Todas as letras do Día das Letras Galegas
Rematando o mes de maio, todavía quedan por comentar algunhas novas ao redor do Día das Letras Galegas deste 2012, que como xa saberedes, supón a quincuaxésima edición desta festa da cultura galega. Pois ben, xa está dispoñible na páxina web da Real Academia Galega para a súa descarga gratuíta en formato .pdf o libro Todas as letras do Día das Letras, no que cincuenta académicos achegan (en menos de vinte liñas) a súa visión sobre cadanseu homenaxeado nestes cincuenta anos.
Castelao visto por Xosé Neira Vilas, Eduardo Pondal por Xosé Luís Méndez Ferrín, Álvaro Cunqueiro por Manuel Rivas…
Así que se queredes coñecer máis sobre a historia das nosas letras, só tedes que pinchar aquí e descargalo.
Ben por Mario e Ariana!
A noticia que vos traemos hoxe é das boas (pero das boas boas!). E é que dous alumnos do noso colexio veñen de ser premiados na 4ª edición do Concurso Novos Talentos. Premio Relato Curto (en galego), de Coca Cola, cuxa entrega de premios se celebrou o pasado venres no Auditorio de Galicia da cidade de Compostela.
Un segundo posto para Mario e un sexto para Ariana que nos fan moita ilusión… E a eles tamén, claro! (onte saían así de contentos no Diario de Ferrol).
Noraboa a Mario e Ariana (para que logo digan dos de Ferrol e o galego! ;) ) e, como non, tamén á gañadora, Carmen Novo González, do IES Vilar Ponte de Viveiro.
Festival 2012!
Como todos saberedes, a semana pasada celebramos o noso Festival das Letras Galegas no Colexio Lestonnac. Agora xa tedes á vosa disposición na páxina web do cole unha fotogalería coas instantáneas dese día. Pinchade aquí ou na imaxe inferior se queredes velas.
Grazas a todos os que colaborástedes. Ás rapazas do equipo, que exerceron de presentadoras do acto,
aos pequechos do cole, que nos axudaron a coñecer mellor a figura de Valentín Paz Andrade,
aos rapaces e rapazas de 1º B da ESO (que actorazos!),
aos nosos músicos,
a Mucha e Nucha (que nivel! ;) ),
aos maiores do Centro de Día de Caranza, que interpretaron unha canción co Corecho (grazas tamén!),
colaboraron na entrega dos premios do certame literario
e nos trouxeron un precioso regalo,
e, como non, a Óscar. O seu monólogo foi… olímpico! :D
#PobosGalegosFamosos
Se vos pasástedes onte á noite por Twitter, poderíades comprobar a festa que había montada a conta do hashtag #PobosGalegosFamosos. Que de que ía a cousa? Pois de xogar cos topónimos galegos de xeito que, ao engadirlles unha grande dose de humor, convertilos en calquera outra cousa: personaxes famosos, grupos musicais, cidades do resto do mundo… Aínda podedes entrar e rebuscar entre os centos de tweets publicados (#PobosGalegosFamosos chegou a ser Trending Topic a nivel estatal), De seguro que botades unhas risas (e é que os hai moi bos). Nós deixámosvos cunha rápida selección, para que o comprobedes.
… e Verín Osborne, San Andreas de Teixido, Checoslaracha, Greta Arbo, Edgar Allan Poio, Redondelaware, Iker Caselas, Arcade Fire, Michael J. Foz, Sober y Ganar… XD
50 carteis
Outra interesantísima iniciativa que se levou a cabo co gallo do 50 aniversario do Día das Letras Galegas foi o caderno que o diario Faro de Vigo publicou o 17 de maio. Un caderno que fai un percorrido polas figuras homenaxeadas ao longo destes cincuenta anos a través dunha serie de 50 carteis realizados por cadanseu deseñador, carteis que van acompañados dun breve texto obra dun escritor galego da actualidade. A modo de exemplo, aquí tedes o correspondente ao homenaxeado deste ano.
Se pinchades aquí, podedes descargalo ao completo. Facédeo, que paga a pena botarlle un vistazo. [Ademais, dende esta nova da páxina web da Real Academia Galega, podedes descargalos individualmente]
50 anos
Por certo, que o pasado xoves celebramos un Día das Letras Galegas especial, posto que se tratou da quincuaxésima edición da festa das nosas letras. Un cincuenta aniversario que ten símbolo oficial de seu.
Un L de 50 (en números romanos), de letras, de lingua, de libros, rodeado dun corazón que semella latexar de afecto.
Bonito, verdade?
Cando ti volvas…
NA MATRICIAL GALIZA, SEMPRE TÚA,
que dende a Torre de Hércules ao Miño
un facho acenderá por cada illa,
cando ti volvas polo mare;
de toxo unha fogueira en cada monte;
cando ti volvas polo mare;
dos castros na coroa unha cachela,
cando ti volvas polo mare;
unha loura candea en cada pino,
cando ti volvas polo mare;
o seu cirio de frouma os alciprestes,
cando ti volvas polo mare;
luces de ardora branca en cada mastro,
cando ti volvas polo mare;
un farol mariñeiro en cada dorna,
cando ti volvas polo mare;
veliñas á xanela en cada casa,
cando ti volvas polo mare;
e as pérolas das bágoas derramadas,
cando ti chegues polo mare;
cando ti chegues polo mare…Galiza, 1954
Valentín Paz-Andrade: “Pranto matricial” (1955)
Compromiso con Galicia
E como o Día das Letras Galegas está a punto de chegar, propoñémosvos coñecer un pouco mellor a figura do homenaxeado deste ano, Valentín Paz Andrade, a través do documental Compromiso con Galicia, realizado polo CPI dos Dices.
