Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “miguel de lira

18 comidas = 7 premios

Como nos cadrou en plena Semana Santa, aínda non vos faláramos da gala dos Premios Mestre Mateo 2010.

Celebrouse o pasado domingo 20 de Abril, resultando a gran triunfadora da noite a cinta 18 comidas, que obtivo 7 premios, entre eles o de mellor longametraxe e o de mellor dirección. Tamén destacou Crebinsky, con 4 premios, entre os que sobresae o de mellor interpretación masculina protagonista para Miguel de Lira.

No apartado televisivo, como xa apuntábades nas nosas enquisas, Land Rober quedou co premio ao mellor programa de TV e o seu presentador, Roberto Vilar, co de mellor comunicador televisivo.

Co que non acertástedes foi co premio á mellor serie de TV, que foi parar a Matalobos.

Por último, destacar tamén que dúas iniciativas relacionadas coa promoción da lingua galega das que xa vos falamos por aquí, a campaña Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego e GalegoLab, conseguiron os premios aos que optaban.

Podedes consultar a lista completa dos premiados na seguinte ligazón, e se queredes ver como foi a gala, que estivo conducida por Xose A. Touriñán e Belén Regueira, podedes facelo aquí.

Noraboa a todos!


EEEiiii!! Imos ao cine?

É que teño gañas de ver Crebinsky, a longametraxe de producción galega que vén de estrearse o pasado venres en salas de toda España tras colleitar un importante éxito no Festival de Málaga, onde foi premiada coa Biznaga de prata ao mellor guión novel e o premio Signis.

As choivas torrenciais provocan a enchente do río, que inunda un pobo. A corrente arrastra ós irmáns Crebinsky e a súa vaca, que aparecen milagrosamente vivos nun lugar da costa.

Crecen alí, ao pé dun faro, a base de sobrevivir recollendo cousas que trae o mar, as crebas. Illados dos acontecementos bélicos que lles rodean, crean o seu propio mundo: Un universo particular de realismo fantasioso.

O ritmo cotiá de convivencia coa súa vaca Muchka, vese alterado cando esta desaparece.

É entón cando os irmáns inician unha busca desesperada que os levará da costa cara ó interior.

Unha road movie auténtica, unha viaxe interior de encontros inesperados, sentimentos ocultos e recordos borrados.

Sen saber onde van, rematan descubrindo de onde veñen.

Rodada entre o Ortegal, Santiago e Portomarín en catro idiomas! (galego, castelá, inglés e alemán (e algunha palabriña en ruso tamén)), a cinta está dirixida por Enrique Otero e protagonizada por Miguel de Lira e Sergio Zearreta. Ademais, conta no seu reparto con actores como Luís Tosar ou Celso Bugallo.

Botádelle un vistazo ao seu trailer

e ao making of.

Se desexades máis información, visitade crebinsky.com. Alí poderedes atopar máis imaxes, máis vídeos, mostras da banda sonora e as últimas novas relacionadas co filme.

Un saúdo!