Premios AELG 2012
E se onte atendíamos ás recomendacións dos editores… como non imos atender ás dos escritores! Hai uns días coñecéronse os finalistas aos premios que anualmente concede a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, os Premios AELG 2012, que chegan xa á súa décimo terceira edición.
Así, para cada unha das 8 categorías a concurso, e como resultado dos votos dos 417 socios da AELG, saíron finalistas…
… no apartado de Narrativa:
- Extramunde, Xavier Queipo, Xerais
- Laura no deserto, Antón Riveiro Coello, Galaxia
- Non hai noite tan longa, Agustín F. Paz, Xerais
… no apartado de Ensaio:
- Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, Carlos Callón, Xerais
- Rosalía de Castro. Estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), Francisco Rodríguez, Asociación Socio-Pedagóxica Galega
- Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, Mercedes Queixas Zas, Galaxia
… no apartado de Poesía:
- balea2, Estevo Creus, Positivas
- Leopardo son, Pilar Pallarés, Espiral Maior
- Todas as mulleres que fun, Andrea Nunes Brións, Corsárias
… no apartado de Teatro:
- A función do tequila, Manuel Guede, Deputación da Coruña
- Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans, Xerais
- Fábula galénica, Inácio Vilariño, Baía
… no de apartado de Literatura Infanto-Xuvenil:
- Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz, Xerais
- Noutra dimensión, Marica Campo, Galaxia
- O meu gato é un poeta, Fran Alonso, Xerais
… no apartado de Tradución:
- Os trobadores de Occitania, Darío Xohán Cabana, Edicións da Curuxa
- Sonetos de Shakespeare, Ramón Gutiérrez Izquierdo, Xerais
- Versos escollidos (de Wisława Szymborska), Lucía Caeiro, Positivas
… ao Mellor Blog Literario:
… á Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011:
Para informarvos dos gañadores teremos que esperar ao 5 de maio, cando teña lugar a Cea das Letras, na que tamén se entregarán outros dous premios: o premio para a Institución que se caracterizase pola súa contribución á divulgación da literatura galega, que este ano será para os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino ( :) ) e os Servizos de Normalización dos concellos; e mais o Premio AELG 2012 “Escritor Galego Universal”, que este ano lle foi outorgado ao escritor e economista José Luis Sampedro.
Un xaneiro con Wislawa Szymborska
Wislawa Szymborska estivo presente en tódalas aulas do noso colexio o mes pasado. O calendario solidario da FISC, a ONG da Compañía de María, adicado este ano ás Mulleres Premio Nobel, tíñalle reservado o mes de xaneiro á poetisa polaca. Esperou Wislawa a que lle deramos a volta á folla para marchar: onte falecía na súa casa de Cracovia aos 88 anos de idade.
Se queredes coñecer a súa obra, recomendámosvos a antoloxía Versos escollidos, de Edicións Positivas, que se converteu o pasado mes de decembro na primeira tradución ao galego da mesma. Este traballo de Lucía Caeiro, que se achegou á figura da Premio Nobel de Literatura de 1996 durante a súa estadía como lectora en Varsovia, onde entablou amizade coa neta adoptiva de Szymborska, Maria Filipowicz-Rudek (directora do Centro de Estudos Galegos de Cracovia), recolle, en versión bilingüe, 84 poemas da Premio Nobel de Literatura de 1996.
Versos escollidos
Wislawa Szymborska
Edicións Positivas (2011)
Entre eles atopamos este Vietnam:
Vietnam
Muller, como te chamas? –Non sei.
Cando naciches, de onde es? –Non sei.
Porque escavaches esta gorida na terra? –Non sei.
Dende cando te agochas aquí? –Non sei.
Porque me mordiches no dedo anular? –Non sei.
Sabes que non che imos facer nada malo? –Non sei.
De parte de quen estás? –Non sei.
Agora estamos en guerra, tes que elixir. –Non sei.
A túa aldea aínda existe? –Non sei.
Estes son os teus fillos? –Si.
Unha monada (1967)
Comentarios recentes