Doentes e engurrados
Temos pendente informarvos do resultado final de varios dos premios dos que vos temos falado nas últimas semanas. Por exemplo, de quenes foron os gañadores dos Premios Mestre Mateo 2012, dados a coñecer o pasado 28 de abril na cidade da Coruña.
As grandes triunfadoras da noite, con 5 galardóns cada unha foron dúas longametraxes: Doentes
e Engurras (xa vos falamos desta película de animación hai unhas semanas neste blogue).
A primeira delas acadou os premios á mellor longametraxe de ficción, ao mellor intérprete masculino protagonista para Antonio Durán “Morris”, dirección de producción, dirección artística e fotografía. A segunda, os de mellor longametraxe de animación, guión, dirección artística, son e música orixinal.
Moi de cerca seguiunas a serie Matalobos, que resultou premiada en catro ocasións. A longametraxe documental Tralas luces e a película para televisión Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde acadaron tres premios cada unha.
A destacar tamén a concesión do premio de mellor programa de televisión para Zigzag diario e o recibido por Roberto Vilar como mellor comunicador de televisión.
A Súa Maxestade Touriñán
A primeira vez, que eu sexa consciente, que vin a Xosé Antonio Touriñán (Culleredo, 1980) asomar polo meu televisor foi en 2006, cando a TVG estreou o programa Perdelo todo, e lembro que xa entón chamou a miña atención; as súas personaxes de Varela e O gaiteiro de Texas brillaban con luz propia naquel concurso presentado por Emilio Guillín.
Así que cando el e máis o seu compañeiro de instituto Marcos Pereiro alcanzaron o éxito no Luar como Mucha e Nucha, As cantareiras de Ardebullo, non me sorprendeu… estaba cantado!
Pero non se detivo aí: Padre Casares, o Premio Mestre Mateo 09 na categoría de Comunicador de Televisión polo programa Botarse ao monte, Land Rober, con Roberto Vilar… Alí coñecemos a Ricardo, un home que “non se fija”.
E é precisamente o oco que deixou Land Rober na parrilla da TVG o que dende onte ocupa Tourilandia. Se estabamos desexando velo á fronte do seu propio programa… agora ten o seu propio país!
A de onte foi unha estrea por todo o alto (a entrevista a David Vidal causou furor nas redes sociais) dun programa que xa tei o se primeiro hit: a adaptación ao SERGAS do éxito de Michel Teló Ai se eu te pego.
Bailando este Ai si me opero desexámoslle sorte a Touriñán nesta nova andaina profesional. Nós seguirémolo, sen parar de rir, os xoves á noite na galega ou na páxina da CRTVG (http://www.crtvg.es/tvg/programas/tourilandia).
18 comidas = 7 premios
Como nos cadrou en plena Semana Santa, aínda non vos faláramos da gala dos Premios Mestre Mateo 2010.
Celebrouse o pasado domingo 20 de Abril, resultando a gran triunfadora da noite a cinta 18 comidas, que obtivo 7 premios, entre eles o de mellor longametraxe e o de mellor dirección. Tamén destacou Crebinsky, con 4 premios, entre os que sobresae o de mellor interpretación masculina protagonista para Miguel de Lira.
No apartado televisivo, como xa apuntábades nas nosas enquisas, Land Rober quedou co premio ao mellor programa de TV e o seu presentador, Roberto Vilar, co de mellor comunicador televisivo.
Co que non acertástedes foi co premio á mellor serie de TV, que foi parar a Matalobos.
Por último, destacar tamén que dúas iniciativas relacionadas coa promoción da lingua galega das que xa vos falamos por aquí, a campaña Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego e GalegoLab, conseguiron os premios aos que optaban.
Podedes consultar a lista completa dos premiados na seguinte ligazón, e se queredes ver como foi a gala, que estivo conducida por Xose A. Touriñán e Belén Regueira, podedes facelo aquí.
Noraboa a todos!
O Pórtico da Gloria do audiovisual galego
Hoxe coñecéronse os finalistas aos Premios Mestre Mateo 2010. Organizados pola Academia Galega do Audiovisual, estes galardóns veñen premiando dende o ano 2003 o traballo dos profesionais do audiovisual galego. Atópanse divididos en 27 categorías do máis variado, que van dende a mellor longametraxe ata a mellor obra interactiva, pasando polos catro premios da categoría de interpretación ou aqueles reservados a traballos televisivos. Os premios (os gañadores son escollidos democraticamente polos membros da Academia) faranse públicos e entregaranse durante unha gala que terá lugar o vindeiro 17 de abril no Auditorio Municipal de Ourense.
O favorito desta edición é a longametraxe de Jorge Coira 18 comidas. Rodada en galego, español, inglés e macedonio e case sen guión, esta cinta acapara un total de 16 candidaturas, cinco delas para os seus intérpretes.
Séguena de cerca Retornos de Luis Avilés Baquero (15 candidaturas) e Crebinsky de Enrique Otero (12).
E se falamos de televisión destacan as 6 candidaturas que acumula a serie da TVG Matalobos e as 3 doutra serie, Padre Casares, e do programa de humor, música e entrevistas Land Rober.
Pero mellor que seguir categoría a categoría (podedes consultar a relación completa dos finalistas aquí), por que non nos dades a vosa opinión? Polo menos nos premios televisivos, nos que seguro tedes unha…
Os candidatos na categoría de Programa de televisión son o programa de divulgación científica Conexións, o magazine Cultura 10, o espazo viaxeiro Galegos no mundo e o anteriormente citado Land Rober.
Na categoría de Serie de televisión os finalistas son Matalobos, Padre Casares e Para mariñeiros nós.
E os candidatos a mellor comunicador de TV son Roberto Vilar, Terio Carrera, Xosé Ramón Gayoso e Yolanda Vázquez.
Comentarios recentes