Os premiados da AELG
Seguimos indo de premios. Hoxe trátase dos Premios AELG 2012, que se veñen de fallar na Cea das Letras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Xa vos informamos no seu momento dos candidatos. Agora traémosvos os premiados nas distintas categorías:
– Narrativa: Laura no deserto, Antón Riveiro Coello, Galaxia
– Ensaio: Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, Mercedes Queixas Zas, Galaxia
– Poesía: Leopardo son, Pilar Pallarés, Espiral Maior
– Teatro: Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans, Xerais
– Literatura Infanto-Xuvenil: Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz, Xerais
– Tradución: Sonetos de Shakespeare, Ramón Gutiérrez Izquierdo, Xerais
– Mellor Blog Literario: As crebas, Miro Villar
– Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011: Bieito Iglesias
Premios AELG 2012
E se onte atendíamos ás recomendacións dos editores… como non imos atender ás dos escritores! Hai uns días coñecéronse os finalistas aos premios que anualmente concede a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, os Premios AELG 2012, que chegan xa á súa décimo terceira edición.
Así, para cada unha das 8 categorías a concurso, e como resultado dos votos dos 417 socios da AELG, saíron finalistas…
… no apartado de Narrativa:
- Extramunde, Xavier Queipo, Xerais
- Laura no deserto, Antón Riveiro Coello, Galaxia
- Non hai noite tan longa, Agustín F. Paz, Xerais
… no apartado de Ensaio:
- Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, Carlos Callón, Xerais
- Rosalía de Castro. Estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), Francisco Rodríguez, Asociación Socio-Pedagóxica Galega
- Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, Mercedes Queixas Zas, Galaxia
… no apartado de Poesía:
- balea2, Estevo Creus, Positivas
- Leopardo son, Pilar Pallarés, Espiral Maior
- Todas as mulleres que fun, Andrea Nunes Brións, Corsárias
… no apartado de Teatro:
- A función do tequila, Manuel Guede, Deputación da Coruña
- Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans, Xerais
- Fábula galénica, Inácio Vilariño, Baía
… no de apartado de Literatura Infanto-Xuvenil:
- Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz, Xerais
- Noutra dimensión, Marica Campo, Galaxia
- O meu gato é un poeta, Fran Alonso, Xerais
… no apartado de Tradución:
- Os trobadores de Occitania, Darío Xohán Cabana, Edicións da Curuxa
- Sonetos de Shakespeare, Ramón Gutiérrez Izquierdo, Xerais
- Versos escollidos (de Wisława Szymborska), Lucía Caeiro, Positivas
… ao Mellor Blog Literario:
… á Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011:
Para informarvos dos gañadores teremos que esperar ao 5 de maio, cando teña lugar a Cea das Letras, na que tamén se entregarán outros dous premios: o premio para a Institución que se caracterizase pola súa contribución á divulgación da literatura galega, que este ano será para os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino ( :) ) e os Servizos de Normalización dos concellos; e mais o Premio AELG 2012 “Escritor Galego Universal”, que este ano lle foi outorgado ao escritor e economista José Luis Sampedro.
Valentín Paz-Andrade para nenos
Presentámosvos unha novidade editorial ben interesante, sobre todo de cara ao vindeiro Día das Letras Galegas. Xerais vén de editar, a través da sua colección orientada ao público máis novo, Merlín, unha biografía do homenaxeado deste ano, Valentín Paz-Andrade. A vida e deste avogado, empresario, especialista en temas pesqueiros, político, poeta, xornalista… contada de forma amena… pero detallada. E por se fose pouco, unha pequena antoloxía dos seus textos completa este imprescindible volume.
Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía
Charo Portela Yáñez
Xerais (2012)
10.103.409
10.103.409. Esa é a cifra de exemplares vendidos alcanzada pola editorial Xerais ao remate de 2011. 10.103.409 libros dende a súa fundación o 5 de outubro de 1979: 306.164 exemplares ao ano, 68.731 ao mes, 856 ao día.
O acadar os dez millóns de exemplares vendidos é todo un fito para esta histórica editorial, que tanto leva feito pola normalización da nosa lingua ao longo dos seus máis de 32 anos de existencia.
E cales foron os títulos máis vendidos durante todo este tempo? Pois de entre os máis de 3.000 que levan publicados dende 1979, a propia editorial destaca dúas novelas: O lápis do carpinteiro, de Manuel Rivas, con 81.200 exemplares vendidos,
e, no campo da literatura infantil e xuvenil, Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, con cerca de 81.000.
