Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “o misterio das badaladas

Que están lendo… no 1º ciclo da ESO? O misterio das badaladas

[Iniciamos unha nova sección no noso blogue destinada a informarvos de que lecturas na nosa lingua están a desfrutar os rapaces e rapazas das distintas etapas do noso colexio, co obxectivo tamén de crear un espazo no que podan comentar o que lles veña á cabeza sobre as mesmas. Inaugurámola, como podedes comprobar, cun dos grandes clásicos da nosa literatura infantil e xuvenil, de cuxa publicación se veñen de cumprir nada máis e nada menos que 25 anos.]

O misterio das badaladas
Xabier P. DoCampo
(1986)

No campanario da igrexa de Eiranova acaban de instalar un reloxo. Comezan a soar por primeira vez as badaladas que anunciarán a todos os habitantes que son as doce da noite. Unha, dúas, tres…, dez, once… Entón sucede algo que haberá dar nun acontecemento que só cinco rapaces resoltos e afoutados quererán pescudar até encontrar explicación para un fenómeno que a todos confunde. Unha por unha irán resolvendo as pistas que lles van aparecendo e que os levarán a encontrar ao responsábel do anormal comportamento do reloxo de Eiranova. Mais cando isto suceda e cheguemos á última páxina do libro, abrirase un novo misterio que desafiará a perspicacia e a intelixencia do lector.