Que están lendo… no 1º ciclo da ESO? O misterio das badaladas
[Iniciamos unha nova sección no noso blogue destinada a informarvos de que lecturas na nosa lingua están a desfrutar os rapaces e rapazas das distintas etapas do noso colexio, co obxectivo tamén de crear un espazo no que podan comentar o que lles veña á cabeza sobre as mesmas. Inaugurámola, como podedes comprobar, cun dos grandes clásicos da nosa literatura infantil e xuvenil, de cuxa publicación se veñen de cumprir nada máis e nada menos que 25 anos.]
O misterio das badaladas
Xabier P. DoCampo
(1986)
No campanario da igrexa de Eiranova acaban de instalar un reloxo. Comezan a soar por primeira vez as badaladas que anunciarán a todos os habitantes que son as doce da noite. Unha, dúas, tres…, dez, once… Entón sucede algo que haberá dar nun acontecemento que só cinco rapaces resoltos e afoutados quererán pescudar até encontrar explicación para un fenómeno que a todos confunde. Unha por unha irán resolvendo as pistas que lles van aparecendo e que os levarán a encontrar ao responsábel do anormal comportamento do reloxo de Eiranova. Mais cando isto suceda e cheguemos á última páxina do libro, abrirase un novo misterio que desafiará a perspicacia e a intelixencia do lector.
-ble/-bel
[Inauguramos hoxe unha nova categoría no noso blogue na que iremos resolvendo aquelas dúbidas que se nos presenten no referente ás Normas ortográficas e morfolóxicas do galego]
Considéranse admisibles tanto -ble como -bel.
Así pois, debemos escribir:
- estable ou estábel
- terrible ou terríbel
- variable ou variábel
Os plurais correspondentes serán -bles (para -ble) e -beis (para -bel). É dicir, debemos escribir:
- estables ou estabeis
- terribles ou terribeis
- variables ou variabeis
Ademais, se optamos pola terminación -ble, o coherente é escribir establecer, establecemento e restablecer, pero se optamos pola terminación -bel debemos escribir estabelecer, estabelecemento e restabelecer.
Instrumentos de outono: a zanfona
Xa vos dixeramos que o alumnado de Primaria do noso cole estaba a preparar uns novos carteis con produtos outonais cos que repetir o éxito colleitado o ano pasado á hora de decorar o centro. Aquí os tedes: trátase dunha serie que poderiamos titular, por motivos evidentes, Instrumentos de outono. Hoxe, a primeira entrega: a zanfona.
Que ben soa!
Degustando os froitos do outono
O martes 8 de novembro de 2011, na etapa de Educación Infantil e o primeiro ciclo de Educación Primaria celebramos a chegada do outono realizando unha degustación, nas diferentes aulas, de froitos do outono tales como castañas, mazás, noces, améndoas, kiwis, plátanos, caquis, avelás…
Foi todo un éxito…
Dito! | Nunca choveu…
Nunca choveu que non escampara.
De volta co Samaín
Como xa saberedes, o noso cole volveu celebrar o Samaín este ano. O venres 4 de novembro levouse a cabo a tradicional exposición de cabazas realizadas con diferentes materiais onde o tema foi libre.
Houbo moita dedicación por parte de cativos e familias á hora de elaborar as cabazas. Dende aquí animamos a todas as familias a seguir levando a cabo esta bonita actividade e agradecémoslles enormemente a súa participación.
Galeoke Vol. II (por Leandro)
Hai pouco que coñecemos a noticia de que se está a preparar un novo volume do Galeoke, o xogo de karaoke en galego. Un Galeoke Vol. II que contará con temas d’Os Papaqueixos, Radio Océano, María Manuela, Quempallou, Faltriqueira… E namentres chega o nadal, co que chegará ás tendas, podemos desfrutar (a través do Facebook de Ábrete de orellas) da arte de Leandro para a súa portada.
Ooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooh!
Magosto 2011
O pasado venres 28 de outubro o primeiro ciclo de primaria do noso colexio celebrou na aula un magosto particular. Este ano pensaron en facer unha manualidade coas castañas, deseñando arañas con este froito delicioso.
Aquí tedes o resultado…
Outono (II)
Xa pasou o San Martiño, pero o o outono segue con nós. Á espera de traervos ata aquí algún dos murais elaborados con elementos outonais que decoran o noso colexio este ano, podemos lembrar algunha das marabillas do ano pasado.
Ourizo²!
Dito! | A todo porco…
A todo porco lle chega o seu San Martiño.
Palabra! | asubío
asubíos.m. 1. Son agudo que se produce ó pasa-lo aire por unha abertura estreita, como a dun chifre, ou a da boca cos labios case cerrados. Oíanse uns asubíos ó lonxe. Despediron a súa actuación con asubíos. 2. Pequeno instrumento que serve para asubiar. Merqueille un asubío ó neno. SIN. chifre, pito1.
