Windows ou Mac? A resposta… en galego
Ai… para que me meterei eu en polémicas? Se o meu ordenador funciona a manivela… Non, a finalidade deste artigo non é dar resposta á gran pregunta, senon informar de que dende o pasado xoves os seareiros galegos de Bill Gates teñen un argumento máis para defender a súa honra. Ese día a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a empresa Microsoft presentaban en Santiago de Compostela a traducción (non foi sen tempo) da última versión do seu sistema operativo, o Windows 7, así como do Office 2010 ao noso idioma.
Dende o noso blogue consideramos esta como unha gran noticia a pesar da súa tardanza (Windows 7 saiu á venta o 22 de outubro… de 2009!) e coincidimos coas palabras do conselleiro Xesús Vázquez en que deste xeito, conseguindo para a lingua galega unha maior presenza no ámbito das novas tecnoloxías, dásenos a tódolos galegofalantes “a opción real de vivir en galego”. E é que esa é precisamente a idea principal da campaña na que se enmarca este acto: a campaña Vive en galego.
O presentador do acto foi o actor Rubén Riós (coñecido, entre outras moitas cousas, polo seu papel na serie da TVG Libro de Familia) e a música púxoa a gaiteira Susana Seivane. Ámbolos dous teñen un papel protagonista neste vídeo promocional da campaña.
Queres que o teu ordenador fale galego? Entra en microsoft.es/gal e dende alí poderás descargar non só o programa que che permitirá traducir o teu sistema operativo Windows 7 ao galego, senón tamén, se traballas con versións anteriores do mesmo, os correspondentes ao Windows Vista e ao Windows XP.
E a mellor canción en galego é…
E seguimos con música… Onte coñecemos o nome dos finalistas da XV Edición dos Premios da Música, premios que entrega tódolos anos a Academia das Artes e das Ciencias da Música. A representación galega exténdese ata varias das categorías principais, con varios artistas da nosa terra entre os nominados. Os vigueses Siniestro Total optan ao premio de Mellor Álbum de Rock co seu Country & Western, ao igual que os coruñeses Triángulo de Amor Bizarro e o seu Año Santo na categoría de Rock Alternativo e Iván Ferreiro na de Pop Alternativo con Picnic extraterrestre. Ademais, o álbum Solsticio de Luar na Lubre é candidato ao Mellor Álbum de Música Tradicional.
Pero hai unha categoría que nos interesa especialmente, a de Mellor Canción en Galego, cuxos finalistas son os seguintes:
- Alalá da noite de Berrogüetto Spotify
*
[N. do A.: a calidade do vídeo non é a óptima e encadean dous temas (Alalá da noite e Astrea), pero paga a pena]
- Quen me dera na casiña de Siniestro Total Spotify | Grooveshark
Que vos parecen as finalistas? Agora que as coñecedes… por que non nos dades a vosa opinión?
Palabra! | abofé
abofé adv. Certamente, de verdade, de veras, de certo, sen dúbida. Abofé que fixen o que podía; abofé que si. SIN. a fe.
Radio Xavedes!
Supoño que moitos de vós escoitastes falar de Spotify. Non? Por se acaso.
Spotify é un servizo de música dixital que nos permite disfrutar de maneira gratuíta, instantánea e legal de millóns de cancións no noso ordenador. Só necesitamos dispoñer de conexión a internet, descargar e instalar o programa correspondente e crear unha conta de usuario.
E os peros? Son dous: existe unha limitación de 20 horas de reproducción ao mes e, de vez en cando, entre canción e canción, teremos que escoitar unha cuña publicitaria.
Existen formas de eliminar estas restriccións, pero, desafortunadamente, implican o pago dunha cota. O que si hai son alternativas a Spotify, sendo Grooveshark unha das máis completas.
Grooveshark non posúe unha biblioteca de cancións tan ampla como da que dispón Spotify, pero a cambio non temos que descargar programa algún, non é necesario que creemos unha conta de usuario, non existen restriccións temporais e non temos que escoitar publicidade, só a vemos a un lado da nosa pantalla.
