Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “teatro do atlántico

Os nomes dos María Casares

Acábanse de coñecer os nomeados aos XVI Premios María Casares. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, que leva premiando á profesión teatral galega dende 1997 a través destes galardóns, fixo hoxe públicos os nomes dos finalistas.

A Ópera dos tres reás, do Centro Dramático Galego,

e Citizen Total, de Chévere,

encabezan os nomeamentos con 8 cada unha, seguidas de cerca por Oeste Solitario de Producións Teatráis Excéntricas con seis.

“E.R.” Algún día traballaremos xuntas (Teatro do Atlántico) en catro ocasións, O Florido Pénsil (Eme2 emoción e arte), Tango (Sarabela Teatro) e Piratas (Teatro do Noroeste), en tres, e Pelos na Lingua (Talía Teatro), American Café (Teatro do Morcego), Soños (Bichakadela) e 0,7% Molotov (Teatro de Ningures) tamén están entre os finalistas.

Se queredes saber se Citizen Total, O florido pénsil ou Oeste solitario conseguen o premio ao mellor espectáculo, se Avelino González por Pelos na lingua, Xesús Ron por Citizen ou Xúlio Lago por E.R. o premio ao mellor director, para saber se Antonio Durán “Morris”, Josito Porto (ambos por O florido pénsil) ou Evaristo Calvo (por Oeste Solitario) levan o premio ao mellor actor ou se a mellor actriz é Luísa Merelas (E.R.), Susana Dans (E.R. tamén) ou Patricia de Lorenzo (Citizen), ides ter que esperar ao vindeiro 3 de abril.


Un cranio premiado

Tiña pensado ter escrito antes sobre a gala de entrega dos Premios María Casares 2011, pero fóronse coando outros temas e…

Os Premios María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, levan premiando dende 1997 aos profesionais do teatro galego nunha gala que soe celebrarse ao redor dunha data especialmente relevante: a do Día Mundial do Teatro (que por certo foi este pasado domingo).

Así, o pasado mércores 23 celebrouse no Teatro Rosalía de Castro da cidade da Coruña (cidade natal de María Casares, a célebre actriz galega que da nome aos premios) a gala correspondente á decimoquinta edición dos galardóns.

A presentación correu a cargo de Gonçalo Guerreiro e Pedro Brandariz, nos seus papeis do Doutor Crisè e o seu axudante Casemorro, acompañados dun monstruoso (nunca mellor dito) elenco de artistas.

A grande triunfadora foi Un cranio furado, de Produccións Teatrais Excéntricas (da que xa vos falamos no seu día) con catro premios: Mellor espectáculo, Mellor actor protagonista (Evaristo Calvo), Mellor actor secundario (Santi Romay) e Mellor escenografía.

Seguírona Life is a paripé, de Obras Públicas, e Trogloditas, de Taranxina Teatro, que marcharon con dous premios por cabeza. Super8, Volpone, Limpeza de sangue, Memorias das memorias dun neno labrego e O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca obtiveron igualmente cadanseu galardón.

E se por un casual vendo a relación das obras a concurso vos animades a acercarvos ao teatro máis cercano, aquí vos queda unha axenda (se se pode chamar así) coas datas nas que algunhas delas visitan a nosa comarca (se sabedes dalgunha máis, non dubidedes en chamarnos a atención).

  • Life is a paripé (Obras Públicas): 3 de Abril no Auditorio Municipal de Cedeira e 9 de Abril no Pazo da Cultura de Narón

  • Memoria de Helena e María (Teatro do Atlántico): 1 e 2 de Abril no Teatro Jofre de Ferrol
  • Un cranio furado (Produccións Teatrais Excéntricas): 27 e 28 de Maio no Teatro Jofre de Ferrol

Seguir lendo >>