A Súa Maxestade Touriñán
A primeira vez, que eu sexa consciente, que vin a Xosé Antonio Touriñán (Culleredo, 1980) asomar polo meu televisor foi en 2006, cando a TVG estreou o programa Perdelo todo, e lembro que xa entón chamou a miña atención; as súas personaxes de Varela e O gaiteiro de Texas brillaban con luz propia naquel concurso presentado por Emilio Guillín.
Así que cando el e máis o seu compañeiro de instituto Marcos Pereiro alcanzaron o éxito no Luar como Mucha e Nucha, As cantareiras de Ardebullo, non me sorprendeu… estaba cantado!
Pero non se detivo aí: Padre Casares, o Premio Mestre Mateo 09 na categoría de Comunicador de Televisión polo programa Botarse ao monte, Land Rober, con Roberto Vilar… Alí coñecemos a Ricardo, un home que “non se fija”.
E é precisamente o oco que deixou Land Rober na parrilla da TVG o que dende onte ocupa Tourilandia. Se estabamos desexando velo á fronte do seu propio programa… agora ten o seu propio país!
A de onte foi unha estrea por todo o alto (a entrevista a David Vidal causou furor nas redes sociais) dun programa que xa tei o se primeiro hit: a adaptación ao SERGAS do éxito de Michel Teló Ai se eu te pego.
Bailando este Ai si me opero desexámoslle sorte a Touriñán nesta nova andaina profesional. Nós seguirémolo, sen parar de rir, os xoves á noite na galega ou na páxina da CRTVG (http://www.crtvg.es/tvg/programas/tourilandia).
Novas letras
Como presta rematar de comer, deitarse no sofá, prender o televisor… e poñer a galega para ver o Cifras e Letras!
Son máis de 5 anos dende que comezou a emitirse a versión galega deste concurso, baseado no francés Des chiffres et des lettres e que coñeceramos a comezos da década dos 90 cando comezou a emitirse en La 2 a versión española. 5 anos nos que o humorista, actor, músico… Paco Lodeiro (do que me declaro fan absoluto) vén conducindo o programa acompañado do físico Jorge Mira e da escritora Yolanda Castaño como expertos en cifras e en letras respectivamente.
Ata hai unha semana, posto que o pasado martes a tamén escritora María Canosa tomaba o relevo de Yolanda Castaño (que deixa o programa para centrarse na súa faceta literaria).
Así que temos novo equipo para as sobremesas da TVG.
Que dure!
O Pórtico da Gloria do audiovisual galego
Hoxe coñecéronse os finalistas aos Premios Mestre Mateo 2010. Organizados pola Academia Galega do Audiovisual, estes galardóns veñen premiando dende o ano 2003 o traballo dos profesionais do audiovisual galego. Atópanse divididos en 27 categorías do máis variado, que van dende a mellor longametraxe ata a mellor obra interactiva, pasando polos catro premios da categoría de interpretación ou aqueles reservados a traballos televisivos. Os premios (os gañadores son escollidos democraticamente polos membros da Academia) faranse públicos e entregaranse durante unha gala que terá lugar o vindeiro 17 de abril no Auditorio Municipal de Ourense.
O favorito desta edición é a longametraxe de Jorge Coira 18 comidas. Rodada en galego, español, inglés e macedonio e case sen guión, esta cinta acapara un total de 16 candidaturas, cinco delas para os seus intérpretes.
Séguena de cerca Retornos de Luis Avilés Baquero (15 candidaturas) e Crebinsky de Enrique Otero (12).
E se falamos de televisión destacan as 6 candidaturas que acumula a serie da TVG Matalobos e as 3 doutra serie, Padre Casares, e do programa de humor, música e entrevistas Land Rober.
Pero mellor que seguir categoría a categoría (podedes consultar a relación completa dos finalistas aquí), por que non nos dades a vosa opinión? Polo menos nos premios televisivos, nos que seguro tedes unha…
Os candidatos na categoría de Programa de televisión son o programa de divulgación científica Conexións, o magazine Cultura 10, o espazo viaxeiro Galegos no mundo e o anteriormente citado Land Rober.
Na categoría de Serie de televisión os finalistas son Matalobos, Padre Casares e Para mariñeiros nós.
E os candidatos a mellor comunicador de TV son Roberto Vilar, Terio Carrera, Xosé Ramón Gayoso e Yolanda Vázquez.
As cunchas, o pandeiro, as tarrañolas…
… a zanfona, o charrasco, a gaita… Na música tradicional galega coñécense máis dun centenar de instrumentos.
Hoxe querémosvos falar do traballo de Pablo Carpintero. Doutor en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela (onde foi profesor de Bioquímica), pero tamén gaiteiro e artesán, é unha das principais figuras no campo da recuperación e conservación do Patrimonio Cultural Inmaterial (coñecementos, instrumentos, tradicións…) galego. No ano 2009, Carpintero publicou o libro “Os instrumentos musicais na tradicións galega”, un completísimo traballo de investigación no que cataloga uns 150 instrumentos.
Nesta obra descríbese cada instrumento, como se constrúe, como se toca, de onde procede o seu nome… Dende as castañolas á pandeireta, dende as noces ao acordeón, sempre coa compaña das ilustracións do debuxante Ramón Marín e de gran cantidade fotografías.
O caso é que hai unhas semanas presentouse a versión interactiva deste libro que chegou a ser un dos máis lidos en lingua galega, unha versión dixital que enriquece a versión en papel coa incorporación de diferentes sons e vídeos e que se atopa dispoñible para todos nós na páxina web do Consello da Cultura Galega. Na seguinte ligazón: www.consellodacultura.org/asg/instrumentos/. Botádelle un vistazo porque é, de verdade, unha verdadeira marabilla.
E se queredes coñecer mellor a Pablo Carpintero e o seu traballo, o mércores pasado foi o protagonista do programa da TVG Alalá. Pinchade aquí para reproducilo.
Comentarios recentes