Todo isto vén a conto de que, dado que, como xa vos dixemos, a música (como suporedes, e por regra xeral, en galego) vai ocupar un lugar importante neste blogue, ocorréusenos compartir con vós as nosas recomendacións a través deste tipo de plataformas. Como? Pois creando sendos perfís de usuario nas mesma, o que nos permite poñer á vosa disposición listas de reproducción baseadas na música que nos visite.
Ditos perfís de usuario serán accesibles en breve dende o noso blogue dende a barra lateral e dende a páxina Radio Xavedes! Como vos diciamos, visitando os mesmos poderedes atopar diversas listas de reproducción que se corresponden (sempre segundo a disponibilidade dos temas) coas cancións, álbumes… que teñan pasado polo noso blogue, así como unha lista de reproducción principal (Radio Xavedes!) na que se recolle unha selección dos mesmos.
Se visitades Radio Xavedes! agora, sexa a través de Spotify, sexa a través de Grooveshark, poderedes atopar xa unha lista de reproducción cos temas do Galeoke Vol. 1 (do que vos falabamos hai un par de semanas) e disfrutar da nosa (de momento breve) selección musical.
Galeoke Vol. 1
Spotify | Grooveshark
Radio Xavedes!
Spotify | Grooveshark
Escoitámonos!
Hoxe é o Día Internacional da Lingua Materna 2011
O Día Internacional da Lingua Materna vénse celebrando dende que en 1999 foi proclamado pola UNESCO para promover a diversidade lingüística e cultural e o multilingüismo. A data lembra o 21 de febreiro de 1952, cando os estudiantes da Universidade de Dhaka (hoxe Bangladesh, por aquel entón Paquistán), que se manifestaban polo recoñecemento da súa lingua, o bengalí, coma un dos idiomas nacionais de Paquistán, foron tiroteados pola policía e o exército paquistaní, resultando dous deles mortos.
Esta edición do DILM xira ao redor das TICs, a través do lema As tecnoloxías da información e da comunicación para a protección e a promoción das linguas e da diversidade lingüística.
E como iso é o que, precisamente, facemos dende este blogue, e para lembrar o lugar que, como non, ocupa o idioma galego, lingua materna de moitos de nós, dentro desta celebración (unha celebración que presta especial atención ás linguas minoritarias, xa que son as que se atopan nunha situación máis difícil), aquí vos deixamos un par de presentacións elaboradas para tal fin pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
A primeira delas recórdanos a riqueza que supoñen esas máis de 6000 linguas existentes no mundo. Pincha na imaxe superior para descargala en formato audiovisual (.avi), aquí para descargala en formato presentación (.ppt) ou aquí para vela en formato pdf.
A segunda (corresponde á celebración do ano pasado, pero é igualmente interesante) convídanos, como vos convidamos nós dende aquí, a celebrar a nosa lingua non só o día de hoxe, senón o ano enteiro.
Leccións de música tradicional
Acabo de ler no periódico que o gaiteiro Carlos Núñez estará a finais do mes de abril na nosa cidade (os días 29 e 30 concretamente) con motivo de asistir a un congreso de música tradicional que organiza o Real Coro Toxos e Froles, decano dos coros galegos e toda unha institución no mundo da música galega.
Deste xeito retoman un proxecto que comezou xa fai case 12 anos, di, e que o Coro o toma como un intento de dar á música e á propia entidade a importancia que merecen. Completarán o cartel do congreso outras figuras importantes como Carlos Beceiro (músico naronés integrante de La Musgaña), o coro Treixadura e, tamén, o director do Museo da Gaita de Xixón. Dende logo unha interesante proposta para todos aqueles amantes ou “curiosos” da música da nosa terra.
Instrucciones para aprender a hablar gallego
Welcome to the best method to learn Galician!
Bienvenu à la meilleure mèthode por appendre le galicien!
El primer paso que debería dar la persona que pretenda empezar a hablar gallego es sacarse unha fotografía tamaño carné para tener un recuerdo de cómo era antes de saber hablar gallego.
El segundo paso requiere un esfuerzo algo mayor: enfrentarse a leer sin miedo en la lengua objecto del aprendizaje. ¡Suerte!
E xa estamos no terceiro paso, que ten que ver co método Bulinsky de interpretación teatral, que consiste en asumir o papel dun personaxe que está aprendendo unha lingua con todas as consecuencias dramáticas que iso conleva.
