Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Arquivo para Xaneiro, 2011

Para pensar na paz

Aproveitando que hoxe celebramos no Colexio o Día da Paz, aquí vos deixo unhas bonitas frases (grandes verdades, abofé que sí) sobre o tema, acompañadas dunha doce música. Ambas invitan a pensar no marabilloso que sería vivir nun mundo no que celebrar a paz implicase non ter que pensar nas moitas outras desgracias, guerras e sufrimentos  que tanto nos fan botala en falta.


Cousas da paz

O SAPO: Se fose home xa me parecía mal que ti dixeses cri, cri, dicindo eu cro, cro.


Hai 125 anos…

naceu en Rianxo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.


Modelo Burela

Sobre a base do Proxecto de Innovación Educativa do I.E.S. Perdouro de Burela, elaborouse o Modelo Burela de Planificación Lingüística, un exemplo a seguir de integración social e lingüística nunha vila mariñeira da costa lucense de a penas 13.000 habitantes.

Con este vídeo, extraído dun documental de unha hora e seis minutos de duración que podedes ver íntegro aquí, despedimos a semana.


“Lingua e sociedade: unha realidade plurilingüe”

Un dos propósitos deste blogue é o de presentarvos toda unha variedade de recursos e ferramentas dispoñibles na rede relacionados coa lingua galega. Hoxe propoñémosvos esta interesante presentación sobre a diversidade lingüística.


Eu chorar chorei

Os nenos e nenas da escola María Soliña, situada en Pubai, no estado indio de Orissa, déixannos coa boca aberta coa súa interpretación desta coñecida peza da música tradicional galega.


Xatuiteamos!

Xavedes! está en Twitter!

Podédesnos seguir en twitter.com/xavedes


Xavemos!

Pois iso, que, despois dunha semana en funcionamento (poderíamos dicir que en probas), chegou o momento de darnos a coñecer ao mundo.

Hoxe as familias recibístedes unha circular na que se vos informa da nosa existencia e, en breve, disporedes dunha ligazón ao blogue dende a páxina web do Colexio.

Así que, agora que xa nos coñecedes, esperamos vervos (e lervos) por aquí.


Un cranio furado

Esta fin de semana comeza a xira 2011 dun dos estreos máis relevantes do ano pasado no que ao teatro galego se refire. Trátase de Un cranio furado, a última produción de Excéntricas, e cóllenos ben cerquiña, pois represéntase en Narón, no Pazo da Cultura.

Seguir lendo >>


Serán en galego

Por terceiro ano consecutivo, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega quere compartir un tempo de lecer na nosa lingua a partir deste mes de xaneiro a través da actividade Serán en galego, dirixida a todas as persoas pertencentes á comunidade educativa interesadas en achegarse ao centro e participar xunto ao profesorado duns faladoiros de serán nos que o galego será a lingua vehicular. A finalidade desta actividade non é máis que a de facilitar un espazo no que alumnado, pais, nais e veciñanza se poidan comunicar en galego con normalidade. Deste xeito, quizais a nosa lingua chegue con máis facilidade ao ámbito familiar. Os temas a tratar nestas conversas serán consensuados cos participantes nas primeiras reunións: educación dos fillos, noticias dos xornais, televisión, a nosa cidade, o barrio… Entre os recursos materiais que utilizaremos nestes encontros haberá tamén un oco para as novas tecnoloxías.

Se estades interesados en participar na actividade Serán en galego proposta polo Colexio, podédesvos anotar na Secretaría do Centro.


Tristán García

Este Tristán do que conto nunca soubo por que lle puxeran este nome no sacramento do bautismo, nin coñecía ninguén que se chamase como el.

Un tío de seu que traballaba como camareiro nun restaurante moi famoso de Lisboa, dicíalle que en Portugal coñecía dous ou tres cabaleiros dese nome, e que todos eles eran ricos. Tristán foi cumprir o servizo militar a León, e alí, un día, nun quiosco, mercou por dous reais “La verdadera historia de los amantes de Tristán e Isolda”, cos namorados moi abrazados na portada do folletín. Ao fin ía saber quen fora aquel Tristán cuxo nome levaba. Cando chegou ao final da historia, coa morte de ambos os dous namorados, Tristán García verteu unhas bágoas. E dende aquela deu en matinar que andando polo mundo atopaba unha muller chamada Isolda, e gustábanse, e facíanse noivos, e casábanse, e vivían moi felices en Viana do Bolo, de onde Tristán era natural. A todos os seus compañeiros do Rexemento de Burgos 38, preguntáballes se por un casual habería no seu lugar unha rapaza que se chamase Isolda. Non a había. Había algunha Isolina solta, pero Isolina non era o mesmo que Isolda. Tristán doíase de non dar con esa Isolda porque se non a atopaba agora en León, onde había tanta familia, non a ía atopar en Viana do Bolo, traballando na terra. Un día mandouno chamar un sarxento chamado Recuero.

– Ti es ese que anda coa teima de atopar unha muller que se chame Isolda?
– Si, señor.
– Pois en Venta de Baños hai unha viúva dese nome.
– Nova ou vella?
– Que sei eu! Coido que é churreira…

Tanto tiña metida no seu maxín o noso Tristán a novela famosa, que non puido dubidar que aquela Isolda de Venta de Baños fose nova e fermosa. En todo caso, se era vella, tería unha filla ou unha sobriña que a seguise no nome, e se era churreira como ela podía seguir co negocio en Ourense ou en Viana, onde xa era hora que deran nos bares chocolate con churros. Tivo Tristán un permiso, e cos vinte pesos que tiña aforrados tomou en León o tren para Venta de Baños. Xa naquel empalme preguntou pola churrería da Isolda. Estaba a churrería preto da estación. E a señora Isolda era aquela que estaba envolvéndolle uns churros a un señor cura. Era unha velliña co cabelo branco, fermosos ollos negros, a pel tersa, as mans moi graciosas pondo os churros no papel de estraza e esparexendo o azucre por derriba deles. Tristán dubidou entre falarlle ou non, pro xa levaba gastadas corenta e sete pesetas no billete de ida e volta.

-¡Bos días! ¿Vostede é a señora Isolda?
– ¡Servidora!, respondeulle a velliña, sorríndolle.
– ¡É que eu son Tristán e viña a coñecela!

A velliña pechou os ollos, e agarrouse ao mostrador para non caer. Bágoas rodaban polas súas meixelas.

– ¡Tristán! ¡Tristán querido!, puido dicir ao fin. ¡Toda a miña mocidade agardando a coñecer un mozo que se chamase Tristán! ¡E como non viña, casei cun tal Ismael, que era de Madrid!

Tristán saudou militarmente, e devagar volveuse á estación a agardar o primeiro tren para León. Cando este chegou e Tristán subía ai vagón de terceira, apareceu a señora Isolda, cun paquete de churros. Deullo a Tristán e bicoulle a man. Non se dixeron nada.

Cousas así só pasan nos grandes amores .

Álvaro Cunqueiro: “Os outros feirantes” (1979)


2011, Ano Cunqueiro

Sabiades que este 2011 cúmprense cen anos do nacemento de Álvaro Cunqueiro? Pois xavedes. Por tal motivo, o pasado luns presentáronse en Santiago as actividades do programa 2011, Ano Cunqueiro.

Se queredes información sobre as conmemoracións que terán lugar en torno á figura do escritor mindoniense, pinchade aquí.


Candeloria 2011

Animádevos a participar!

Podedes consultar as bases aquí.


Ola!

Benvidos a Xavedes!, o blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac.