna a chamar
Unha luz moi forte chega enriba dela,
parece que a leva polo aire a voar.
E na man a corda e á corda atada
a vaca “Rosada” arriba que vai

E soben ó ovni as dúas compañeiras,
a familia enteira vai chorar, ai, ai.
Pode ser que sexan “alienígenas”
e fora que fora as foran a levar

Pode ser que si, pode ser que non,
pode ser que sexa, pode ser ou non.
Pode ser da nasa ou doutra galaxia,
pode ser causa das gafas que eu non mire ben

No lugar dos feitos, perto dunhas matas,
sinto unhas vibratas, elas van voltar.
Dalí a uns días, a tía na casa
falaba coa vaca de física nuclear
Pode ser que sexan “alienígenas”
e fora que fora as foran a levar

Pode ser que si, pode ser que non,
pode ser que sexa, pode ser ou non.
Pode ser da nasa ou doutra galaxia,
pode ser causa das gafas que eu non mire ben

Cando se mirara aquilo!
unha tía e unha vaca
a muller fritía patacas
e o animal a falar:
xa dixeron eles
que todo está na mente,
fai o favor, concéntrate.
Moooi ben!

Pode ser que si, pode ser que non,
pode ser que sexa, pode ser ou non.
Pode ser da nasa ou doutra galaxia,
pode ser causa das gafas que eu non mire ben

Pode ser que si, pode ser que non,
pode ser que sexa, pode ser ou non.
Pode ser da nasa ou doutra galaxia,
pode ser causa das gafas que eu non oia ben


O espazo de Nadadora

Hoxe, algo de música.

Nadadora é unha banda de pop orixinaria do Grove,

e se ben adoitan compoñer os seus temas en español, hai oco nos seus discos para algún corte en galego, como é o caso desta delicia titulada O noso espazo.

O noso espazo
Nadadora
Todo el frío del mundo (2005)

No noso espazo,
ese que se volve infinito
cada vez que o conquistamos,
onde nada nos fai dano,
ese é o noso espazo,
o que nós deseñamos.

De satélites,
estrelas e planetas,
que tan só nós gobernamos,
onde tanto nos gusta refuxiarnos
entre discos e libros
que no chan amoreamos.

Mentras agardamos
que nada poda estropealo,
nin sequera a distancia
que tanto nos separa.


Premios AELG 2012

E se onte atendíamos ás recomendacións dos editores… como non imos atender ás dos escritores! Hai uns días coñecéronse os finalistas aos premios que anualmente concede a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, os Premios AELG 2012, que chegan xa á súa décimo terceira edición.

Así, para cada unha das 8 categorías a concurso, e como resultado dos votos dos 417 socios da AELG, saíron finalistas…

… no apartado de Narrativa:

… no apartado de Ensaio:

… no apartado de Poesía:

… no apartado de Teatro:

… no de apartado de Literatura Infanto-Xuvenil:

… no apartado de Tradución:

… ao Mellor Blog Literario:

… á Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011:

Para informarvos dos gañadores teremos que esperar ao 5 de maio, cando teña lugar a Cea das Letras, na que tamén se entregarán outros dous premios: o premio para a Institución que se caracterizase pola súa contribución á divulgación da literatura galega, que este ano será para os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino ( :) ) e os Servizos de Normalización dos concellos; e mais o Premio AELG 2012 “Escritor Galego Universal”, que este ano lle foi outorgado ao escritor e economista José Luis Sampedro.


A Noite da Edición

Nada nos gusta máis que recomendarvos unha boa lectura, e se son os propios editores os que nos propoñen o que para eles é o mellor do ano…

O pasado venres 9 celebrouse en Santiago de Compostela a VII Noite da Edición de Galicia, que organiza a Asociación Galega de Editores, e nela entregáronse os Premios da Edición correspondentes ao pasado ano 2011, así como o Premio Francisco Fernández del Riego, que foi para Xesús Couceiro e a librería da que é propietario (todo un emblema compostelá), por toda unha vida adicada á promoción do libro e a cultura galega.