Así, por exemplo, pode disfrazarse cun sombreiro de copa ou bigotes falsos ou perruca e dicir no supermercado, por poñer un caso, as súas primeiras palabras en galego en boca do seu personaxe: Por favor, onde están os cepillos de dentes?
A finalidade do disfrace -recomendado para a xente máis tímida- é pasar desapercibidos diante das persoas coñecidas que nesta etapa da aprendizaxe, nalgúns casos, poden facer fracasar a misión con frases pouco animosas do tipo:
– ¿Y luego ahora hablas gallego? Pues te veo rara (cun ton burlón).
– Uy, que gracioso estás… (cínico).
– ¿Y qué dicen tus padres de todo esto? (incrédulo).
– ¿Y cómo te dio por ahí? (asustada).
– Ostia colega, ¿y tú de qué vas? (molesto).
– Aún si lo hablaras bien… (indignada).
– Nótase que non o mamaches (purista).
A maioría da xente que di esas parvadas non ten mala intención, máis ás veces escápansenos estas cousas que teñen botado para atrás, aínda que pareza mentira, a algunhas persoas que, cando algún día intentaron falar galego, non o conseguiron debido á presión do que dirán.
O “que dirán” é unha desas cousas que pode preocupar a unha nai cando seu fillo rouba un banco, por poñer un caso, mais realmente falar unha lingua non ten as mesmas consecuencias. Hai que ter claro, iso si, que esta será unha pregunta que pode crear inseguridade: Y si empiezo a hablar gallego, ¿qué dirán?
Nunha categoría semellante estaría o “que pensarán”, o que nos fai reflexionar sobre a importancia da psiquiatría no proceso de aprendizaxe e uso da lingua galega.
O cuarto paso para comezar a falar galego é rirse dos propios erros antes de que se ría outra xente. Hai que levar con humor eses pequenos disparates e interferencias do tipo “Ese libro é miño” ou “Voute pegar unha leite” sabendo que ningunha persoa na Historia pasoudo do estado A: Non falar unha lingua ao estado C: Falar ben unha lingua sen un período intermedio B: Falar máis ou menos mal esa lingua.
A xente que saiba ler pode atopar algo de axuda nos libros. Nos dicionarios veñen case todas as palabras ordenadas do A ao Z.
A xente que non saiba ler ou prefira non facelo que non se preocupe. Hai moitos casos de personas que nunca leron un libro en galego e o falan perfectamente.
Estamos chegando ao final, entrando xa na etapa de desmitificación da lingua galega, cando descubrimos que realmente o galego é unha lingua coma outra calquera, sen aparentes poderes trascendentais engadidos. E así podemos sorprendernos un día preguntándolle a hora en galego a alguén con toda naturalidade, sen darnos conta.
Conseguido o noso obxectivo, descubrimos de maneira sorprendente que, contra o que pensa algunha xente, para falar galego non é imprescindíbel ser independentista nin necesario ir vivir a unha aldea.
O último paso destas instrucións para falar galego non ten volta atrás: Chegou a hora de comparar a antiga foto carné coa nosa imaxe actual nun espello e comprobar que todo segue no mesmo sitio.
Os cambios son imperceptíbeis, e calquera transformación inesperada só pode ter como explicación o paso do tempo ou calquera outra incidencia allea á lingua galega.
Sechu Sende: “Made in Galiza” (2007)
Serán en galego | Febreiro
A vindeira semana celebraremos a reunión de Serán en galego correspondente ao mes de febreiro, polo que dende aquí animamos a tódolos membros da comunidade educativa do noso Colexio a participar. Ademais da actividade principal, desta volta tamén temos programadas actividades alternativas para os vosos fillos (no caso de que desexedes achegarvos con eles).
Lembrade que se estades interesados en participar, podédesvos anotar na Secretaría do Centro.
Falar sen parar e dicindo cousas sen xeito
Esta é a definición da RAG do verbo latricar. Que a que ven isto? Pois veredes. Hai uns días informábamosvos de que o noso blogue está en Twitter, a rede social de mensaxes curtas que tanto está dando que falar nestes días. Pero Twitter ten certas carencias, e é que, ao contrario que outros sitios como Facebook ou WordPress (o servicio de aloxamento de blogues no que nos movemos), non está dispoñible en galego. Para subsanar estas deficiencias está latri.ca, a rede de microblogging (ou como lle chamen) en galego.
