Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “uxía

Electrogalaico

Onte coñecíanse a listaxe de candidatos aos 4º Premios de la Música Independiente, e hai varios grupos galegos entre os nomeados. Algúns, coma os composteláns Disco Las Palmeras, que compiten na categoría de artista revelación, ou os vigueses Eladio y los seres queridos, que optan ao premio de mellor videoclip por retrataren Vigo dun xeito tan fermoso coma o fixeron na emotiva El tiempo futuro (de obrigado visionado), compoñen maioritariamente en lingua castelá. Outros, coma os tres finalistas galegos na categoría de mellor álbum de música de raíz (Uxía, polo seu Meu Canto, e Banda Crebinsky e Talabarte, por sendos álbums homónimos), fano en lingua galega.

Outro día falámosvos destes últimos, que hai moito que comentar tamén, pero hoxe querémonos deter na candidatura de Das Kapital (outro dos proxectos nos que anda metido O Leo) ao premio de mellor álbum de música electrónica, con todo o que iso significa á hora de romper barreiras para a música cantada no noso idioma.

O seu Ruído Negro, o EP polo que están nomeados, está dispoñible para a súa escoita en Jamendo (a plataforma de música gratis) ou en Komunikando.net, podendo ser descargado legalmente de balde en ámbolos dous sitios.

Probádeo, vaivos sorprender. Nós, como mostra, deixámosvos con Nos días do medo.


SingStar…? Galeoke!

Que é o Galeoke? Pois o Galeoke é, como o seu propio nome indica, un xogo de karaoke. O obxectivo do xogo é acumular o maior número de puntos, puntos que obteremos se conseguimos cadrar a nosa voz co tono de voz da canción que esteamos a interpretar.  É dicir, trátase dun xogo na liña do coñecido Singstar™ para Playstation®, se ben o software utilizado neste proxecto está feito en Software Libre.

Pero o que de verdade chama a nosa atención sobre este proxecto é que tódalas cancións que inclúe non só pertencen a artistas galegos, senón que ademais están, todas, compostas en galego.

O primeiro volume do Galeoke saiu á venda o pasado 21 de decembro portando unha heteroxénea selección musical no seu interior. Aí vos van os 16 temas que o conforman:
  • Os Resentidos: “Galicia Caníbal”
  • Malvela: “O Pirimpimpín”
  • Narf e Manecas Costa: “Esta Noite”
  • Quant: “Pois eu” (Andrés do Barro)
  • Loretta Martin: “As cores do solpor”
  • Os Diplomáticos de Montealto: “Nordés” (con Mercedes Peón)

O Galeoke Vol. 1 vén, ademais, cun código que nos dará acceso á descarga dunha serie de temas extra. E tranquilos, porque se botades en falta algún tema, o Colectivo Galeoke promete unha segunda entrega e ata (se a cousa funciona) unha terceira. Cantamos?