E pensamos en traervos ata aquí a relación de premiados (por aquilo de dar ideas…).

– Premio Ánxel Casal ao Libro de ficción do ano 2011:  Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz, editado por Edicións Xerais.

(o xurado concedeulle unha mención especial do xurado á unha obra destinada ao público xuvenil, Centauros do Norte, de Marcos Calveiro, destacando a súa calidade).

– Premio Ánxel Casal ao Libro de non ficción do ano 2011: Obra  Gráfica de Conde Corbal (VV.AA.), editado por Nova Galicia Edicións (o xurado soliciou así mesmo que se lle concedera unha manción a O escano baleiro. No Caurel con Uxío Novoneyra, de Xulio Valcárcel, e a Loita de clases, a represión franquista no mar, de Dionisio Pereira)

– Premio Ánxel Casal ao Libro de poesía ou teatro do ano do ano 2011:  Poesía completa, de Lois Pereiro, editado por Edicións Xerais.

– Premio Xosé Neira Vilas ao Libro infantil e xuvenil do ano  2011Xa me tardan eses magos, de Mamá Cabra, editado por Editorial Galaxia, “pola súa contribución ao achegamento da poesía aos nenos mediante a fusión do texto e a música”.

(con sendas mencións especiais para O Apalpador e a castaña máxica e Canto de Nadal, de Charles Dickens)

Premio Lois Tobío ao Libro traducido do ano 2011: Sonetos de Shakespeare, traducido por Ramón G. Izquierdo, editado por Edicións Xerais, “pola magnífica tradución e edición crítica e pola súa contribución ao enriquecemento do galego cunha obra universal e imprescindible”.

– Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado do ano 2011: Contos por teléfono, de Pablo Otero, editado por Kalandraka Editora.

(Lois Pereiro breve encontro, de Jacobo F. Serrano, do que xa vos falamos aquí hai uns meses, recibiu unha mención especial neste apartado).

– Premio Xosefa Iglesias Vilarelle ó libro educativo do ano 2011As mulleres en Galicia no século XX, de Jesús de Juana e outros, editado por Ir Indo.

(con mención expresa para Un cadro de Velázquez, de Claire D’Harcourt).

Así mesmo, o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora do ano 2011, foi para Xavier Queipo, pola traxectoria da súa obra,

Premio Rosalía de Castro á iniciativa editorial do ano 2011 para Transformacións de álbums ilustrados en series de animación audiovisual: Os contos do camiño e caracois e o Premio Edición Histórica 2012 ao XXV aniversario de Andavira Editora.

O xurado destacou a calidade de todos os finalistas e solicítalle á Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, que se merque un exemplar para cada unha das bibliotecas públicas pertencentes á rede de Bibliotecas de Galicia, así que… xa sabedes onde atopalos!


Carlos Casares… á marxe do tempo

Hoxe cúmprense 10 anos do falecemento do escritor ourensán Carlos Casares. Membro da Real Academia Galega, presidente da Editorial Galaxia, presidente do Consello da Cultura Galega… pero sobre todo, autor de xoias da nosa narrativa como Ilustrísima ou Deus sentado nun sillón azul, biógrafo, ensaísta e mesmo escritor de literatura infantil, con obras como A galiña azul ou As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas.

Iso si, quizais a actividade que máis coñecido o fixo entre o público en xeral foi a xornalística, en especial a columna que con carácter diario e baixo o título de Á marxe (toda unha declaración de intencións) publicou en La Voz de Galicia dende o ano 1992 ata a súa morte. Nesas pezas, que Manuel Rivas describe como “pequenas onzas de ouro que xustifican todo un periódico” (e non podemos estar máis de acordo), Carlos Casares achegábanos a súa particular visión do mundo. Non falaba de nada? Ou falaba de todo?

Podédelo comprobar visitando o blogue que vos recomendamos hoxe: Á Marxe do tempo, no que se recolle unha selección destas columnas.

