Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “rubén riós

Windows ou Mac? A resposta… en galego

Ai… para que me meterei eu en polémicas? Se o meu ordenador funciona a manivela… Non, a finalidade deste artigo non é dar resposta á gran pregunta, senon informar de que dende o pasado xoves os seareiros galegos de Bill Gates teñen un argumento máis para defender a súa honra. Ese día a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a empresa Microsoft presentaban en Santiago de Compostela a traducción (non foi sen tempo) da última versión do seu sistema operativo, o Windows 7, así como do Office 2010 ao noso idioma.

Dende o noso blogue consideramos esta como unha gran noticia a pesar da súa tardanza (Windows 7 saiu á venta o 22 de outubro… de 2009!) e coincidimos coas palabras do conselleiro Xesús Vázquez en que deste xeito, conseguindo para a lingua galega unha maior presenza no ámbito das novas tecnoloxías, dásenos a tódolos galegofalantes “a opción real de vivir en galego”. E é que esa é precisamente a idea principal da campaña na que se enmarca este acto: a campaña Vive en galego.

O presentador do acto foi o actor Rubén Riós (coñecido, entre outras moitas cousas, polo seu papel na serie da TVG Libro de Familia) e a música púxoa a gaiteira Susana Seivane. Ámbolos dous teñen un papel protagonista neste vídeo promocional da campaña.

Queres que o teu ordenador fale galego? Entra en microsoft.es/gal e dende alí poderás descargar non só o programa que che permitirá traducir o teu sistema operativo Windows 7 ao galego, senón tamén, se traballas con versións anteriores do mesmo, os correspondentes ao Windows Vista e ao Windows XP.