Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “maria filipowicz-rudek

Un xaneiro con Wislawa Szymborska

Wislawa Szymborska estivo presente en tódalas aulas do noso colexio o mes pasado. O calendario solidario da FISC, a ONG da Compañía de María, adicado este ano ás Mulleres Premio Nobel, tíñalle reservado o mes de xaneiro á poetisa polaca. Esperou Wislawa a que lle deramos a volta á folla para marchar: onte falecía na súa casa de Cracovia aos 88 anos de idade.

Se queredes coñecer a súa obra, recomendámosvos a antoloxía Versos escollidos, de Edicións Positivas, que se converteu o pasado mes de decembro na primeira tradución ao galego da mesma. Este traballo de Lucía Caeiro, que se achegou á figura da Premio Nobel de Literatura de 1996 durante a súa estadía como lectora en Varsovia, onde entablou  amizade coa neta adoptiva de Szymborska, Maria Filipowicz-Rudek (directora do Centro de Estudos Galegos de Cracovia), recolle, en versión bilingüe, 84 poemas da Premio Nobel de Literatura de 1996.

Versos escollidos
Wislawa Szymborska
Edicións Positivas (2011)

Entre eles atopamos este Vietnam:

Vietnam

Muller, como te chamas? –Non sei.

Cando naciches, de onde es? –Non sei.

Porque escavaches esta gorida na terra? –Non sei.

Dende cando te agochas aquí? –Non sei.

Porque me mordiches no dedo anular? –Non sei.

Sabes que non che imos facer nada malo? –Non sei.

De parte de quen estás? –Non sei.

Agora estamos en guerra, tes que elixir. –Non sei.

A túa aldea aínda existe? –Non sei.

Estes son os teus fillos? –Si.

Unha monada (1967)