Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “poesía última de amor e enfermidade (1992-1995)

Lois Pereiro metido nunha bolsa

O sábado fun facer a compra ao Gadis e atopeime con Lois Pereiro metido nunha bolsa.

TRANSMIGRACIÓN

Esta enerxía xa non vai ter fin
non foi creada nin será destruída.
Irá ocupando diferentes vidas,
transformándose en emocións alleas
situadas noutros corpos paralelos,
en simultáneas procesións
sen pausa.

Nun cálido universo apaixonado
voume dosificando con usura,
ata que chegue a hora de voltar,
canso e feliz,
ó punto de partida.

Lois Pereiro: Poesía última de amor e enfermidade (1995)

O mes de maio ten estas cousas. ;)


Mundo Lois

Como xa saberedes (e se non quedades avisados), o vindeiro Día das Letras Galegas está adicado á figura do poeta monfortino Lois Pereiro.

Tempo haberá ata o 17 de maio de viaxar a través da súa obra, pero xa van chegando noticias de distintas actividades que terán lugar durante este ano. Unha das que máis chama a atención é Mundo Lois, un espectáculo escénico (cun importante peso audiovisual) baseado nos seus textos. Un espectáculo que xorde dunha idea do polifacético Antón Reixa (amigo do autor) e que está dirixido polo mugardés Lino Braxe.

Desde a superficie dun novo e imprevisto Salvamento

Sería a luz que me alagaba os ollos
da vida roubada á morte veciña
pero todos me apalpaban incrédulos
colléndome das mans.

Todos aqueles que me amaran morto
amábanme máis vivo.

Abríranse dúas portas en direccións opostas
e escollín a que se abría cara a vida
co sol entrando a eito polas fiestras.

Tería que reanudarme
e regresar á miña propia vida
sen contaxiarme outra vez de min mesmo.

Retocaría o guión
e mudaría outra vez de personaxe
retomando a perdida
aprendizaxe.

Lois Pereiro: “Poesía última de Amor e Enfermidade (1992-1995)” (1995)

Mundo Lois vén de presentar a súa páxina web, mundolois.gl. Aquí vos deixamos a ligazón, para que lle podades botar un vistazo.