Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “narf

Dezaseisavos de final: Narf e Manecas Costa ou Eladio y Los Seres Queridos?

Se de algo vai sobrada a nosa 2ª eliminatoria é de beleza.

Por unha banda temos a Fran Pérez, Narf, (canto o bota de menos a nosa música!), acompañado do cantante e compositor de Guinea-Bissau Manecas Costa con Esta noite, un dos cortes de Aló irmao!, o disco que publicaron conxuntamente no ano 2010 e que gravaran ao vivo no Teatro Principal de Santiago uns meses antes.

Esta noite
Narf e Manecas Costa
Aló irmao! (2010)

Por outra está Non quero perderte, a adaptación ao galego que Eladio y Los Seres Queridos fixeron para o seu segundo álbum, Están ustedes unidos, dun tema que xa incluíran no seu disco de debut (aínda baixo o nome de Elodio y Los Seres Queridos). A peza, fermosa de por si, cobra toda unha nova dimensión nesta versión na nosa língua.

Non quero perderte
Eladio y Los Seres Queridos
Están ustedes unidos (2011)

❤️


Fran Pérez [Narf] (1968-2016)

Morre Fran Pérez ‘Narf’, un dos grandes da música galega

2016111516565693275

Boa singradura, irmão


Un cranio premiado

Tiña pensado ter escrito antes sobre a gala de entrega dos Premios María Casares 2011, pero fóronse coando outros temas e…

Os Premios María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, levan premiando dende 1997 aos profesionais do teatro galego nunha gala que soe celebrarse ao redor dunha data especialmente relevante: a do Día Mundial do Teatro (que por certo foi este pasado domingo).

Así, o pasado mércores 23 celebrouse no Teatro Rosalía de Castro da cidade da Coruña (cidade natal de María Casares, a célebre actriz galega que da nome aos premios) a gala correspondente á decimoquinta edición dos galardóns.

A presentación correu a cargo de Gonçalo Guerreiro e Pedro Brandariz, nos seus papeis do Doutor Crisè e o seu axudante Casemorro, acompañados dun monstruoso (nunca mellor dito) elenco de artistas.

A grande triunfadora foi Un cranio furado, de Produccións Teatrais Excéntricas (da que xa vos falamos no seu día) con catro premios: Mellor espectáculo, Mellor actor protagonista (Evaristo Calvo), Mellor actor secundario (Santi Romay) e Mellor escenografía.

Seguírona Life is a paripé, de Obras Públicas, e Trogloditas, de Taranxina Teatro, que marcharon con dous premios por cabeza. Super8, Volpone, Limpeza de sangue, Memorias das memorias dun neno labrego e O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca obtiveron igualmente cadanseu galardón.

E se por un casual vendo a relación das obras a concurso vos animades a acercarvos ao teatro máis cercano, aquí vos queda unha axenda (se se pode chamar así) coas datas nas que algunhas delas visitan a nosa comarca (se sabedes dalgunha máis, non dubidedes en chamarnos a atención).

  • Life is a paripé (Obras Públicas): 3 de Abril no Auditorio Municipal de Cedeira e 9 de Abril no Pazo da Cultura de Narón

  • Memoria de Helena e María (Teatro do Atlántico): 1 e 2 de Abril no Teatro Jofre de Ferrol
  • Un cranio furado (Produccións Teatrais Excéntricas): 27 e 28 de Maio no Teatro Jofre de Ferrol

Seguir lendo >>


SingStar…? Galeoke!

Que é o Galeoke? Pois o Galeoke é, como o seu propio nome indica, un xogo de karaoke. O obxectivo do xogo é acumular o maior número de puntos, puntos que obteremos se conseguimos cadrar a nosa voz co tono de voz da canción que esteamos a interpretar.  É dicir, trátase dun xogo na liña do coñecido Singstar™ para Playstation®, se ben o software utilizado neste proxecto está feito en Software Libre.

Pero o que de verdade chama a nosa atención sobre este proxecto é que tódalas cancións que inclúe non só pertencen a artistas galegos, senón que ademais están, todas, compostas en galego.

O primeiro volume do Galeoke saiu á venda o pasado 21 de decembro portando unha heteroxénea selección musical no seu interior. Aí vos van os 16 temas que o conforman:
  • Os Resentidos: “Galicia Caníbal”
  • Malvela: “O Pirimpimpín”
  • Narf e Manecas Costa: “Esta Noite”
  • Quant: “Pois eu” (Andrés do Barro)
  • Loretta Martin: “As cores do solpor”
  • Os Diplomáticos de Montealto: “Nordés” (con Mercedes Peón)

O Galeoke Vol. 1 vén, ademais, cun código que nos dará acceso á descarga dunha serie de temas extra. E tranquilos, porque se botades en falta algún tema, o Colectivo Galeoke promete unha segunda entrega e ata (se a cousa funciona) unha terceira. Cantamos?