Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “real academia galega

Carlos Casares… á marxe do tempo

Hoxe cúmprense 10 anos do falecemento do escritor ourensán Carlos Casares. Membro da Real Academia Galega, presidente da Editorial Galaxia, presidente do Consello da Cultura Galega… pero sobre todo, autor de xoias da nosa narrativa como Ilustrísima ou Deus sentado nun sillón azul, biógrafo, ensaísta e mesmo escritor de literatura infantil, con obras como A galiña azul ou As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas.

Iso si, quizais a actividade que máis coñecido o fixo entre o público en xeral foi a xornalística, en especial a columna que con carácter diario e baixo o título de Á marxe (toda unha declaración de intencións) publicou en La Voz de Galicia dende o ano 1992 ata a súa morte. Nesas pezas, que Manuel Rivas describe como “pequenas onzas de ouro que xustifican todo un periódico” (e non podemos estar máis de acordo), Carlos Casares achegábanos a súa particular visión do mundo. Non falaba de nada? Ou falaba de todo?

Podédelo comprobar visitando o blogue que vos recomendamos hoxe: Á Marxe do tempo, no que se recolle unha selección destas columnas.

Diariamente selecciona unha destas marxes de xeito que coincida coa data orixinal de publicación (por exemplo, onte 8 de marzo seleccionouse unha publicada orixinalmente o 8 de marzo de 1995), unha axeitada maneira de comprobar a súa vixencia.

Algúns configúranse como pequenos e deliciosos contos, outros tratan asuntos tan de actualidade que poderían estar escritos, coma quen di, antonte.

Como afirma hoxe Juan Cruz no seu blogue de elpais.com, “Diez años años ya. Parece mentira que pase tanto tiempo de su muerte, pero sobre todo parece mentira que se haya muerto.”

Pois iso.

Advertisements

http://www.xavedes.gal

Imaxinádesvos? Un dominio de internet para a lingua e a cultura galegas? A ICANN, a corporación que goberna os nomes de Internet, abre mañá un proceso de solicitude de novos dominios (é o primeiro dende 2004) e a Asociación Puntogal, da que forman parte entidades como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega ou as universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, vén de anunciar que remitirá a candidatura para un identificador de máximo nivel para a lingua e a culturas galegas, o .gal.

Un desexo que basean na necesidade de que a tanto unha como a a outra se doten dunha marca propia coa que identificar todos os contidos que xeran na rede, facéndose máis visibles dentro da mesma e que trala creación en 2005 do dominio .cat para a lingua e a cultura catalás (trátase do primeiro e único dominio de tipo cultural recoñecido pola ICANN en todo o mundo) espera facerse realidade en 2013.

Un complexo exame agarda ao .gal. Nós dámoslle un dez!


Carvalho Calero, ladrillo a ladrillo

O Concello de Ferrol anunciou hoxe que vén de firmar a adquisición da casa onde naceu hai 100 anos o escritor Ricardo Carvalho Calero.

Seguir lendo >>