O incerto señor Cunqueiro
Onte á noite poidemos desfrutar en La 2 deste marabilloso documental sobre Álvaro Cunqueiro, así que hoxe imos aproveitar que se atopa dispoñible na rede para traérvolo ata o noso blogue.
Por se se vos pasou. ;)
Cita! | Antón Villar Ponte
“A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal.”
Os premiados da AELG
Seguimos indo de premios. Hoxe trátase dos Premios AELG 2012, que se veñen de fallar na Cea das Letras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Xa vos informamos no seu momento dos candidatos. Agora traémosvos os premiados nas distintas categorías:
– Narrativa: Laura no deserto, Antón Riveiro Coello, Galaxia
– Ensaio: Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, Mercedes Queixas Zas, Galaxia
– Poesía: Leopardo son, Pilar Pallarés, Espiral Maior
– Teatro: Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans, Xerais
– Literatura Infanto-Xuvenil: Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz, Xerais
– Tradución: Sonetos de Shakespeare, Ramón Gutiérrez Izquierdo, Xerais
– Mellor Blog Literario: As crebas, Miro Villar
– Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011: Bieito Iglesias
María Casares Total
Outros galardóns que se veñen de entregar recentemente (a semana pasada) son os XVI Premios de Teatro María Casares.
E cal foi a gran triunfadora? Pois este foi o ano do Grupo Chévere, posto que a súa obra Citizen Total logrou facerse con 5 dos 8 galardóns aos que optaba, entre eles o de mellor dirección para Xesús Ron e o de mellor espectáculo. As outras favoritas, A Ópera dos tres reás, do Centro Dramático Galego, e Oeste Solitario, de Produccións Teatrais Excéntricas, tivéronse que conformar con dous e tres premios respectivamente.
A relación completa dos gañadores é a seguinte:
– Mellor maquillaxe: Trini Fernández Silva (A Ópera dos tres reás)
– Mellor vestiario: Carlos Alonso (A Ópera dos tres reás)
– Mellor escenografía: Paco Conesa (Piratas, de Teatro do Noroeste)
– Mellor iluminación: Octavio Mas (Oeste Solitario)
– Mellor música orixinal: Xacobe Martínez Antelo (Citizen Total)
– Mellor adaptación – tradución: Avelino González (Oeste Solitario)
– Mellor texto orixinal en galego: Avelino González, Artur Trillo, María Ordóñez e Sechu Sende (Pelos na lingua, de Talía Teatro)
– Mellor actriz secundaria: Mónica García (Citizen Total)
– Mellor actor secundario: Vicente de Souza (Tango, de Sarabela Teatro)
– Mellor actriz protagonista: Patricia de Lorenzo (Citizen Total)
– Mellor actor protagonista: Evaristo Calvo (Oeste Solitario)
– Mellor dirección: Xesús Ron (Citizen Total)
– Mellor espectáculo: Citizen Total
Doentes e engurrados
Temos pendente informarvos do resultado final de varios dos premios dos que vos temos falado nas últimas semanas. Por exemplo, de quenes foron os gañadores dos Premios Mestre Mateo 2012, dados a coñecer o pasado 28 de abril na cidade da Coruña.
As grandes triunfadoras da noite, con 5 galardóns cada unha foron dúas longametraxes: Doentes
e Engurras (xa vos falamos desta película de animación hai unhas semanas neste blogue).
A primeira delas acadou os premios á mellor longametraxe de ficción, ao mellor intérprete masculino protagonista para Antonio Durán “Morris”, dirección de producción, dirección artística e fotografía. A segunda, os de mellor longametraxe de animación, guión, dirección artística, son e música orixinal.
Moi de cerca seguiunas a serie Matalobos, que resultou premiada en catro ocasións. A longametraxe documental Tralas luces e a película para televisión Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde acadaron tres premios cada unha.
A destacar tamén a concesión do premio de mellor programa de televisión para Zigzag diario e o recibido por Roberto Vilar como mellor comunicador de televisión.
O que todo galego debe saber do portugués. 6
Aí vai o sexto capítulo que Ben falado! adicou a coñecer a lingua portuguesa.
Un Premio Max no Teatro Jofre
O luns pasado tivo lugar no madrileño Teatro Circo Price a cerimonia de entrega dos XV Premios Max das Artes Escénicas, outorgados pola SGAE.
A lingua galega tiña reservado un lugar de privilexio na cerimonia a través da categoría que premia ao Mellor Autor Teatral en Galego. Eran candidatos Santiago Cortegoso, por 0,7% molotov, Roberto Salgueiro por Memoria de Helena e María e Avelino González, Artur Trillo e María Ordóñez, por Pelos na lingua, resultando galardoados estes últimos, por unha obra que, precisamente, ten como eixo principal a nosa lingua.
Así que que mellor momento para recomendárvola, pois o vindeiro sábado tedes unha inmellorable oportunidade para disfrutar deste espectáculo de Talía Teatro. Cóllevos ben cerquiña, no Teatro Jofre.
A cita é ás 21:30 horas, e as entradas xa están á venda a un prezo de 5 €.
Comentarios recentes