Latri.ca vén sendo un Twitter á galega, pensado para que persoas que falan galego ou se atopan na nosa terra se comuniquen a través de 200 caracteres (porque, din, os 160 de Twitter non nos chegan aos galegos ;)), aos que se lle poden sumar ligazóns, fotos, vídeos ou arquivos de calquer tipo.
E nós, que non queremos deixar de apoiar aquelas iniciativas que contribúen a dotar á lingua galega dunha maior presenza na rede, puxémonos mans á obra e xa temos perfil en latri.ca (latri.ca/Xavedes).
Animádesvos a latricar?
As cunchas, o pandeiro, as tarrañolas…
… a zanfona, o charrasco, a gaita… Na música tradicional galega coñécense máis dun centenar de instrumentos.
Hoxe querémosvos falar do traballo de Pablo Carpintero. Doutor en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela (onde foi profesor de Bioquímica), pero tamén gaiteiro e artesán, é unha das principais figuras no campo da recuperación e conservación do Patrimonio Cultural Inmaterial (coñecementos, instrumentos, tradicións…) galego. No ano 2009, Carpintero publicou o libro “Os instrumentos musicais na tradicións galega”, un completísimo traballo de investigación no que cataloga uns 150 instrumentos.
Nesta obra descríbese cada instrumento, como se constrúe, como se toca, de onde procede o seu nome… Dende as castañolas á pandeireta, dende as noces ao acordeón, sempre coa compaña das ilustracións do debuxante Ramón Marín e de gran cantidade fotografías.
O caso é que hai unhas semanas presentouse a versión interactiva deste libro que chegou a ser un dos máis lidos en lingua galega, unha versión dixital que enriquece a versión en papel coa incorporación de diferentes sons e vídeos e que se atopa dispoñible para todos nós na páxina web do Consello da Cultura Galega. Na seguinte ligazón: www.consellodacultura.org/asg/instrumentos/. Botádelle un vistazo porque é, de verdade, unha verdadeira marabilla.
E se queredes coñecer mellor a Pablo Carpintero e o seu traballo, o mércores pasado foi o protagonista do programa da TVG Alalá. Pinchade aquí para reproducilo.
Canto é a ignorancia
“Canto é a ignorancia”, dicía meu avó.
Onte souben deste vídeo. Nel, unha concursante coruñesa de Gran Hermano (si, xa o sei, que que esperaba) ilustra ao resto dos participantes neste espectáculo televisivo sobre a situación actual da lingua galega. O relato convírtese nun esperpéntico desfile de prexuízos e nun sentido eloxio da ignorancia. Se tedes delicado o estómago (ou o corazón, segundo se mire), mellor que pasedes por alto este artigo. De tódolos xeitos, deixamos constancia aquí deste despropósito como recordatorio do obxectivo que perseguimos co noso blogue…
Uns cantos extractos:
Lo que pasa que yo por ejemplo es verdad que… a ver, yo sé hablar gallego, ¿no?, pero lo hablo mal, no hablo el gallego de… la Real Academia de la lengua gallega, ¿sabes? Y yo para hablarlo mal… el inventármelo, para… es como… a ver, yo hablo el gallego como una persona que habla spanglish, ¿sabes?, que se inventa palabras, que tal, que está mal dicho, pues yo el gallego lo hablo así, ¿sabes?
Lo chapurreo, o sea, lo hablo, pero hay muchas cosas que las digo mal, entonces yo para hablarlo mal… “pos” prefiero no hablarlo, la verdad, porque “pa” hacer el ridículo… ¿Sabes? A… mal dicho… No me gusta hablar el castellano mal, pues tampoco me gusta hablar el gallego mal…
Es que es más, mira… fíjate que… es sup… porque… en la gente mayor ya lo asocias ¿no?, directamente, pero en la gente joven es como raro…
Y sé que va a sonar fuerte, pero es la realidad… la realidad que se vive, no voy a ser hipócrita. Que… hay muchas chicas que… si un chico les gusta, pero habla en gallego…
[…] Y de repente le digo… “Ah, no sabía que eras el primo de tal…” Y me dice… “Si, son o primo de tal…” Y dije yo… “Habla gallego…” Y me dio un bajón…
Pero es lo que te decía de que durante muchos años se extendió la idea de que el que hablaba gallego era un paleto, un ignorante, un no se qué… entonces tiene digamos que una connotación peyorativa; entonces inconscientemente lo asoci… el primer estímulo que te produce una persona joven hablar gallego es negativo.
