Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Arquivo para Novembro, 2019

Dezaseisavos de final: Esteban & Manuel ou Caxade?

Dúas formas ben distintas de amor nesta 12ª eliminatoria 💔❤️

O namoramento e desengano con autotune de Esteban & Manuel

Ela namoroume
Esteban & Manuel
La banda sonora de tu día a día (2017)

e o AMOR, con maíusculas e letra de Séchu Sende de Caxade.

E isto é o amor
Caxade
E isto é o amor (2016)

E entre as moitas razóns polas que nos namora este vídeo está o feito de que esté coprotagonizado por unha exalumna do noso colexio, Paula Morado. Como non vai ser isto amor! 😍


Dezaseisavos de final: Sabela ou Berrogüetto?

Visitamos agora os dous extremos dos anos dez.

Comezamos coa canción que primeiro se publicou de entre todas as seleccionadas. En xaneiro de 2010 saía á venta Kosmogonías, o derradeiro disco de estudio, xa con Xabier Díaz como vocalista, de Berrogüetto, probablemente a banda de música tradicional galega máis relevante das últimas décadas.

Alalá da noite
Berrogüetto
Kosmogonías (2010)

E para rematar a década, un disco que saía á venda o pasado xoves e co que Sabela, a rapaza d’As Pontes que se converteu na embaixadora da lingua galega nese clásico dos programas de telerrealidade que é Operación Triunfo, pretende facerse un oco na escena da música comercial española. Un álbum que se abre con este Despedida cantado, por suposto, en galego.

Despedida
Sabela
Despedida (2019)


Dezaseisavos de final: Ataque Escampe ou Chicharrón?

Esta eliminatoria é… alternativa. 💿

O tema que vos propoñemos de Ataque Escampe é unha versión do hip hop de (ben se ve) Malandrómeda. E non se trata de desmerecer (para nada!) o variado cancioneiro dos composteláns (a verdade é que nos resultaría complicadísimo escoller calquera outro dos temas que compoñen Violentos anos dez, o álbum co que iniciaron a década, ou dos seus traballos posteriores). Se nos quedamos con esta Festa malandrómica é polo status de auténtico himno que conseguiu acadar ao longo desta década, chegando a se converter na canción máis escoitada na capital de Galicia. Aí queda iso!

Festa malandrómica
Ataque Escampe
Violentos anos dez (2011)

Chicharrón formouse en 2014 en Carballo, e tras publicar un primeiro disco en castelán, o Postal do que se extrae este Suicidio tímido foi o seu primeiro traballo en galego, idioma do que xa non se separarían.

Suicidio tímido
Chicharrón
Postal (2016)


Dezaseisavos de final: Sés ou Os Amigos dos Músicos?

Pop arraigado na tradición na 9ª eliminatoria de dezaseisavos.

Os anos 10 iniciáronse para María Xosé Silvar, Sés, coa publicación do seu primeiro traballo en solitario (aló polo 2011) e rematan coa cantautora coruñesa convertida nunha das máis grandes personalidades da escena musical galega. Aquí traemos unha peza dese primeiro álbum, Admirando a condición:

Non son fada
Sés
Admirando a condición (2011)

Os ourensáns Os Amigos dos Músicos tamén están a pechar en grande os anos dez, coa publicación do seu segundo larga duración, o marabilloso Segundo fogar. Tras moito meditar (a ver quen é capaz de quedarse con unha soa das pezas que compoñen calquera dos seus traballos), optamos por propoñervos este tema do seu primeiro disco:

Fóra do meu control
Os Amigos dos Músicos
Os amigos dos músicos (2016)


A Canción d10z! (3ª semana)

Xa temos gañadores das eliminatorias 5, 6, 7 e 8 de dezaseisavos de final. Desta vez non houbo acordo, posto que se ben Malandrómeda, Heredeiros da Crus e SonDaRúa pasan á seguinte rolda en ambos cadros, o 4º cruce ten distinto vencedor: Iván Ferreiro para o noso alumnado e Guadi Galego para os nosos seguidores en Twitter.

