Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “xa me tardan eses magos

A Noite da Edición

Nada nos gusta máis que recomendarvos unha boa lectura, e se son os propios editores os que nos propoñen o que para eles é o mellor do ano…

O pasado venres 9 celebrouse en Santiago de Compostela a VII Noite da Edición de Galicia, que organiza a Asociación Galega de Editores, e nela entregáronse os Premios da Edición correspondentes ao pasado ano 2011, así como o Premio Francisco Fernández del Riego, que foi para Xesús Couceiro e a librería da que é propietario (todo un emblema compostelá), por toda unha vida adicada á promoción do libro e a cultura galega.

E pensamos en traervos ata aquí a relación de premiados (por aquilo de dar ideas…).

– Premio Ánxel Casal ao Libro de ficción do ano 2011:  Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz, editado por Edicións Xerais.

(o xurado concedeulle unha mención especial do xurado á unha obra destinada ao público xuvenil, Centauros do Norte, de Marcos Calveiro, destacando a súa calidade).

– Premio Ánxel Casal ao Libro de non ficción do ano 2011: Obra  Gráfica de Conde Corbal (VV.AA.), editado por Nova Galicia Edicións (o xurado soliciou así mesmo que se lle concedera unha manción a O escano baleiro. No Caurel con Uxío Novoneyra, de Xulio Valcárcel, e a Loita de clases, a represión franquista no mar, de Dionisio Pereira)

– Premio Ánxel Casal ao Libro de poesía ou teatro do ano do ano 2011:  Poesía completa, de Lois Pereiro, editado por Edicións Xerais.

– Premio Xosé Neira Vilas ao Libro infantil e xuvenil do ano  2011Xa me tardan eses magos, de Mamá Cabra, editado por Editorial Galaxia, “pola súa contribución ao achegamento da poesía aos nenos mediante a fusión do texto e a música”.

(con sendas mencións especiais para O Apalpador e a castaña máxica e Canto de Nadal, de Charles Dickens)

Premio Lois Tobío ao Libro traducido do ano 2011: Sonetos de Shakespeare, traducido por Ramón G. Izquierdo, editado por Edicións Xerais, “pola magnífica tradución e edición crítica e pola súa contribución ao enriquecemento do galego cunha obra universal e imprescindible”.

– Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado do ano 2011: Contos por teléfono, de Pablo Otero, editado por Kalandraka Editora.

(Lois Pereiro breve encontro, de Jacobo F. Serrano, do que xa vos falamos aquí hai uns meses, recibiu unha mención especial neste apartado).

– Premio Xosefa Iglesias Vilarelle ó libro educativo do ano 2011As mulleres en Galicia no século XX, de Jesús de Juana e outros, editado por Ir Indo.

(con mención expresa para Un cadro de Velázquez, de Claire D’Harcourt).

Así mesmo, o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora do ano 2011, foi para Xavier Queipo, pola traxectoria da súa obra,

Premio Rosalía de Castro á iniciativa editorial do ano 2011 para Transformacións de álbums ilustrados en series de animación audiovisual: Os contos do camiño e caracois e o Premio Edición Histórica 2012 ao XXV aniversario de Andavira Editora.

O xurado destacou a calidade de todos os finalistas e solicítalle á Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, que se merque un exemplar para cada unha das bibliotecas públicas pertencentes á rede de Bibliotecas de Galicia, así que… xa sabedes onde atopalos!