María Casares Total
Outros galardóns que se veñen de entregar recentemente (a semana pasada) son os XVI Premios de Teatro María Casares.
E cal foi a gran triunfadora? Pois este foi o ano do Grupo Chévere, posto que a súa obra Citizen Total logrou facerse con 5 dos 8 galardóns aos que optaba, entre eles o de mellor dirección para Xesús Ron e o de mellor espectáculo. As outras favoritas, A Ópera dos tres reás, do Centro Dramático Galego, e Oeste Solitario, de Produccións Teatrais Excéntricas, tivéronse que conformar con dous e tres premios respectivamente.
A relación completa dos gañadores é a seguinte:
– Mellor maquillaxe: Trini Fernández Silva (A Ópera dos tres reás)
– Mellor vestiario: Carlos Alonso (A Ópera dos tres reás)
– Mellor escenografía: Paco Conesa (Piratas, de Teatro do Noroeste)
– Mellor iluminación: Octavio Mas (Oeste Solitario)
– Mellor música orixinal: Xacobe Martínez Antelo (Citizen Total)
– Mellor adaptación – tradución: Avelino González (Oeste Solitario)
– Mellor texto orixinal en galego: Avelino González, Artur Trillo, María Ordóñez e Sechu Sende (Pelos na lingua, de Talía Teatro)
– Mellor actriz secundaria: Mónica García (Citizen Total)
– Mellor actor secundario: Vicente de Souza (Tango, de Sarabela Teatro)
– Mellor actriz protagonista: Patricia de Lorenzo (Citizen Total)
– Mellor actor protagonista: Evaristo Calvo (Oeste Solitario)
– Mellor dirección: Xesús Ron (Citizen Total)
– Mellor espectáculo: Citizen Total
Os nomes dos María Casares
Acábanse de coñecer os nomeados aos XVI Premios María Casares. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, que leva premiando á profesión teatral galega dende 1997 a través destes galardóns, fixo hoxe públicos os nomes dos finalistas.
A Ópera dos tres reás, do Centro Dramático Galego,
e Citizen Total, de Chévere,
encabezan os nomeamentos con 8 cada unha, seguidas de cerca por Oeste Solitario de Producións Teatráis Excéntricas con seis.
“E.R.” Algún día traballaremos xuntas (Teatro do Atlántico) en catro ocasións, O Florido Pénsil (Eme2 emoción e arte), Tango (Sarabela Teatro) e Piratas (Teatro do Noroeste), en tres, e Pelos na Lingua (Talía Teatro), American Café (Teatro do Morcego), Soños (Bichakadela) e 0,7% Molotov (Teatro de Ningures) tamén están entre os finalistas.
Se queredes saber se Citizen Total, O florido pénsil ou Oeste solitario conseguen o premio ao mellor espectáculo, se Avelino González por Pelos na lingua, Xesús Ron por Citizen ou Xúlio Lago por E.R. o premio ao mellor director, para saber se Antonio Durán “Morris”, Josito Porto (ambos por O florido pénsil) ou Evaristo Calvo (por Oeste Solitario) levan o premio ao mellor actor ou se a mellor actriz é Luísa Merelas (E.R.), Susana Dans (E.R. tamén) ou Patricia de Lorenzo (Citizen), ides ter que esperar ao vindeiro 3 de abril.
Comentarios recentes