Hoxe vimos de coñecer as nominacións aos Premios Goya 2012, así que é un bo momento para botarlle un vistazo a dúas curtas documentais cunha pequena presenza da lingua galega que estiveron preseleccionadas para estes premios.
A primeira, Aurelia, cóntanos a historia de María Aurelia García Vázquez, unha veciña de Ferreira do Valadouro que nos anos 70 estivo traballando na casa de Ringo Starr, o batería de The Beatles.
Na outra, Percebeiros, Serxio Ces, membro de Os Cempés, fálanos do seu traballo diario, o de percebeiro na costa cedeiresa.
Dúas marabillosas historias; mágoa que, posto que se nota que ambos ser atopan máis cómodos falando en galego, non estean contadas por completo na nosa lingua.
Que é o Galeoke? Pois o Galeoke é, como o seu propio nome indica, un xogo de karaoke. O obxectivo do xogo é acumular o maior número de puntos, puntos que obteremos se conseguimos cadrar a nosa voz co tono de voz da canción que esteamos a interpretar. É dicir, trátase dun xogo na liña do coñecido Singstar™ para Playstation®, se ben o software utilizado neste proxecto está feito en Software Libre.
Pero o que de verdade chama a nosa atención sobre este proxecto é que tódalas cancións que inclúe non só pertencen a artistas galegos, senón que ademais están, todas, compostas en galego.
O primeiro volume do Galeoke saiu á venda o pasado 21 de decembro portando unha heteroxénea selección musical no seu interior. Aí vos van os 16 temas que o conforman:
Os Diplomáticos de Montealto: “Nordés” (con Mercedes Peón)
O Galeoke Vol. 1 vén, ademais, cun código que nos dará acceso á descarga dunha serie de temas extra. E tranquilos, porque se botades en falta algún tema, o Colectivo Galeoke promete unha segunda entrega e ata (se a cousa funciona) unha terceira. Cantamos?
Comentarios recentes