Se é cultura está en Pontevedra: Culturgal 2011
Marchamos de ponte ata o mércores, pero facémolo cunha proposta. O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle dende hoxe venres ata o domingo a que será a IV edición da Feira das Industrias Culturais de Galicia: o Culturgal.
Organizada pola Asociación Culturgal, que agrupa á Asociación Galega de Editores (AGE), a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), a Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (Agaphono), a Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), é un espectacular escaparate no que presentar as novidades dos máis diversos sectores da cultura galega: lanzamentos editoriais teatrais, audiovisuais, discográficos, tecnolóxicos…
Obradoiros, exposicións, contacontos, maxia, teatro, danza, presentacións de libros e discos, conversas… conforman un completísimo programa que podedes consultar aquí.
A mellor canción de Manuel Rivas
Desde esta mañá coñécense os gañadores da XV Edición dos Premios da Música e, polo tanto, cal é, a xuízo dos membros da Academia das Artes e das Ciencias da Música, a mellor canción en galego de entre as publicadas o ano pasado.
E parece que coincide cos vosos gustos, posto que se trata de Alalá da Noite, de Berrogüetto.
Esta canción, composta por Quico Comesaña e Xabier Díaz, ten como letra un poema que Manuel Rivas lle enviou ao grupo como regalo tras o concerto no que este último se presentou como novo membro da formación.
Xa vos trouxéramos a canción, hoxe achegámosvos o poema que lle da a forma.
Eu non sabía que había
tanta alegría nas bágoas
nin neve nas bidueiras
nin esperanza nas mágoas.Eu de noite iría de noite,
no medio do temporal.
Ir de día á luz do día
dáme medo, miña nai.
No fondo do teu ollare
unha gamela abanea.
Quen se poidera afogare
na ardora dunha misteira.
O que eu soño é verdade
como o silencio é un falare.
Se roubei o teu retrato
foi pra aprender a mirare.Manuel Rivas: A desaparición da neve (2009)
Precioso, non?
Comentarios recentes