Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “o pintor do sombreiro de malvas

Premios AELG 2011

Xa sabedes que nos gusta estar ao tanto de calquer nova relacionada coa nosa lingua, e como o pasado sábado a Asociación de Escritores en Lingua Galega celebrou a súa Cea das Letras, na que deu a coñecer os galardoados cos Premios AELG 2011, pois hoxe traémosvos a relación de gañadores destes premios que recoñecen as mellores obras editadas (en diversas modalidades) durante o pasado ano.

Así, na categoría de narrativa o gañador foi Manuel Rivas pola súa obra Todo é silencio

, Estremas, de Ana Romaní, foi considerada a mellor obra poética

e, no campo da literatura infantil e xuvenil, o premiado foi Marcos Calveiro, pola súa obra O pintor do sombreiro de malvas (que xa se asomara polo noso blogue hai un tempo).

Tamén foron premiados a obra teatral Flores de Dunsinane, de Manuel Lourenzo

, o ensaio O clamor da rebeldía. Rosalía de castro: ensaio e feminismo, de Pilar García Negro

, e Marga do Val, pola tradución de Randea do alento (da nobel Herta Müller).

A Ramón Nicolás recoñecéuselle a Mellor Traxectoria en Xornalismo Cultural e o blog O levantador de minas, de Alfredo Ferreiro, foi nomeado Mellor Blog Literario. Ademais, a Asemblea de Socios e Socias da AELG premio á Fundación Penzol co premio Institución Cultural e o Premio Cervantes 2006 Antonio Gamoneda fou distinguido como Escritor Galego Universal.

E vos? Lestes xa a algún dos premiados? Pois a que esperades! ;)


Naceron dous corvos brancos!

Dende 1996 e ano a ano, a Internationale Jugendbibliothek München (a Biblioteca Internacional da Xuventude de Múnic, vaia) vén elaborando unha lista cos mellores libros infantís e xuvenís recentemente editados. A lista, que recibe o nome de White Ravens (corvos brancos) compóñena 250 títulos “de interese internacional que merecen unha recepción más ampla debido á súa temática universal e/ou o seu excepcional e a miúdo innovador estilo e deseño artístico e literario” (de aí o de corvos brancos, pola súa singularidade).

Os libros son seleccionados polos especialistas da lingua (Lektoren) da entidade de entre os publicados recentemente (en todo o mundo, ollo!). A correspondente a este ano 2011, que acaba de se facer pública, recolle publicacións en 36 linguas distintas e abarca un total de 52 países (podedes consultala ordeada por idioma aquí e por país aquí)

E por que vos falamos dela? Pois porque entre eses 250 títulos que conforman a lista de 2011 coáronse dous editados no noso idioma. Son O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro (e ilustracións de Ramón Trigo), editado por Xerais

Un adolescente é enviado pola súa nai dende París a pasar cunha tía unha boa tempada na vila de Auvers. Durante aqueles días do verán de 1890, coñecerá a Vincent, un pintor que semella beberse a vida con cada violenta pincelada sobre o lenzo e do que durante sesenta e nove días se fará inseparable, acompañándoo no seu deambular polos trigais e na súa infatigable loita contra os convencionalismos da vida provinciana. Mais o mozo tamén descubriá o amor, coñecerá algúns misterios sobre o seu pasado e se enfrontará por vez primeira á morte, o que o obrigará a tomar unha decisión sobre o futuro que lle agarda.

, e Contos para nenos que dormen deseguida, de Pinto & Chinto (si, David Pintor e Carlos López, os humoristas gráficos de La Voz de Galicia), editado por Kalandraka.

Os contos para antes de durmir han de ser curtos; non como aquel conto tan longo que, cando se acababa de contar, xa era hora de que o neno fose ao colexio. Ou aquel tan longo no que os nenos quedaban durmidos pola metade e logo tiñan que soñar o final. Aínda que o conto máis longo que coñecemos é tan longo que cando se remata de contar, o neno xa é adulto.

Dous títulos que se unen aos máis de trinta distinguidos nos últimos quince anos (de feito non é a primeira vez que Marcos Calveiro ou Ramón Trigo reciben tal recoñecemento). Se queredes ver de que obras estamos a falar, pinchade na imaxe inferior para acceder a unha listaxe das mesmas.