Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “land rober

A Súa Maxestade Touriñán

A primeira vez, que eu sexa consciente, que vin a Xosé Antonio Touriñán (Culleredo, 1980) asomar polo meu televisor foi en 2006, cando a TVG estreou o programa Perdelo todo, e lembro que xa entón chamou a miña atención; as súas personaxes de Varela e O gaiteiro de Texas brillaban con luz propia naquel concurso presentado por Emilio Guillín.

Así que cando el e máis o seu compañeiro de instituto Marcos Pereiro alcanzaron o éxito no Luar como Mucha e Nucha, As cantareiras de Ardebullo, non me sorprendeu… estaba cantado!

Pero non se detivo aí: Padre Casares, o Premio Mestre Mateo 09 na categoría de Comunicador de Televisión polo programa Botarse ao monteLand Rober, con Roberto Vilar… Alí coñecemos a Ricardo, un home que “non se fija”.

E é precisamente o oco que deixou Land Rober na parrilla da TVG o que dende onte ocupa Tourilandia. Se estabamos desexando velo á fronte do seu propio programa… agora ten o seu propio país!

A de onte foi unha estrea por todo o alto (a entrevista a David Vidal causou furor nas redes sociais) dun programa que xa tei o se primeiro hit: a adaptación ao SERGAS do éxito de Michel Teló Ai se eu te pego.

Bailando este Ai si me opero desexámoslle sorte a Touriñán nesta nova andaina profesional. Nós seguirémolo, sen parar de rir, os xoves á noite na galega ou na páxina da CRTVG (http://www.crtvg.es/tvg/programas/tourilandia).


18 comidas = 7 premios

Como nos cadrou en plena Semana Santa, aínda non vos faláramos da gala dos Premios Mestre Mateo 2010.

Celebrouse o pasado domingo 20 de Abril, resultando a gran triunfadora da noite a cinta 18 comidas, que obtivo 7 premios, entre eles o de mellor longametraxe e o de mellor dirección. Tamén destacou Crebinsky, con 4 premios, entre os que sobresae o de mellor interpretación masculina protagonista para Miguel de Lira.

No apartado televisivo, como xa apuntábades nas nosas enquisas, Land Rober quedou co premio ao mellor programa de TV e o seu presentador, Roberto Vilar, co de mellor comunicador televisivo.

Co que non acertástedes foi co premio á mellor serie de TV, que foi parar a Matalobos.

Por último, destacar tamén que dúas iniciativas relacionadas coa promoción da lingua galega das que xa vos falamos por aquí, a campaña Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego e GalegoLab, conseguiron os premios aos que optaban.

Podedes consultar a lista completa dos premiados na seguinte ligazón, e se queredes ver como foi a gala, que estivo conducida por Xose A. Touriñán e Belén Regueira, podedes facelo aquí.

Noraboa a todos!


O Pórtico da Gloria do audiovisual galego

Hoxe coñecéronse os finalistas aos Premios Mestre Mateo 2010. Organizados pola Academia Galega do Audiovisual, estes galardóns veñen premiando dende o ano 2003 o traballo dos profesionais do audiovisual galego. Atópanse divididos en 27 categorías do máis variado, que van dende a mellor longametraxe ata a mellor obra interactiva, pasando polos catro premios da categoría de interpretación ou aqueles reservados a traballos televisivos. Os premios (os gañadores son escollidos democraticamente polos membros da Academia) faranse públicos e entregaranse durante unha gala que terá lugar o vindeiro 17 de abril no Auditorio Municipal de Ourense.

O favorito desta edición é a longametraxe de Jorge Coira 18 comidas. Rodada en galego, español, inglés e macedonio e case sen guión, esta cinta acapara un total de 16 candidaturas, cinco delas para os seus intérpretes.

Séguena de cerca Retornos de Luis Avilés Baquero (15 candidaturas) e Crebinsky de Enrique Otero (12).

E se falamos de televisión destacan as 6 candidaturas que acumula a serie da TVG Matalobos e as 3 doutra serie, Padre Casares, e do programa de humor, música e entrevistas Land Rober.

Pero mellor que seguir categoría a categoría (podedes consultar a relación completa dos finalistas aquí), por que non nos dades a vosa opinión? Polo menos nos premios televisivos, nos que seguro tedes unha…

Os candidatos na categoría de Programa de televisión son o programa de divulgación científica Conexións, o magazine Cultura 10, o espazo viaxeiro Galegos no mundo e o anteriormente citado Land Rober.

Na categoría de Serie de televisión os finalistas son Matalobos, Padre Casares e Para mariñeiros nós.

E os candidatos a mellor comunicador de TV son Roberto Vilar, Terio Carrera, Xosé Ramón Gayoso e Yolanda Vázquez.