Diariamente selecciona unha destas marxes de xeito que coincida coa data orixinal de publicación (por exemplo, onte 8 de marzo seleccionouse unha publicada orixinalmente o 8 de marzo de 1995), unha axeitada maneira de comprobar a súa vixencia.

Algúns configúranse como pequenos e deliciosos contos, outros tratan asuntos tan de actualidade que poderían estar escritos, coma quen di, antonte.

Como afirma hoxe Juan Cruz no seu blogue de elpais.com, “Diez años años ya. Parece mentira que pase tanto tiempo de su muerte, pero sobre todo parece mentira que se haya muerto.”

Pois iso.


Hai 10 anos…

morre en Vigo Carlos Casares.


O galego e as leis

Hoxe toca tomar notas. Deixamos a disposición do alumnado de 1º da ESO do noso cole os apuntamentos sobre o relato curto. Podedes descargalos pinchando aquí ou na imaxe inferior.


Xavedes! en portada? Chuza!

Cantas xentiña vos pasou onte polo noso blogue! E todo grazas a que alguén enviou un dos nosos artigos (no que vos falabamos do novo sitio web CanleTV) a Chuza!

E que é Chuza!? Pois Chuza! é un sitio web adicado á promoción de novas galegas, é dicir, unha sorte de Digg ou Menéame galego (de feito o seu código está baseado no deste último). Creado en 2006 por Berto Yáñez, o proxecto está hoxe en día nas mans dunha asociación cultural creada por un grupo de usuarios que, tralo seu peche en xullo do 2010, decidiu mantelo vivo.

Como funciona? Pois en primeiro lugar os usuarios rexistrados envían noticias a Chuza!, noticias que pasan a unha lista de pendentes onde a comunidade a irá valorando positiva ou negativamente, de xeito que a súa valoración (o seu karma) vai aumentando ou diminuíndo ata o momento no que está en disposición ou non de pasar á portada da web. É dicir, son os propios usuarios os que deciden se unha nova é interesante ou non.

Iso foi o que lle pasou onte ao noso artigo, que grazas aos votos positivos dos usuarios acabou na portada de Chuza!

E nós moi agradecidos! :)


Premios Mestre Mateo 2011… votades vós tamén?

A Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer hoxe as candidaturas aos galardóns cos que premia aos profesionais do sector audiovisual galego: os Premios Mestre Mateo.

A serie Matalobos é nesta ocasión a que conta cun maior número de candidaturas, 15 en total, aínda que a longametraxe Doentes non se queda atrás, posto que acumula 13 nominacións.

Engurras, con 8 candidaturas, e a longametraxe documental Tralas luces e a película para televisión Eduardo Barreiros, o Henry Ford galego, con 6, tamén destacan entre as finalistas.

Se pinchades aquí poderedes consultar a lista con tódolos candidatos aos Premios Mestre Mateo 2011. E ocórresenos que por que non nos dades a vosa opinión nalgunha das 27 categorías existentes?

Por exemplo, os candidatos na categoría de Programa de televisión son o programa divulgativo Cos pés na terra, o espazo viaxeiro Galegos no mundo (nominado por segundo ano consecutivo), o programa de investigación e actualidade Reporteiros e espazo cultural Zigzag diario.

Na categoría de Serie de televisión os finalistas son a serie Angélica y Roberta, feita para internet, o humor de Era visto! e dúas que repiten con respecto ao ano pasado: Matalobos e Padre Casares.

E, por último, os candidatos a mellor comunicador de TV son Marcos Pereiro e Xosé Antonio Touriñán por Un soño de nadal,

Marta Doviro por A mochila do viaxeiro,

e outro que repite: Roberto Vilar por Land Rober.


Un ano despois… De flocos.tv a CanleTV

Por fin! Un ano despois de que a Axencia Galega das Industrias Audiovisuais (AGADIC) pechase flocos.tv, o sitio web orientado á difusión do cinema galego, vén de nacer o seu substituto: CanleTV (canletv.agadic.info).

