Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “malandrómeda

Dezaseisavos de final: Ataque Escampe ou Chicharrón?

Esta eliminatoria é… alternativa. 💿

O tema que vos propoñemos de Ataque Escampe é unha versión do hip hop de (ben se ve) Malandrómeda. E non se trata de desmerecer (para nada!) o variado cancioneiro dos composteláns (a verdade é que nos resultaría complicadísimo escoller calquera outro dos temas que compoñen Violentos anos dez, o álbum co que iniciaron a década, ou dos seus traballos posteriores). Se nos quedamos con esta Festa malandrómica é polo status de auténtico himno que conseguiu acadar ao longo desta década, chegando a se converter na canción máis escoitada na capital de Galicia. Aí queda iso!

Festa malandrómica
Ataque Escampe
Violentos anos dez (2011)

Chicharrón formouse en 2014 en Carballo, e tras publicar un primeiro disco en castelán, o Postal do que se extrae este Suicidio tímido foi o seu primeiro traballo en galego, idioma do que xa non se separarían.

Suicidio tímido
Chicharrón
Postal (2016)


A Canción d10z! (3ª semana)

Xa temos gañadores das eliminatorias 5, 6, 7 e 8 de dezaseisavos de final. Desta vez non houbo acordo, posto que se ben Malandrómeda, Heredeiros da Crus e SonDaRúa pasan á seguinte rolda en ambos cadros, o 4º cruce ten distinto vencedor: Iván Ferreiro para o noso alumnado e Guadi Galego para os nosos seguidores en Twitter.

A continuación podedes ver, ademais de como quedan as nosas dúas eleccións, os artistas que subimos ao noso xogo esta 3ª semana:

Alumnado

Twitter

Nestes 4 novos enfrontamentos de dezaseisavos haberá que elixir entre cancións de Sés, Os Amigos dos Músicos, Ataque Escampe, Chicharrón, Sabela, Berrogüetto, Esteban & Manuel e Caxade. Pronto as teredes no noso blog, pero xa podedes gozar delas na nosa lista de reproducción en Spotify.

Lembrade que non só o noso alumnado decide: vós tamén podedes facelo votando nas enquisas que xa temos en marcha en en Twitter!


Dezaseisavos de final: Baiuca ou Malandrómeda?

O carácter galego na nosa 5ª eliminatoria de dezaseisavos de final.

Por un lado, a Morriña de Baiuca, o proxecto do catoirán Alejandro Guillán que tan acertadamente mestura a nosa música tradicional coa electrónica.

Morriña
Baiuca
Solpor (2018)

Por outro, que mellor para neutralizar ese sentimento melancólico que o día da festa que nos propón Malandrómeda. A canción é un dos cortes dun dos dous álbumes que publicaron en 2016 e que marcaron todo un fito na música cantada en galego ao alzarse ex aequo co primeiro posto da lista de álbumes nacionais dese ano da prestixiosa revista barcelonesa Rockdelux.

Bótalle caldo (Cumbia malandra)
Malandrómeda
Cada can que lamba o seu carallo (2016)


A Canción d10z! (2ª semana)

O noso alumnado vén de decidir cales son as cancións gañadoras das catro primeiras eliminatorias de dezaseisavos de final: Familia Caamagno, Eladio y Los Seres Queridos, Skandalo GZ e Ezetaerre son as bandas que pasan á seguinte rolda.

E houbo unanimidade, posto que as cancións gañadoras coinciden coas favoritas dos nosos seguidores en Twitter.

Sucederá o mesmo esta 2ª semana? No cadro podedes ver os artistas que entran en xogo, así como os resultados que vos acabamos de comentar:

A canción d10z (Dezaseisavos 2).jpg

4 novos cruces de dezaseisavos no que cancións de Baiuca, Malandrómeda, Heredeiros da Crus, NAO, Oh! Ayatollah, SonDaRúa, Guadi Galego e Iván Ferreiro se enfrontarán por facerse un oco nos oitavos de final. Irémosvolas presentando en sucesivos artigos.

O noso alumnado ten a palabra… e vós tamén. Animádevos a participar na nosa votación paralela en Twitter!