A continuación podedes ver, ademais de como quedan as nosas dúas eleccións, os artistas que subimos ao noso xogo esta 3ª semana:

Alumnado

Twitter

Nestes 4 novos enfrontamentos de dezaseisavos haberá que elixir entre cancións de Sés, Os Amigos dos Músicos, Ataque Escampe, Chicharrón, Sabela, Berrogüetto, Esteban & Manuel e Caxade. Pronto as teredes no noso blog, pero xa podedes gozar delas na nosa lista de reproducción en Spotify.

Lembrade que non só o noso alumnado decide: vós tamén podedes facelo votando nas enquisas que xa temos en marcha en en Twitter!


A Lista d10z!

Vimos de crear unha lista en Spotify para A Canción d10z!. Podedes atopala na seguinte ligazón:Portada.jpg

Polo momento recolle as 16 cancións que iniciaron participación, seguídea para ver como se vai actualizando coas 16 restantes. 🎧


Dezaseisavos de final: Guadi Galego ou Iván Ferreiro

O mar bate contra esta 8ª eliminatoria. 🌊

O mar de Cedeira que nos trae unha das voces máis importantes da nosa música, a de Guadi Galego, nunha canción publicada por vez primeira no ano 2016 e da que vén de gravar unha nova versión acompañada precisamente do outro protagonista deste enfrontamento: Iván Ferreiro.

Cedeira
Guadi Galego
O mundo está parado (2016)

Un mar que tamén está presente na sintonía que o músico vigués compuxo para a cabeceira de Fariña, a serie de televisión que conta a historia do narcotráfico no noso país na década dos 80, e que logrou traspasar as fronteiras da pequena pantalla para convertirse en todo un himno na Galicia de comezos de 2018.

Fariña
Iván Ferreiro
Fariña Misturas (2018)


Dezaseisavos de final: Oh! Ayatollah ou SonDaRúa?

Dúas publicacións de 2018 para a nosa 7ª eliminatoria.

Os Oh! Ayatollah publicaron a comezos do ano pasado o seu agardado LP de debut, que leva por nome Volve a canción protesta e do que foi adianto esta canción homónima, á que acompaña un imprescindible videoclip. 🎄

Volve a canción protesta
Oh! Ayatollah
Volve a canción protesta (2018)

E para protesta a que recollen as letras do grupo de rap ponteareán SonDaRúa. Como mostra, o single que dá nome ao seu EP de 2018.

Liberando mentes
SonDaRúa
Liberando mentes (2018)


Dezaseisavos de final: Heredeiros da Crus ou Nao?

A nosa 6ª eliminatoria de dezaseisavos é territorio de guitarras. 🎸

Se ben poucas bandas do panorama musical galego necesitan menos presentación que Heredeiros da Crus, este tema, incluído no seu álbum de retorno do ano 2013, poderiavos coller co pé cambiado; se non fose porque cumple á perfección aquela máxima sobre a calidade das baladas dos grupos máis duros.

Corasón de carballo
Heredeiros da Crus
Jard Rock con fe (2013)

Acompáñaos outra formación cunha longa carreira ás súas costas: uns Nao que están a piques de poñerlle punto e final a 14 anos de historia como banda cun concerto que celebrarán o vindeiro 7 de decembro en Santiago de Compostela. Como non imos botar de menos a unha banda que é capaz de ofrecernos verdadeiras alfaias rock como esta que vos traemos aquí, na que ademais de Tanxugueiras, colaboran uns SonDaRúa que esta semana temos dobremente presentes.

 

Cultura crítica
Nao
Ata que o lume se apague (2018)


Dezaseisavos de final: Baiuca ou Malandrómeda?

O carácter galego na nosa 5ª eliminatoria de dezaseisavos de final.

Por un lado, a Morriña de Baiuca, o proxecto do catoirán Alejandro Guillán que tan acertadamente mestura a nosa música tradicional coa electrónica.

Morriña
Baiuca
Solpor (2018)

Por outro, que mellor para neutralizar ese sentimento melancólico que o día da festa que nos propón Malandrómeda. A canción é un dos cortes dun dos dous álbumes que publicaron en 2016 e que marcaron todo un fito na música cantada en galego ao alzarse ex aequo co primeiro posto da lista de álbumes nacionais dese ano da prestixiosa revista barcelonesa Rockdelux.