Iso si, ningún deles lle fai sombra á gran estrela do catálogo de Xerais. Con… máis de 350.000! exemplares vendidos… o Pequeno Dicionario Xerais! Coñecédelo, non?
A que si?
Charles Dickens celebrado en galego
Como se encarga de lembrarnos hoxe o buscador Google cun marabilloso doodle,
este 7 de febreiro cúmprense 200 anos do nacemento en Portsmouth (Reino Unido) do célebre novelista Charles Dickens. Nós aproveitamos para recomendarvos a lectura de dúas das súas máis famosas obras, dispoñibles en sendas traducións ao galego.
A primeira, publicada pola Editorial Galaxia en 2006, é a historia do orfo Oliver Twist.
A segunda, de máis recente publicación (se ben xa fora traducida por Xerais en 1986), é Canto de Nadal, outra obra mestra do escritor inglés (quen non coñece ao avaro Scrooge?). Chega a nós nunha marabillosa edición de Kalandraka
con ilustracións de Roberto Innocenti.
Que mellor forma de render tributo a un autor universal?
Breve encontro: Lois comiqueiro
Agardando a que chegue xuño para poder desfrutar de Lois Pereiro. Breve encontro. Un achegamento comiqueiro á obra e vida do poeta na súa totalidade.
Polo momento, Xerais ofrécenos a posibilidade de adiantar a lectura dun dos capítulos desta novela gráfica de Jacobo Fernández Serrano que se constitúe nunha das aproximacións máis orixinais de cantas levamos visto ao longo deste ano á figura do poeta monfortino.
“Sobrevoabas un día o meu espacio aéreo
rozándome coas plumas levemente
e desaparecías cun rumor minguante
como a visión dun soño
fracasado.”Lois Pereiro, “(Breve encontro)”
Pinchade aquí ou nas imaxes inferiores para acceder ás 24 páxinas de adianto en formato pdf.
Naceron dous corvos brancos!
Dende 1996 e ano a ano, a Internationale Jugendbibliothek München (a Biblioteca Internacional da Xuventude de Múnic, vaia) vén elaborando unha lista cos mellores libros infantís e xuvenís recentemente editados. A lista, que recibe o nome de White Ravens (corvos brancos) compóñena 250 títulos “de interese internacional que merecen unha recepción más ampla debido á súa temática universal e/ou o seu excepcional e a miúdo innovador estilo e deseño artístico e literario” (de aí o de corvos brancos, pola súa singularidade).
Os libros son seleccionados polos especialistas da lingua (Lektoren) da entidade de entre os publicados recentemente (en todo o mundo, ollo!). A correspondente a este ano 2011, que acaba de se facer pública, recolle publicacións en 36 linguas distintas e abarca un total de 52 países (podedes consultala ordeada por idioma aquí e por país aquí)
E por que vos falamos dela? Pois porque entre eses 250 títulos que conforman a lista de 2011 coáronse dous editados no noso idioma. Son O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro (e ilustracións de Ramón Trigo), editado por Xerais
Un adolescente é enviado pola súa nai dende París a pasar cunha tía unha boa tempada na vila de Auvers. Durante aqueles días do verán de 1890, coñecerá a Vincent, un pintor que semella beberse a vida con cada violenta pincelada sobre o lenzo e do que durante sesenta e nove días se fará inseparable, acompañándoo no seu deambular polos trigais e na súa infatigable loita contra os convencionalismos da vida provinciana. Mais o mozo tamén descubriá o amor, coñecerá algúns misterios sobre o seu pasado e se enfrontará por vez primeira á morte, o que o obrigará a tomar unha decisión sobre o futuro que lle agarda.
, e Contos para nenos que dormen deseguida, de Pinto & Chinto (si, David Pintor e Carlos López, os humoristas gráficos de La Voz de Galicia), editado por Kalandraka.
Os contos para antes de durmir han de ser curtos; non como aquel conto tan longo que, cando se acababa de contar, xa era hora de que o neno fose ao colexio. Ou aquel tan longo no que os nenos quedaban durmidos pola metade e logo tiñan que soñar o final. Aínda que o conto máis longo que coñecemos é tan longo que cando se remata de contar, o neno xa é adulto.
Dous títulos que se unen aos máis de trinta distinguidos nos últimos quince anos (de feito non é a primeira vez que Marcos Calveiro ou Ramón Trigo reciben tal recoñecemento). Se queredes ver de que obras estamos a falar, pinchade na imaxe inferior para acceder a unha listaxe das mesmas.
Comentarios recentes