Eu xavexo, ti xaves, el xave…
Aínda nos quedan por vos traer ao Xavedes! unha morea de recursos relacionados coa nosa lingua. Este chegou onte aos nosos oídos.
Trátase dun conxugador de verbos en galego, unha ferramenta coa que poderedes comprobar se estades a conxugar correctamente ese verbo que vos plantexa dúbidas. O seu nome é Cilenis e para acceder a el, simplemente tedes que visitar a páxina conxugador.cilenis.com
Só tedes que introducir no cadro de búsqueda o infinitivo do verbo que queredes conxugar (se queredes restrinxilo aos verbos presentes no Vocabulario ortográfico da Lingua Galega da RAG (VOLG) podedes facelo marcando a pestana correspondente) e premer o botón correspondente.
Fagamos unha proba para que vexades o resultado. Imos conxugar o verbo esborrallar:
Útil, verdade? Pois veña… conxugando (xerundio do verbo conxugar, non? ;) ).
“Unha lingua é boa cando sabe a pan, a pan fresco que se mete na boca”
Esta é a frase de Álvaro Cunqueiro que inspirou á comunidade educativa do CPI Virxe da Saleta, do concello ourensá de San Cristovo de Cea para cociñar a letra de A lingua sabe a pan, o lipdub que está arrasando na rede estes últimos días (en seis días está a piques de alcanzar as 10.000 visitas!). Tomando a música do Miña terra galega de Siniestro Total (que á súa vez é unha versión do Sweet Home Alabama de Lynyrd Skynyrd), o alumnado e mailo profesorado deste centro cántanlle á lingua galega coa mesma arte coa que nos fornos da súa localidade se elabora o célebre Pan de Cea.
Velos e escoitalos é todo un regalo que estamos encantados de compartir.
Podedes descargar o tema aquí, e a letra deixámovola a continuación:
Gústanos falar idiomas
inglés, francés e castelán,
pero temos lingua propia
ninguén o pode negar.Amasada a modiño
dende hai moito tempo atrás
cocida a lume lento
lista para o teu padal.Este é o cole de Cea
onde a lingua sabe a pan,
miña lingua galega
gústanos o teu falarNos versos de Rosalía
nos piñeiros de Pondal,
no folk de Fuxan Os Ventos
no rock bravú e máis no rap.Escóitase pola radio
tamén na TVG,
pero bótase de menos
en moitos outros sitios máis.Este é o cole de Cea
onde a lingua sabe a pan,
miña lingua galega
gústanos o teu falar.Este é o cole de Cea
onde a lingua sabe a pan,
este é o cole de Cea
onde a lingua sabe a pan.
Atrevédesvos a cantala?
Hoxe é o Día da Ciencia en Galego
Hoxe, 4 de novembro, celébrase o II Día da Ciencia en Galego, unha conmemoración organizada por tres asociacións de ensinantes da nosa comunidade: AGAPEMA (Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática), ENCIGA (Asociación dos Ensinantes de Ciencias de Galicia) e APETEGA (Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia).
Dado que este 2011 é, coincidindo co centenario da concesión do premio Nobel de Química a Marie Curie, o Ano Internacional da Química e dado que a científica polaca foi a primeira muller en recibir un destes premios (así como a primeira persoa en recibir dous), a celebración deste ano céntrase non só nesta disciplina, senón tamén no papel da muller na ciencia. Ademais de lembrar a figura de Marie Curie, neste II Día da Ciencia en Galego tamén se homenaxea a María Wonenburger, toda unha figura mundial das matemáticas que naceu en Oleiros hai 84 anos.
Se desexades máis información sobre este II Día da Ciencia en Galego, podédela atopar na páxina cienciaengalego.org.
Os prexuízos lingüísticos
Na reunión de Café en galego de onte estivemos a falar sobre os prexuízos lingüísticos: primeiro a través da lectura dun pequeno relato de Séchu Sende e despois comentando un pequeno texto sobre o tema elaborado polo profesorado da materia de Lingua galega para os rapaces e rapazas de 1º da ESO, que con el completan os contidos da unidade 2 sobre as linguas do Estado español. Traémolo tamén ata aquí, para que siga o debate. Podedes lelo a continuación ou descargalo aquí (ou pinchando encima das imaxes) en formato .pdf.
A evolución das linguas da península ibérica
Regresamos desta ponte de catro días e, para facelo con forza, facémolo cun chisco de historia. Aproveitando que os rapaces e rapazas de 1º da ESO están estudando a evolución das linguas da península ibérica ao longo do tempo, aí vos vai (e a eles tamén) unha serie de mapas que nos indican en que zonas se falaba galego, leonés, castelá, vasco, aragonés, catalán e árabe e mozárabe alá polo ano 1000 e os cambios que se foron producindo co paso dos séculos ata chegar á situación actual.
E tamén, se o preferides, máis rápido en formato .gif.
Os mapas están en inglés, pero creo que se entende de sobra, non?
Comentarios recentes