Bótalle caldo (Cumbia malandra)
Malandrómeda
Cada can que lamba o seu carallo (2016)


A Canción d10z! (2ª semana)

O noso alumnado vén de decidir cales son as cancións gañadoras das catro primeiras eliminatorias de dezaseisavos de final: Familia Caamagno, Eladio y Los Seres Queridos, Skandalo GZ e Ezetaerre son as bandas que pasan á seguinte rolda.

E houbo unanimidade, posto que as cancións gañadoras coinciden coas favoritas dos nosos seguidores en Twitter.

Sucederá o mesmo esta 2ª semana? No cadro podedes ver os artistas que entran en xogo, así como os resultados que vos acabamos de comentar:

A canción d10z (Dezaseisavos 2).jpg

4 novos cruces de dezaseisavos no que cancións de Baiuca, Malandrómeda, Heredeiros da Crus, NAO, Oh! Ayatollah, SonDaRúa, Guadi Galego e Iván Ferreiro se enfrontarán por facerse un oco nos oitavos de final. Irémosvolas presentando en sucesivos artigos.

O noso alumnado ten a palabra… e vós tamén. Animádevos a participar na nosa votación paralela en Twitter!


VII Concurso de Relatos Ilustrados

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega convoca unha nova edición do Concurso de Relatos Ilustradosque nesta ocasión quere dedicar á memoria de Antonio Fraguas.

Premede sobre a imaxe para consultar as bases en formato PDF:

Captura de pantalla 2019-11-18 a las 21.28.11.png

Os textos a ilustrar para cada categoría, podédelos atopar pinchando na seguinte ligazón.


#ACanciónd10z

A andaina da Canción d10z xa comezou para o noso alumnado.

Dezaseisavos (A canción d10z)v3-pdf (1)Rapazas e rapaces teñen ata o martes para emitir o seu voto, e vós… tamén. Se queredes participar na elección paralela que estamos levando a cabo en Twitter, só tedes que entrar no noso perfil nesa rede social e votar nas enquisas que temos en marcha para cada unha das eliminatorias.

Animádevos e participade vós tamén!


Dezaseisavos de final: Ezetaerre ou Labregos do tempo dos Sputniks?

A 4ª e última eliminatoria desta semana conduce a rutas máis urbanas.

A “construír outro verán” é ao que nos anima o rap dos Ezetaerre, que no 2017 deron resposta con este temazo cheo de crítica social aos célebres anuncios estivais da marca de cervexas mediterránea do título.

Non é verán de Estrella Damm
Ezetaerre
Non é verán de Estrella Damm (Single) (2017)

Un ano antes, os Labregos do tempo dos Sputniks recolleron no seu álbum Libremente varios anos de traballo tanto colectivo como dos seus membros por separado. García MC, compoñente tamén duns Dios Ke Te Crew que igualmente nos han visitar nas próximas semanas, xa adaptara o poema de Lois Pereiro ao redor do que se constrúe o tema que aquí vos traemos no seu traballo de 2012 Abaixo e De Pé. A súa voz e a d’O Leo únense aquí para levar por novos vellos camiños a obra do poeta monfortino.

Amor e sangue en Chiapas
Labregos do tempo dos Sputniks
Libremente (2016)


Dezaseisavos de final: Skandalo GZ ou Ruxe Ruxe?

Sons máis contundentes para a nosa 3ª eliminatoria.

Punk e ska dende Ponteareas é o que nos traen os Skandalo GZ. O tema seleccionado, Abrindo camiño, un corte do seu LP de 2015 no que colabora Nervo, MC de Rebeliom do Inframundo (que en breve entrarán en liza tamén).

Abrindo camiño
Skandalo GZ
Abrindo camiños (2015)

E que dicir do rock tradicional de Ruxe Ruxe que non se teña dito xa ao longo das máis de dúas décadas que levan en activo. No 2012 trouxéronos este tema que resume á perfección a aposta desta banda compostelá.

Rock do país
Ruxe Ruxe
Máis cancións sobre toxos, cardos e silveiras (2012)


Dezaseisavos de final: Narf e Manecas Costa ou Eladio y Los Seres Queridos?

