Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “ricardo carvalho calero

Exposición Concurso de Relatos Ilustrados


Portas aDentro 2020

Despedimos este anómalo curso 2019/2020 cunha edición especial da nosa revista: a número XXX. Premede aquí ou sobre a portada para acceder a ela.

Portas aDentro 2020 (Portada)

Esperamos que a do curso 2020/2021 sexa moito máis… aburrida :)


Acto das Letras Galegas 2020

Este ano non nos poderemos xuntar no salón para o noso tradicional Acto das Letras Galegas, pero iso non quere dicir que quedemos sen el. Será en formato virtual e reducido, pero puxémoslle as mesmas ganas de sempre.

O primeiro é rendirlle homenaxe ao autor. Aquí tedes unha pequena presentación que pretende resumir a achega que Ricardo Carvalho Calero fixo ás nosas letras e á nosa cultura:

Agora, unha sorpresa: o grupo Da Man, integrado polos nosos profesores Diego, Marta e Salva, interpreta esta adaptación aos tempos que corren do Adiós ríos, adiós fontes de Rosalía musicado por Amancio Prada, obra da violonchelista Alessandra Gallo. Aquí podedes atopar a letra para que cantedes con eles este himno:

E outra sorpresa máis. A crise da COVID tamén nos deixou sen maios este ano, pero Elena vaille poñer remedio. Aquí nos trae este, especialmente dedicado para o alumnado de 5º de Primaria:

E así rematamos este acto virtual. Que soe o noso himno! 🙂


Carvalho Calero, de Ferrol para o mundo

Volve estar aberta ao público no Centro Cultural Carvalho Calero a exposición Carvalho Calero, de Ferrol para o mundo.

Composta por diversos paneis con información relacionada cos diferentes etapas da vida de Carvalho Calero (“1910-1926. Ferrol: nacemento, infancia e mocidade”; “1926-1932. Universitario en Santiago de Compostela”; “1932-1936. Ferrol e a República”; “1936-1941. Guerra Civil e cárcere”; “1941-1950. Regreso a Ferrol”; “1950-1965. Vida e traballo en Lugo”; “1965.1980. Profesor na Universidade de Santiago”; “1980-1990. Esperar contra toda esperanza”; “1990. Benvido á inmortalidade”; “Adicatorias a Carvalho Calero”, “Obra Póstuma, estudos e homenaxes” e “2010. Centenario desde o Concello de Ferrol”) e dez audiovisuais cunha duración total de hora e media, así como unha colección de libros, fotografías, escritos, documentos e obxectos persoais do escritor ferrolán, estará dispoñible ata finais do mes que vén.


Carvalho Calero, ladrillo a ladrillo

O Concello de Ferrol anunciou hoxe que vén de firmar a adquisición da casa onde naceu hai 100 anos o escritor Ricardo Carvalho Calero.

Seguir lendo >>


Son de poetas: unha antoloxía da poesía galega diferente

Esta poesía de Álvaro Cunqueiro que vos trouxemos hoxe vainos dar pé para vos introducir un interesantísimo sitio web. A ver… porque a poesía sóavos, non? No niño novo do vento é un dos poemas máis coñecidos da nosa lingua, grazas sobre todo ás adaptacións musicais que dela se teñen feito.

Todo parte da adaptación que dela fixo Luís Emilio Batallán alá polo ano 1975 no seu disco Ahí ven o maio.

Logo virían a revisión de Amancio Prada (1987)

, a versión heavy! de Astarot (2000)

, a voz de Laura Alonso nas mans de Milladoiro (2008)

e a transformación pop a cargo de Xoel López.

E de onde sacamos toda esta información? Pois de son de poetas (sondepoetas.blogspot.com), unha páxina froito do traballo do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES David Buján de Cambre que recolle unha completa (completísima) antoloxía da poesía galega musicada.

Na imaxe superior (pinchade nela para ampliala) tedes unha explicación do funcionamento do sitio, no que como podedes comprobar se recollen, clasificados por épocas, unha gran variedade de poemas escritos no noso idioma. Todos teñen algo en común: que foron musicados nalgunha ocasión. En son de poetas poderemos desfrutar da lectura das poesías de Ricardo Carvalho Calero, Rosalía de Castro ou Celso Emilio Ferreiro, pero tamén da escoita das interpretacións que grupos como Fanny + Alexander, Luar na Lubre ou Quempallou fan dos seus textos.

Antolóxico! ;)