Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “marcos calveiro

A Noite da Edición

Nada nos gusta máis que recomendarvos unha boa lectura, e se son os propios editores os que nos propoñen o que para eles é o mellor do ano…

O pasado venres 9 celebrouse en Santiago de Compostela a VII Noite da Edición de Galicia, que organiza a Asociación Galega de Editores, e nela entregáronse os Premios da Edición correspondentes ao pasado ano 2011, así como o Premio Francisco Fernández del Riego, que foi para Xesús Couceiro e a librería da que é propietario (todo un emblema compostelá), por toda unha vida adicada á promoción do libro e a cultura galega.

E pensamos en traervos ata aquí a relación de premiados (por aquilo de dar ideas…).

– Premio Ánxel Casal ao Libro de ficción do ano 2011:  Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz, editado por Edicións Xerais.

(o xurado concedeulle unha mención especial do xurado á unha obra destinada ao público xuvenil, Centauros do Norte, de Marcos Calveiro, destacando a súa calidade).

– Premio Ánxel Casal ao Libro de non ficción do ano 2011: Obra  Gráfica de Conde Corbal (VV.AA.), editado por Nova Galicia Edicións (o xurado soliciou así mesmo que se lle concedera unha manción a O escano baleiro. No Caurel con Uxío Novoneyra, de Xulio Valcárcel, e a Loita de clases, a represión franquista no mar, de Dionisio Pereira)

– Premio Ánxel Casal ao Libro de poesía ou teatro do ano do ano 2011:  Poesía completa, de Lois Pereiro, editado por Edicións Xerais.

– Premio Xosé Neira Vilas ao Libro infantil e xuvenil do ano  2011Xa me tardan eses magos, de Mamá Cabra, editado por Editorial Galaxia, “pola súa contribución ao achegamento da poesía aos nenos mediante a fusión do texto e a música”.

(con sendas mencións especiais para O Apalpador e a castaña máxica e Canto de Nadal, de Charles Dickens)

Premio Lois Tobío ao Libro traducido do ano 2011: Sonetos de Shakespeare, traducido por Ramón G. Izquierdo, editado por Edicións Xerais, “pola magnífica tradución e edición crítica e pola súa contribución ao enriquecemento do galego cunha obra universal e imprescindible”.

– Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado do ano 2011: Contos por teléfono, de Pablo Otero, editado por Kalandraka Editora.

(Lois Pereiro breve encontro, de Jacobo F. Serrano, do que xa vos falamos aquí hai uns meses, recibiu unha mención especial neste apartado).

– Premio Xosefa Iglesias Vilarelle ó libro educativo do ano 2011As mulleres en Galicia no século XX, de Jesús de Juana e outros, editado por Ir Indo.

(con mención expresa para Un cadro de Velázquez, de Claire D’Harcourt).

Así mesmo, o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora do ano 2011, foi para Xavier Queipo, pola traxectoria da súa obra,

Premio Rosalía de Castro á iniciativa editorial do ano 2011 para Transformacións de álbums ilustrados en series de animación audiovisual: Os contos do camiño e caracois e o Premio Edición Histórica 2012 ao XXV aniversario de Andavira Editora.

O xurado destacou a calidade de todos os finalistas e solicítalle á Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, que se merque un exemplar para cada unha das bibliotecas públicas pertencentes á rede de Bibliotecas de Galicia, así que… xa sabedes onde atopalos!


Lois, Lois Pereiro again

Pasou o Día das Letras Galegas, pero nós… seguimos (alomenos ata o martes que vén, cando as celebremos no noso Colexio).

Así que, aproveitando que hoxe 18 de maio cúmprense 31 anos da desaparición de Ian Curtis, imos render unha dobre homenaxe: unha ao cantante de Joy Division e outra a Lois Pereiro, coa traducción ao galego dun dos seus temas favoritos: Love will tear us apart.

Spotify | Grooveshark

O amor hanos esnaquizar

Love will tear us apart

Cando a rutina traba
e as ambicións son escasas
E o resentimento voa alto,
pero as emocións non medran
E cambiamos de dirección
tomando rotas distintas
Entón o amor, o amor hanos esnaquizar outra vez

When the routine bites hard
And ambitions are low
And the resentment rides high,
But emotions won't grow
And we're changing our ways
Taking different roads
Then love, love will tear us apart again

Por que está a habitación tan fría
de costas a ti?
Cheguei en mal momento?
Esgotóusenos o respecto?
Todavía existe esa atracción
que mantivemos ao longo das nosas vidas
O amor, o amor hanos esnaquizar outra vez

Why is the bedroom so cold
Turned away on your side?
Is my timing that flawed,
Our respect run so dry?
Yet theres still this appeal
That we've kept through our lives
Love, love will tear us apart again

Berras en soños
todos os meus erros?
Venme un sabor á boca
a medida que a desesperación toma o control
É algo tan bo
que non volverá funcionar?
Cando o amor, o amor nos esnaquizará outa vez

