Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “lynyrd skynyrd

“Unha lingua é boa cando sabe a pan, a pan fresco que se mete na boca”

Esta é a frase de Álvaro Cunqueiro que inspirou á comunidade educativa do CPI Virxe da Saleta, do concello ourensá de San Cristovo de Cea para cociñar a letra de A lingua sabe a pan, o lipdub que está arrasando na rede estes últimos días (en seis días está a piques de alcanzar as 10.000 visitas!). Tomando a música do Miña terra galega de Siniestro Total (que á súa vez é unha versión do Sweet Home Alabama de Lynyrd Skynyrd), o alumnado e mailo profesorado deste centro cántanlle á lingua galega coa mesma arte coa que nos fornos da súa localidade se elabora o célebre Pan de Cea.

Velos e escoitalos é todo un regalo que estamos encantados de compartir.

Podedes descargar o tema aquí, e a letra deixámovola a continuación:

Gústanos falar idiomas
inglés, francés e castelán,
pero temos lingua propia
ninguén o pode negar.

Amasada a modiño
dende hai moito tempo atrás
cocida a lume lento
lista para o teu padal.

Este é o cole de Cea
onde a lingua sabe a pan,
miña lingua galega
gústanos o teu falar

Nos versos de Rosalía
nos piñeiros de Pondal,
no folk de Fuxan Os Ventos
no rock bravú e máis no rap.

Escóitase pola radio
tamén na TVG,
pero bótase de menos
en moitos outros sitios máis.

Este é o cole de Cea
onde a lingua sabe a pan,
miña lingua galega
gústanos o teu falar.

Este é o cole de Cea
onde a lingua sabe a pan,
este é o cole de Cea
onde a lingua sabe a pan.

Atrevédesvos a cantala?

Advertisements