Polo momento semella que se limita a recoller algúns dos títulos que anteriormente puidemos desfrutar en flocos.tv, contando cun total de 86 cintas dispoñibles (lonxe polo tanto dos máis de 300 títulos que almacenaba flocos.tv) que se atopan distribuídas en 5 categorías distintas: ficción, animación, documental, experimental e videoclips (polo de agora baleira). Nunha sexta categoría, adiantos, podemos atopar varias ducias de tráilers.

Esperando que a colección de títulos que nos ofrece CanleTV comece a medrar axiña (non hai ningún filme posterior a 2008), recomendámosvos que a probedes. E se non sabedes por onde empezar, ímosvos propoñer o visionado da cinta de animación (en plastilina) A flor máis grande do mundo, dirixida por Juan Pablo Etcheverry e baseada nun conto do Premio Nobel de Literatura José Saramago (e narrada por el mesmo!).

Pinchade aquí ou na imaxe inferior (o cartel da cinta) e accederedes á páxina de CanleTV onde poderedes reproducila.


Un día perfecto

É un día perfecto, hoxe que o músico estadounidense Lou Reed cumpre 70 anos, para traervos a tradución ao galego dunha das súas cancións ao noso blogue. Escollemos este Perfect Day, do seu álbum de 1972 Transformer (e que xa tiñamos soando por aí na nosa lista de reproducción loispereiro.mp3, con algúns dos temas favoritos de Lois Pereiro)

Perfect Day
Lou Reed
Transformer (1972)

Día Perfecto

Perfect Day

É un día perfecto
Beber sangría no parque
E despois, cando anoitece
Imos para casa

Just a perfect day
Drink sangria in the park
And then later when it gets dark
We go home

Un día perfecto
Dar de comer aos animais no zoo
Despois unha película
E despois para casa

Just a perfect day
Feed animals in the zoo
Then later a movie too
And then home

Oh, é un día tan perfecto…
Alégrome de telo pasado contigo
Oh, un día perfecto
Estou colgado de ti
Estou colgado de ti

Oh it's such a perfect day
I'm glad I spent it with you
Oh such a perfect day
You just keep me hangin' on
You just keep me hangin' on

Un día perfecto, deixar os problemas a un lado
Pasar o fin de semana sós, é tan divertido…
Un día perfecto, fixeche que me esquecese de min mesmo
Pensei que era outra persoa, alguén bo

Just a perfect day, problems all left alone
Weekenders on our own, it's such fun
Just a perfect day, you made me forget myself
I thought I was someone else, someone good

Has recoller o que sementes

You're going to reap just what you sow
Pasade unha fin de semana perfecta vos tamén. :)

Os nomes dos María Casares

Acábanse de coñecer os nomeados aos XVI Premios María Casares. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, que leva premiando á profesión teatral galega dende 1997 a través destes galardóns, fixo hoxe públicos os nomes dos finalistas.

A Ópera dos tres reás, do Centro Dramático Galego,

e Citizen Total, de Chévere,

encabezan os nomeamentos con 8 cada unha, seguidas de cerca por Oeste Solitario de Producións Teatráis Excéntricas con seis.

“E.R.” Algún día traballaremos xuntas (Teatro do Atlántico) en catro ocasións, O Florido Pénsil (Eme2 emoción e arte), Tango (Sarabela Teatro) e Piratas (Teatro do Noroeste), en tres, e Pelos na Lingua (Talía Teatro), American Café (Teatro do Morcego), Soños (Bichakadela) e 0,7% Molotov (Teatro de Ningures) tamén están entre os finalistas.

Se queredes saber se Citizen Total, O florido pénsil ou Oeste solitario conseguen o premio ao mellor espectáculo, se Avelino González por Pelos na lingua, Xesús Ron por Citizen ou Xúlio Lago por E.R. o premio ao mellor director, para saber se Antonio Durán “Morris”, Josito Porto (ambos por O florido pénsil) ou Evaristo Calvo (por Oeste Solitario) levan o premio ao mellor actor ou se a mellor actriz é Luísa Merelas (E.R.), Susana Dans (E.R. tamén) ou Patricia de Lorenzo (Citizen), ides ter que esperar ao vindeiro 3 de abril.