Se de algo vai sobrada a nosa 2ª eliminatoria é de beleza.

Por unha banda temos a Fran Pérez, Narf, (canto o bota de menos a nosa música!), acompañado do cantante e compositor de Guinea-Bissau Manecas Costa con Esta noite, un dos cortes de Aló irmao!, o disco que publicaron conxuntamente no ano 2010 e que gravaran ao vivo no Teatro Principal de Santiago uns meses antes.

Esta noite
Narf e Manecas Costa
Aló irmao! (2010)

Por outra está Non quero perderte, a adaptación ao galego que Eladio y Los Seres Queridos fixeron para o seu segundo álbum, Están ustedes unidos, dun tema que xa incluíran no seu disco de debut (aínda baixo o nome de Elodio y Los Seres Queridos). A peza, fermosa de por si, cobra toda unha nova dimensión nesta versión na nosa língua.

Non quero perderte
Eladio y Los Seres Queridos
Están ustedes unidos (2011)

❤️


Dezaseisavos de final: Familia Caamagno ou Esposa?

A primeira eliminatoria enfronta as melodías pop de Esposa, co toque garaxeiro da Familia Caamagno.

Os primeiros sorprenderon en 2016 con Señor de, un EP que foi considerado pola revista Mondosonoro como o mellor do ano na súa edición para Galicia-Castela e León. Ao ano seguinte lanzaban o seu primeiro longa duración Xardín interior, do que vos traemos a canción homónima, acompañada dese videoclip tan… difícil de describir. 😅

Xardín interior
Esposa
Xardín interior (2017)

Aos de Sigüeiro vimos procurando non perderlles a pista dende que nos marabillaron co seu debut de 2012. Banda festivaleira por excelencia, os seus directos son célebres máis aló das nosas fronteiras. Maniotas aseguradas! Con só escoitar o ritmo dos seus Surfistas nazis, xa vos faredes unha idea:

Surfistas nazis
Familia Caamagno

Hai que andar cos tempos (2014)


A Canción d10z!

A década está a piques de rematar. E non se nos ocorre mellor maneira de celebralo que lembrar as grandes cancións escritas no noso idioma que nos deixaron estes anos 10.

A iso se van dedicar os maiores do noso colexio ao longo das vindeiras semanas: a escoller, de entre unha serie de cancións que o Equipo de Dinamización da Lingua Galega seleccionou para eles, a mellor canción na nosa lingua dos últimos dez anos. Con esta iniciativa buscamos que rapazas e rapaces se familiaricen coas expresións musicais actuais en galego, que se cadra descubran novos grupos favoritos, e finalmente que rachen cos prexuízos que reducen o uso do galego na música ao ámbito tradicional. Rock, hip hop, pop, ska, folk, electrónica… ata o trap estará presente nun cadro que iremos enchendo durante as próximas semanas e no que xa se poden ver os 8 primeiros artistas en liza.

Dezaseisavos (A canción d10z)v3-pdf (1).jpg

32  cancións de 32 intérpretes do noso país publicadas entre 2010 e este 2019 iranse enfrontando entre si ronda tras ronda ata que só quede unha, que o noso esixente xurado nomeará como Mellor canción en galego da década. Unha canción de 10 para os anos 10.


A Ciencia, tamén en…

Iniciamos a celebración do Día da Ciencia en Galego, que coma sempre transformamos na Semana da Ciencia en Galego no Lestonnac, compartindo o vídeo que dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, coa colaboración dos nenos e nenas do colexio, elaboramos para a ocasión.

A temática elixida conecta coa que escolleu a Institución Galega de Ciencia para este X Día da Ciencia en Galego, que xira ao redor da declaración de 2019 como Ano Internacional das Linguas Indíxenas. A nosa mensaxe: “A Ciencia, tamén en…”.

A ciencia, tamén nas linguas rexionais ou minoritarias. A ciencia, tamén en aragonés, asturiano, bretón, catalán, corso, éuscaro, frisón, gaélico escocés, galés, occitano, sardo, yiddish… Tamén en galego!

diadaciencia2019