Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “no niño novo do vento

Son de poetas: unha antoloxía da poesía galega diferente

Esta poesía de Álvaro Cunqueiro que vos trouxemos hoxe vainos dar pé para vos introducir un interesantísimo sitio web. A ver… porque a poesía sóavos, non? No niño novo do vento é un dos poemas máis coñecidos da nosa lingua, grazas sobre todo ás adaptacións musicais que dela se teñen feito.

Todo parte da adaptación que dela fixo Luís Emilio Batallán alá polo ano 1975 no seu disco Ahí ven o maio.

Logo virían a revisión de Amancio Prada (1987)

, a versión heavy! de Astarot (2000)

, a voz de Laura Alonso nas mans de Milladoiro (2008)

e a transformación pop a cargo de Xoel López.

E de onde sacamos toda esta información? Pois de son de poetas (sondepoetas.blogspot.com), unha páxina froito do traballo do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES David Buján de Cambre que recolle unha completa (completísima) antoloxía da poesía galega musicada.

Na imaxe superior (pinchade nela para ampliala) tedes unha explicación do funcionamento do sitio, no que como podedes comprobar se recollen, clasificados por épocas, unha gran variedade de poemas escritos no noso idioma. Todos teñen algo en común: que foron musicados nalgunha ocasión. En son de poetas poderemos desfrutar da lectura das poesías de Ricardo Carvalho Calero, Rosalía de Castro ou Celso Emilio Ferreiro, pero tamén da escoita das interpretacións que grupos como Fanny + Alexander, Luar na Lubre ou Quempallou fan dos seus textos.

Antolóxico! ;)

 


No niño novo do vento

No niño novo do vento
hai unha pomba dourada,
meu amigo!
Quén poidera namorala!

Canta ao luar e ao mencer
en frauta de verde olivo.
Quén poidera namorala,
meu amigo!

Ten áers de frol recente
cousas de recén casada,
meu amigo!
Quén poidera namorala!

Tamén ten sombra de sombra
e andar primeiro de río.
Quén poidera namorala,
meu amigo!

Álvaro Cunqueiro: “Cantiga nova que se chama riveira” (1933)