En Lugo, por ejemplo, sí. En Lugo hay un montón de habl… muchísima gente joven “hablan” gallego. Porque yo trabajé en un pub en Lugo y… pues del cien por cien, el ochenta “hablaban” en gallego… pero también hablan un gallego que… pfff… ¡buf!… más bruto…
Es que… claro, después, dentro de cada provincia, de cada pueblo, de cada tal… hay diferencias. ¿Sabes?, por ejemplo… allí, el gallego bruto, el feo, ¿vale?… por decirlo de alguna f…, que yo no digo que sea feo, pero… lo que se ve así tal… es el gallego el que utiliza la gheada y el seseo… […] Y ese gallego suena superbruto… Entonces ese gallego está todavía más metido a la gente más… todavía más ignorante.
Y es verdad que en Lugo son muy brutos hablando gallego, yo muchas veces yo ni los entiendo…
A la gente de fuera le suele gustar nuestro acento… Y nosotros sin embargo nos vemos el acento y nos avergonzamos… y decimos… “Joé, qué gallego sonó eso”, como… “Qué mal sonó”.
Algún comentario?
“Os Coruños”
Quico Cadaval (Ribeira, 1960) é, ademais dun afamado director teatral, un dos máis fascinantes contadores de historias do noso país. Como mostra, deixamos un fragmento dunha das súas actuacións, na que nos da unha clase de coruño. Que non sabedes o que é? Pois dádelle ao play.
O Carrabouxo*
*Para aqueles que non o coñezades, O Carrabouxo é un habitual das páxinas do diario ourensán La Región. Saído do maxín do humorista gráfico Xosé Lois, a temática da lingua galega protagoniza con frecuencia as súas viñetas, polo que é de esperar que lle faga algunha que outra visita ao noso blogue no futuro.
Mundo Lois
Como xa saberedes (e se non quedades avisados), o vindeiro Día das Letras Galegas está adicado á figura do poeta monfortino Lois Pereiro.
Tempo haberá ata o 17 de maio de viaxar a través da súa obra, pero xa van chegando noticias de distintas actividades que terán lugar durante este ano. Unha das que máis chama a atención é Mundo Lois, un espectáculo escénico (cun importante peso audiovisual) baseado nos seus textos. Un espectáculo que xorde dunha idea do polifacético Antón Reixa (amigo do autor) e que está dirixido polo mugardés Lino Braxe.
Desde a superficie dun novo e imprevisto Salvamento
Sería a luz que me alagaba os ollos
da vida roubada á morte veciña
pero todos me apalpaban incrédulos
colléndome das mans.Todos aqueles que me amaran morto
amábanme máis vivo.Abríranse dúas portas en direccións opostas
e escollín a que se abría cara a vida
co sol entrando a eito polas fiestras.Tería que reanudarme
e regresar á miña propia vida
sen contaxiarme outra vez de min mesmo.Retocaría o guión
e mudaría outra vez de personaxe
retomando a perdida
aprendizaxe.Lois Pereiro: “Poesía última de Amor e Enfermidade (1992-1995)” (1995)
Mundo Lois vén de presentar a súa páxina web, mundolois.gl. Aquí vos deixamos a ligazón, para que lle podades botar un vistazo.
Museo Castelao
O pasado domingo cumpríronse 125 anos do nacemento de Castelao. Hoxe presentámosvos un museo no que poderedes levar a cabo un completo percorrido pola súa obra. Trátase dun museo, si, pero virtual. No Museo Castelao (museocastelao.org) podemos atopar documentos sonoros, unha completa biografía, un apartado adicado á súa obra gráfica, unha escolma dos seus textos literarios…
E a entrada é gratuíta! ;)
Xafeisbuqueamos!
Pinchade na imaxe superior, no atallo da barra lateral
ou aquí para acceder á páxina de Xavedes! e, unha vez alí, pinchade no botón de Gústame
para seguirnos a través da vosa conta no Facebook.
Comentarios recentes