Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “manuel rivas

Todas as letras do Día das Letras Galegas

Rematando o mes de maio, todavía quedan por comentar algunhas novas ao redor do Día das Letras Galegas deste 2012, que como xa saberedes, supón a quincuaxésima edición desta festa da cultura galega. Pois ben, xa está dispoñible na páxina web da Real Academia Galega para a súa descarga gratuíta en formato .pdf o libro Todas as letras do Día das Letras, no que cincuenta académicos achegan (en menos de vinte liñas) a súa visión sobre cadanseu homenaxeado nestes cincuenta anos.

Castelao visto por Xosé Neira Vilas, Eduardo Pondal por Xosé Luís Méndez Ferrín, Álvaro Cunqueiro por Manuel Rivas

Así que se queredes coñecer máis sobre a historia das nosas letras, só tedes que pinchar aquí e descargalo.


Carlos Casares… á marxe do tempo

Hoxe cúmprense 10 anos do falecemento do escritor ourensán Carlos Casares. Membro da Real Academia Galega, presidente da Editorial Galaxia, presidente do Consello da Cultura Galega… pero sobre todo, autor de xoias da nosa narrativa como Ilustrísima ou Deus sentado nun sillón azul, biógrafo, ensaísta e mesmo escritor de literatura infantil, con obras como A galiña azul ou As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas.

Iso si, quizais a actividade que máis coñecido o fixo entre o público en xeral foi a xornalística, en especial a columna que con carácter diario e baixo o título de Á marxe (toda unha declaración de intencións) publicou en La Voz de Galicia dende o ano 1992 ata a súa morte. Nesas pezas, que Manuel Rivas describe como “pequenas onzas de ouro que xustifican todo un periódico” (e non podemos estar máis de acordo), Carlos Casares achegábanos a súa particular visión do mundo. Non falaba de nada? Ou falaba de todo?

Podédelo comprobar visitando o blogue que vos recomendamos hoxe: Á Marxe do tempo, no que se recolle unha selección destas columnas.

Diariamente selecciona unha destas marxes de xeito que coincida coa data orixinal de publicación (por exemplo, onte 8 de marzo seleccionouse unha publicada orixinalmente o 8 de marzo de 1995), unha axeitada maneira de comprobar a súa vixencia.

Algúns configúranse como pequenos e deliciosos contos, outros tratan asuntos tan de actualidade que poderían estar escritos, coma quen di, antonte.

Como afirma hoxe Juan Cruz no seu blogue de elpais.com, “Diez años años ya. Parece mentira que pase tanto tiempo de su muerte, pero sobre todo parece mentira que se haya muerto.”

Pois iso.


10.103.409

10.103.409. Esa é a cifra de exemplares vendidos alcanzada pola editorial Xerais ao remate de 2011. 10.103.409 libros dende a súa fundación o 5 de outubro de 1979: 306.164 exemplares ao ano, 68.731 ao mes, 856 ao día.

O acadar os dez millóns de exemplares vendidos é todo un fito para esta histórica editorial, que tanto leva feito pola normalización da nosa lingua ao longo dos seus máis de 32 anos de existencia.

E cales foron os títulos máis vendidos durante todo este tempo? Pois de entre os máis de 3.000 que levan publicados dende 1979, a propia editorial destaca dúas novelas: O lápis do carpinteiro, de Manuel Rivas, con 81.200 exemplares vendidos,

e, no campo da literatura infantil e xuvenil, Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, con cerca de 81.000.

Iso si, ningún deles lle fai sombra á gran estrela do catálogo de Xerais. Con… máis de 350.000! exemplares vendidos… o Pequeno Dicionario Xerais! Coñecédelo, non?

A que si?


Dende Redondela a Caranza

Que bonito nos quedou o colexio decorado cos carteis sobre a vida de Lois Pereiro deseñados polo CEIP de Laredo de Chapela (Redondela)!

Unha escolma da súa poesía en palabras.

(máis…)


Premios AELG 2011

Xa sabedes que nos gusta estar ao tanto de calquer nova relacionada coa nosa lingua, e como o pasado sábado a Asociación de Escritores en Lingua Galega celebrou a súa Cea das Letras, na que deu a coñecer os galardoados cos Premios AELG 2011, pois hoxe traémosvos a relación de gañadores destes premios que recoñecen as mellores obras editadas (en diversas modalidades) durante o pasado ano.

Así, na categoría de narrativa o gañador foi Manuel Rivas pola súa obra Todo é silencio

, Estremas, de Ana Romaní, foi considerada a mellor obra poética

e, no campo da literatura infantil e xuvenil, o premiado foi Marcos Calveiro, pola súa obra O pintor do sombreiro de malvas (que xa se asomara polo noso blogue hai un tempo).

Tamén foron premiados a obra teatral Flores de Dunsinane, de Manuel Lourenzo

, o ensaio O clamor da rebeldía. Rosalía de castro: ensaio e feminismo, de Pilar García Negro

, e Marga do Val, pola tradución de Randea do alento (da nobel Herta Müller).

A Ramón Nicolás recoñecéuselle a Mellor Traxectoria en Xornalismo Cultural e o blog O levantador de minas, de Alfredo Ferreiro, foi nomeado Mellor Blog Literario. Ademais, a Asemblea de Socios e Socias da AELG premio á Fundación Penzol co premio Institución Cultural e o Premio Cervantes 2006 Antonio Gamoneda fou distinguido como Escritor Galego Universal.

E vos? Lestes xa a algún dos premiados? Pois a que esperades! ;)


A mellor canción de Manuel Rivas

Desde esta mañá coñécense os gañadores da XV Edición dos Premios da Música e, polo tanto, cal é, a xuízo dos membros da Academia das Artes e das Ciencias da Música, a mellor canción en galego de entre as publicadas o ano pasado.

E parece que coincide cos vosos gustos, posto que se trata de Alalá da Noite, de Berrogüetto.

Esta canción, composta por Quico ComesañaXabier Díaz, ten como letra un poema que Manuel Rivas lle enviou ao grupo como regalo tras o concerto no que este último se presentou como novo membro da formación.

Xa vos trouxéramos a canción, hoxe achegámosvos o poema que lle da a forma.

Eu non sabía que había
tanta alegría nas bágoas
nin neve nas bidueiras
nin esperanza nas mágoas.

Eu de noite iría de noite,
no medio do temporal.
Ir de día á luz do día
dáme medo, miña nai.
No fondo do teu ollare
unha gamela abanea.
Quen se poidera afogare
na ardora dunha misteira.
O que eu soño é verdade
como o silencio é un falare.
Se roubei o teu retrato
foi pra aprender a mirare.

Manuel Rivas: A desaparición da neve (2009)

Precioso, non?

(máis…)