Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “steve jobs

Steve Jobs non era galego (pero como se o fose)

Dicíamosvos onte que vos iamos preparar algo sobre a figura de Steve Jobs, pero que mellor que volo conte el mesmo. Para iso imos botar man do seu discurso máis célebre. E non se trata de ningunha desas presentacións de novos productos da súa empresa (que se iPod, que se iPhone, que se iPad…) que tanta expectación soían crear, senón dun discurso que pronunciou un grupo de alumnos recén graduados da Universidade de Stanford (EUA). Un discurso tremendamente emotivo, como poderedes comprobar, no que repasa tres acontecementos que marcaron a súa traxectoria vital.

O único problema foi que, como o discurso (evidentemente) está en inglés, necesitabamos uns subtítulos que nos permitisen seguir a Steve na nosa lingua. E como esa tradución ao galego non aparecía por ningún lado (non sei se non estaba dispoñible na rede ou é que non a buscamos coa sufiente eficacia), tivemos que facela nós. Así que aí vai: o famoso discurso de Steve Jobs na Universidade de Stanford o 12 de Xuño de 2005… en galego.

Dúas cousas. 1: se tedes problemas para visualizar os subtítulos pinchade no botón CC do reprodutor de YouTube ata que aparezan. E 2: se atopades algún erro nos subtítulos, que seguro que haberá máis de un, desculpade, as presas (e tampouco é que o noso inglés sexa…) non axudan nadiña. Estamos a tempo de correxilos, así que comentádenos o que vos pareza.


Ou mac-iñeira

Sen dúbida algunha, a noticia que hoxe acapara tódolos titulares é a do falecemento do fundador de Apple Steve Jobs.

Xa teremos tempo de coñecer algo máis sobre a figura deste visionario da era dixital, pero mentres vos preparamos algo, e xa que esperabamos o momento no que falarvos dun blogue moi particular, aproveitamos a ocasión. Trátase de A Mac-eira.

O blogue pertence á rede de blogues en galego Vencello (da que me dou conta de que non vos falamos todavía! , acumúlasenos o choio! ;) ). Nel, como xa deduciriades a estas alturas, ten cabida todo o relacionado co universo Apple: historia, productos, aplicacións… Todo, iso si, contado en galego.

Porque non me negaredes que, a pesar da escasa presenza do mesmo nos produtos da compañía, algo que haberá que mellorar, Apple e o galego cadran moi ben: non en tódolos idiomas se pode facer un xogo de palabras tan chulo como o do título do blogue. O Macintosh e a mazá unidos. :)