Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “quico cadaval

Un cranio premiado

Tiña pensado ter escrito antes sobre a gala de entrega dos Premios María Casares 2011, pero fóronse coando outros temas e…

Os Premios María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, levan premiando dende 1997 aos profesionais do teatro galego nunha gala que soe celebrarse ao redor dunha data especialmente relevante: a do Día Mundial do Teatro (que por certo foi este pasado domingo).

Así, o pasado mércores 23 celebrouse no Teatro Rosalía de Castro da cidade da Coruña (cidade natal de María Casares, a célebre actriz galega que da nome aos premios) a gala correspondente á decimoquinta edición dos galardóns.

A presentación correu a cargo de Gonçalo Guerreiro e Pedro Brandariz, nos seus papeis do Doutor Crisè e o seu axudante Casemorro, acompañados dun monstruoso (nunca mellor dito) elenco de artistas.

A grande triunfadora foi Un cranio furado, de Produccións Teatrais Excéntricas (da que xa vos falamos no seu día) con catro premios: Mellor espectáculo, Mellor actor protagonista (Evaristo Calvo), Mellor actor secundario (Santi Romay) e Mellor escenografía.

Seguírona Life is a paripé, de Obras Públicas, e Trogloditas, de Taranxina Teatro, que marcharon con dous premios por cabeza. Super8, Volpone, Limpeza de sangue, Memorias das memorias dun neno labrego e O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca obtiveron igualmente cadanseu galardón.

E se por un casual vendo a relación das obras a concurso vos animades a acercarvos ao teatro máis cercano, aquí vos queda unha axenda (se se pode chamar así) coas datas nas que algunhas delas visitan a nosa comarca (se sabedes dalgunha máis, non dubidedes en chamarnos a atención).

  • Life is a paripé (Obras Públicas): 3 de Abril no Auditorio Municipal de Cedeira e 9 de Abril no Pazo da Cultura de Narón

  • Memoria de Helena e María (Teatro do Atlántico): 1 e 2 de Abril no Teatro Jofre de Ferrol
  • Un cranio furado (Produccións Teatrais Excéntricas): 27 e 28 de Maio no Teatro Jofre de Ferrol

Seguir lendo >>

Advertisements

“Os Coruños”

Quico Cadaval (Ribeira, 1960) é, ademais dun afamado director teatral, un dos máis fascinantes contadores de historias do noso país. Como mostra, deixamos un fragmento dunha das súas actuacións, na que nos da unha clase de coruño. Que non sabedes o que é? Pois dádelle ao play.


Un cranio furado

Esta fin de semana comeza a xira 2011 dun dos estreos máis relevantes do ano pasado no que ao teatro galego se refire. Trátase de Un cranio furado, a última produción de Excéntricas, e cóllenos ben cerquiña, pois represéntase en Narón, no Pazo da Cultura.

Seguir lendo >>