200 anos e 1 día de xornalismo en galego
Onte celebramos unha efeméride ben curiosa da que soubemos por este artigo de Praza Pública: cumpríronse 200 anos dende a publicación do primeiro texto de carácter xornalístico escrito na nosa lingua.
Se ben xa se publicara anteriormente en prensa algún texto en galego de carácter lírico, este é o primeiro que, digamos, responde aos cánones xornalísticos. Trátase dunha sorte de carta ao director enviada por Ramón González Senra (crese que se trata dun seudónimo) á Gazeta Marcial y Política de Santiago e que se publicou o 5 de febreiro de 1812.
A continuación reproducimos este extenso artigo, datado en Combarro, e que defende o dereito dos cidadáns a elixir democraticamente os xuíces.
CARTA RECOMENDADA
Señor Emprantador da Gazeta de Santiago: Eu quixera espricarlle ben craramente canto se folga ó meu corazon co á millor das novidades que teño visto na miña acordanza: falo da orde que veu para que as aldeas escollan Jueces á seu gusto, é para botar por terra todas esas gavelas con que nos esmagaban desde hay tanto tempo un fato de señores que eran mais ríspitos para nos, que os mesmos reis. Eu non sei falar con retrónicas, porque non andiben na escola dos jasuitas, que, si non son novas de camiño, din que foron moy guapos para os rapaces, que tiraban deles grandes poetas; é sobre todo, que na quel tempo andaba ó mundo moy acougado; ben que si nosos páis foron tan bos, non sei eu como non saliron os fillos mais arrellados: ó que me fai pensar, que sempre oubo traballos no mundo, é tamen bestas no tempo dos jasuitas. Mais, sexa como for, ó que eu quero, é darlle á vm. as albrizas do ben que nos fan as Cortes, tirándonos de un cautiverio, que pouco lle marra para ser ó do anamigo malo; é para esto, é decerlle catro cousas que sente ó meu corazon, direillas de calquera xeito, mais que digan que somos gallegos é no nos entendemos.
Extra! Extra! A praza abriu as súas portas!
Lembrades que hai un tempo vos falamos de que un novo medio de comunicación en galego estaba a piques de nacer? Pois, despois dun par de meses de espera, xa está aquí Praza Pública, “O xornal da Galicia que vén”. Hai uns minutos abriu as súas portas a praza.com e a xente xa se está amoreando na entrada. Aquí tedes a súa primeira portada:
A qué estades esperando para visitala?
6.830 € en vitaminas
Vitaminas para o galego. Ese é o nome dunha iniciativa na que dez medios de comunicación en lingua galega (Galicia Confidencial, Tempos Novos, Praza Pública, Novas da Galiza, Radiofusión, Valminor.info, quepasanacosta, Certo.gl. O Sil e Crónica3) veñen de pedir a nosa axuda para a realización dunha campaña de apoio a este tipo de medios.
O idioma galego necesita vitaminas. A lingua galega precisa de axudas. Entre os apoios fundamentais figuran os medios de comunicación que empregan, prestixian e difunden o xeito de falar dos habitantes do NO da Península Ibérica. A pluralidade de linguas é unha riqueza cultural que a humanidade debe protexer e cultivar. Para espallar esta idea xorde o proxecto “Vitaminas para o galego”, impulsado polos medios en galego e que se centrará en eventos a desenvolver en distintas vilas galegas e nun festival que se celebrará en Santiago de Compostela na primavera do 2012.
Onte pechouse a primeira fase deste proxecto, no que preto de 200 mecenas (recompensados con agasallos que ían dende calendarios de peto para aqueles que aportasen 10 € ata 5 quilos de percebes e un concerto a domicilio de O Leo i Arremecághona! para a primeira persoa que doase 1.000 €) fixeron a súa contribución. Fixárase un obxectivo de 3.300 € e recadaron… 6.830!
E despois do éxito desta primeira fase… a pola segunda!
Comentarios recentes