Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “lucía regueiro

Un cranio premiado

Tiña pensado ter escrito antes sobre a gala de entrega dos Premios María Casares 2011, pero fóronse coando outros temas e…

Os Premios María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, levan premiando dende 1997 aos profesionais do teatro galego nunha gala que soe celebrarse ao redor dunha data especialmente relevante: a do Día Mundial do Teatro (que por certo foi este pasado domingo).

Así, o pasado mércores 23 celebrouse no Teatro Rosalía de Castro da cidade da Coruña (cidade natal de María Casares, a célebre actriz galega que da nome aos premios) a gala correspondente á decimoquinta edición dos galardóns.

A presentación correu a cargo de Gonçalo Guerreiro e Pedro Brandariz, nos seus papeis do Doutor Crisè e o seu axudante Casemorro, acompañados dun monstruoso (nunca mellor dito) elenco de artistas.

A grande triunfadora foi Un cranio furado, de Produccións Teatrais Excéntricas (da que xa vos falamos no seu día) con catro premios: Mellor espectáculo, Mellor actor protagonista (Evaristo Calvo), Mellor actor secundario (Santi Romay) e Mellor escenografía.

Seguírona Life is a paripé, de Obras Públicas, e Trogloditas, de Taranxina Teatro, que marcharon con dous premios por cabeza. Super8, Volpone, Limpeza de sangue, Memorias das memorias dun neno labrego e O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca obtiveron igualmente cadanseu galardón.

E se por un casual vendo a relación das obras a concurso vos animades a acercarvos ao teatro máis cercano, aquí vos queda unha axenda (se se pode chamar así) coas datas nas que algunhas delas visitan a nosa comarca (se sabedes dalgunha máis, non dubidedes en chamarnos a atención).

  • Life is a paripé (Obras Públicas): 3 de Abril no Auditorio Municipal de Cedeira e 9 de Abril no Pazo da Cultura de Narón

  • Memoria de Helena e María (Teatro do Atlántico): 1 e 2 de Abril no Teatro Jofre de Ferrol
  • Un cranio furado (Produccións Teatrais Excéntricas): 27 e 28 de Maio no Teatro Jofre de Ferrol

Seguir lendo >>