Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “o garcía

“Eu son un rei. Un labrego do tempo dos Sputniks.”

Como nos gusta despedir a semana con música! E se o que pinchamos é algo tan auténtico como o que vos traemos hoxe… Veredes.

A Revista Arraianos publicou o mes pasado un monográfico sobre a figura de Celso Emilio Ferreiro. Co exemplar, titulado Celso Emilio fai 100 anos,

entregábase un sinxelo no que O VeroO Leo, e O García, os compoñentes do grupo Labregos do tempo dos Sputniks (xa vos decataredes de onde sacaron o nome)

interpretan un poema de Celso Emilio, O meu reinado, musicado de modo espectacular (dádelle ao play, dádelle…).

O meu reinado

Eu son o rei de min mesmo;
goberno o corazón
na libertá do vento e dos camiños.
Eu obedezo ás miñas propias leises
i os meus decretos sigo ao pé da letra.
Un cetro de solpores,
unha croa de nubes viaxeiras,
un manto avermellado
de soños i esperanzas
no limpo alborexar de cada día,
dame o poder lexítimo do pobo.
Represento aos calados,
interpreto aos que foron
voces da terra nai
nos antergos concellos da saudade.
Eu son un rei.
Un labrego do tempo dos sputniks.

Celso Emilio Ferreiro: “Longa noite de pedra” (1962)

Que vos pareceu? É espectacular ou non? O tema está dispoñible para descarga aquí, e se queredes máis información sobre estre grupo compostelán, podedes atopala visitando o seu Facebook.