Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “oficina rexional de educación para américa latina e o caribe da organización das nacións unidas para a educación a ciencia e a cultura

América descubriuna un vilalbés

Onte alegrounos a tarde unha marabillosa noticia: a obtención por parte do escritor Agustín Fernández Paz do VII Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil.

A concesión de este premio a o autor vilalbés, polo seu “compromiso con los valores humanos universales y su papel determinante en la construcción de una literatura infantil y juvenil en lengua gallega” (podedes ver a acta do xurado aquí) convírtese pois en “un dos primeiros recoñecementos internacionais á literatura galega” (como comentaba en Twitter Manuel Bragado, o presidente da Asociación Galega de Editores). E é que se ben Agustín Fernández Paz é o segundo escritor galego en obter este galardón (tralo ferrolán, recentemente desaparecido, Juan Farias, gañador da primeira edición), poderíase dicir que se trata do primeiro que recibe o premio pola súa traxectoria en galego.

Este premio, dotado con 30.000 dólares, púxose en marcha no ano 2005 e busca recoñecer “a aquellos autores que hayan desarrollado con excelencia una carrera literaria en el ámbito del libro infantil y juvenil en Iberoamérica”. É convocado anualmente pola Fundación SM, o Centro Rexional para o Fomento do Libro en América Latina e o Caribe (cerlalc), a International Board on Books for Young People (ibby), a Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (oei) e a Oficina Rexional de Educación para América Latina e o Caribe da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (unesco/orealc), co obxectivo de “promover la lectura entre los niños y jóvenes de habla española y portuguesa, como una herramienta para el desarrollo social de sus países”.

Está previsto que a entrega do galardón ao escritor galego se celebre en México o vindeiro 29 de novembro, no marco da 25 Feira Internacional do Libro de Guadalajara (que apoia o Premio dende a súa creación), alí onde antes o recibiron o antes mencionado Juan Farias, Montserrat del Amo y Gili, Bartolomeu Campos de Queirós, María Teresa Andruetto e Laura Devetach.

Un vilalbés conquistando América! Noraboa!