Do you cry out in your sleep
All my failings exposed?
Get a taste in my mouth
As desperation takes hold
Is it something so good
Just can't function no more?
When love, love will tear us apart again

Joy Division (1980)

A canción atópase entre as que se interpretaron no tributo musical a Lois Pereiro que tivo lugar na compostelá Sala Nasa o pasado 31 de marzo (desta versión tomamos a tradución do estribillo). Engadímola á lista de reproducción loispereiro.mp3 (buscádea en Radio Xavedes!, en Spotify ou en Grooveshark) cos temas favoritos de Lois, baseada nunha lista que Iago Martínez elaborou para o espléndido especial sobre Lois Pereiro que acompañou o domingo pasado ao Xornal de Galicia (non deixedes de botarlle un vistazo aquí) e algunha que outra achega feita por Marcos Calveiro.


Premios AELG 2011

Xa sabedes que nos gusta estar ao tanto de calquer nova relacionada coa nosa lingua, e como o pasado sábado a Asociación de Escritores en Lingua Galega celebrou a súa Cea das Letras, na que deu a coñecer os galardoados cos Premios AELG 2011, pois hoxe traémosvos a relación de gañadores destes premios que recoñecen as mellores obras editadas (en diversas modalidades) durante o pasado ano.

Así, na categoría de narrativa o gañador foi Manuel Rivas pola súa obra Todo é silencio

, Estremas, de Ana Romaní, foi considerada a mellor obra poética

e, no campo da literatura infantil e xuvenil, o premiado foi Marcos Calveiro, pola súa obra O pintor do sombreiro de malvas (que xa se asomara polo noso blogue hai un tempo).

Tamén foron premiados a obra teatral Flores de Dunsinane, de Manuel Lourenzo

, o ensaio O clamor da rebeldía. Rosalía de castro: ensaio e feminismo, de Pilar García Negro

, e Marga do Val, pola tradución de Randea do alento (da nobel Herta Müller).

A Ramón Nicolás recoñecéuselle a Mellor Traxectoria en Xornalismo Cultural e o blog O levantador de minas, de Alfredo Ferreiro, foi nomeado Mellor Blog Literario. Ademais, a Asemblea de Socios e Socias da AELG premio á Fundación Penzol co premio Institución Cultural e o Premio Cervantes 2006 Antonio Gamoneda fou distinguido como Escritor Galego Universal.

E vos? Lestes xa a algún dos premiados? Pois a que esperades! ;)


Naceron dous corvos brancos!

Dende 1996 e ano a ano, a Internationale Jugendbibliothek München (a Biblioteca Internacional da Xuventude de Múnic, vaia) vén elaborando unha lista cos mellores libros infantís e xuvenís recentemente editados. A lista, que recibe o nome de White Ravens (corvos brancos) compóñena 250 títulos “de interese internacional que merecen unha recepción más ampla debido á súa temática universal e/ou o seu excepcional e a miúdo innovador estilo e deseño artístico e literario” (de aí o de corvos brancos, pola súa singularidade).

Os libros son seleccionados polos especialistas da lingua (Lektoren) da entidade de entre os publicados recentemente (en todo o mundo, ollo!). A correspondente a este ano 2011, que acaba de se facer pública, recolle publicacións en 36 linguas distintas e abarca un total de 52 países (podedes consultala ordeada por idioma aquí e por país aquí)

E por que vos falamos dela? Pois porque entre eses 250 títulos que conforman a lista de 2011 coáronse dous editados no noso idioma. Son O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro (e ilustracións de Ramón Trigo), editado por Xerais

Un adolescente é enviado pola súa nai dende París a pasar cunha tía unha boa tempada na vila de Auvers. Durante aqueles días do verán de 1890, coñecerá a Vincent, un pintor que semella beberse a vida con cada violenta pincelada sobre o lenzo e do que durante sesenta e nove días se fará inseparable, acompañándoo no seu deambular polos trigais e na súa infatigable loita contra os convencionalismos da vida provinciana. Mais o mozo tamén descubriá o amor, coñecerá algúns misterios sobre o seu pasado e se enfrontará por vez primeira á morte, o que o obrigará a tomar unha decisión sobre o futuro que lle agarda.

, e Contos para nenos que dormen deseguida, de Pinto & Chinto (si, David Pintor e Carlos López, os humoristas gráficos de La Voz de Galicia), editado por Kalandraka.

Os contos para antes de durmir han de ser curtos; non como aquel conto tan longo que, cando se acababa de contar, xa era hora de que o neno fose ao colexio. Ou aquel tan longo no que os nenos quedaban durmidos pola metade e logo tiñan que soñar o final. Aínda que o conto máis longo que coñecemos é tan longo que cando se remata de contar, o neno xa é adulto.

Dous títulos que se unen aos máis de trinta distinguidos nos últimos quince anos (de feito non é a primeira vez que Marcos Calveiro ou Ramón Trigo reciben tal recoñecemento). Se queredes ver de que obras estamos a falar, pinchade na imaxe inferior para acceder a unha listaxe das mesmas.