Non é verán de Estrella Damm, A Canción d10z!
Xa temos canción gañadora!
Os maiores do noso colexio decidiron nomear como mellor canción en galego dos anos 10, é dicir, como A Canción d10z! a Non é verán de Estrella Damm, dos coruñeses Ezetaerre.
Hoxe, despois de votar unhas disputadísimas semifinais (que se decidiron, ambas, por unha marxe estreitíiiiisima) Corasón de carballo, dos Heredeiros da Crus e o tema gañador disputaron a final do noso certame, nunha última votación que remataba unha actividade que veu ocupando as sesións de titoría das seis últimas semanas.
Nela, o noso esixente xurado decidiu premiar á este temazo cheo de crítica social co que os Ezetaerre deron resposta en 2017 aos célebres anuncios estivais da marca de cervexas mediterránea do título.
E se o premio do xurado xa está outorgado, o do público aínda está por decidirse. O día de ano vello pecharemos a última das votacións que, de forma paralela, estamos propoñendo en Twitter. Animádevos a participar!
Terá a o mesmo resultado final? Para axudarvos a decidir, deixámosvos coa canción gañadora para os nosos rapaces e rapazas. Felices anos 20 a todos!
A Canción d10z! (Semifinais)

Xa queda pouco para coñecer cal é, para os maiores do noso cole, a canción d10z destes anos 10. Estamos en semifinais!
A rapazada vén de decidir que a 1ª semifinal enfronte o hip hop d’A Catapulta de Dios Ke Te Crew coa balada rock Corasón de carballo, dos Heredeiros da Crus.
A 2ª terá un carácter marcademente reivindicativo, urbano e xuvenil: os ponteareáns SonDaRúa co seu Liberando mentes ante os coruñeses Ezetaerre e o seu aviso de que Non é verán de Estrella Damm.
Manterémosvos informados. A gran final agarda!
A Canción d10z (Cuartos de final)
Nós xa temos cuartos de final!
As nosas rapazas e os nosos rapaces votaron hoxe as eliminatorias de oitavos (por aquí temos que ir un chisco máis rápido, que o ano remátano antes 😜), e decidiron que os seus cuartofinalistas sexan Familia Caamagno, Dios Ke Te Crew, Eladio y Los Seres Queridos, Heredeiros da Crus, Skandalo GZ, SonDaRúa, Ezetaerre e Iván Ferreiro.
Só quedan 8! Cal acabará sendo a nosa canción d10z?
Dezaseisavos de final: Dakidarría ou Dios Ke Te Crew
Aquí crúzanse dous grupos que ao longo destes anos foron converténdose en dous clásicos da nosa escena.
A comezos da década os Dakidarría lanzaban este Terra, un tema no que recorren media Galicia comezando polo Cabo de Ortegal, como podemos ver neste vídeo no que atoparedes a outros grandes da música en galego como Javi Maneiro dos Heredeiros da Crus, Xurxo Souto d’Os Diplomáticos de Montealto ou García MC, por aquela compoñente do grupo que vén a continuación.
Terra
Dakidarría
Utopías emergentes (2011)
Pioneiros do hip hop na nosa lingua son estes Dios Ke Te Crew que rematan a década con ánimos renovados publicando un novo álbum no que inclúen esta auténtica bomba sonora que é A catapulta. 💣
A catapulta
Dios Ke Te Crew
O ciclo da serpe (2019)
A Canción d10z! (3ª semana)
Xa temos gañadores das eliminatorias 5, 6, 7 e 8 de dezaseisavos de final. Desta vez non houbo acordo, posto que se ben Malandrómeda, Heredeiros da Crus e SonDaRúa pasan á seguinte rolda en ambos cadros, o 4º cruce ten distinto vencedor: Iván Ferreiro para o noso alumnado e Guadi Galego para os nosos seguidores en Twitter.
A continuación podedes ver, ademais de como quedan as nosas dúas eleccións, os artistas que subimos ao noso xogo esta 3ª semana:
Nestes 4 novos enfrontamentos de dezaseisavos haberá que elixir entre cancións de Sés, Os Amigos dos Músicos, Ataque Escampe, Chicharrón, Sabela, Berrogüetto, Esteban & Manuel e Caxade. Pronto as teredes no noso blog, pero xa podedes gozar delas na nosa lista de reproducción en Spotify.
Lembrade que non só o noso alumnado decide: vós tamén podedes facelo votando nas enquisas que xa temos en marcha en en Twitter!
Dezaseisavos de final: Heredeiros da Crus ou Nao?
A nosa 6ª eliminatoria de dezaseisavos é territorio de guitarras. 🎸
Se ben poucas bandas do panorama musical galego necesitan menos presentación que Heredeiros da Crus, este tema, incluído no seu álbum de retorno do ano 2013, poderiavos coller co pé cambiado; se non fose porque cumple á perfección aquela máxima sobre a calidade das baladas dos grupos máis duros.
Corasón de carballo
Heredeiros da Crus
Jard Rock con fe (2013)
Acompáñaos outra formación cunha longa carreira ás súas costas: uns Nao que están a piques de poñerlle punto e final a 14 anos de historia como banda cun concerto que celebrarán o vindeiro 7 de decembro en Santiago de Compostela. Como non imos botar de menos a unha banda que é capaz de ofrecernos verdadeiras alfaias rock como esta que vos traemos aquí, na que ademais de Tanxugueiras, colaboran uns SonDaRúa que esta semana temos dobremente presentes.
Cultura crítica
Nao
Ata que o lume se apague (2018)
A Canción d10z! (2ª semana)
O noso alumnado vén de decidir cales son as cancións gañadoras das catro primeiras eliminatorias de dezaseisavos de final: Familia Caamagno, Eladio y Los Seres Queridos, Skandalo GZ e Ezetaerre son as bandas que pasan á seguinte rolda.
E houbo unanimidade, posto que as cancións gañadoras coinciden coas favoritas dos nosos seguidores en Twitter.
Sucederá o mesmo esta 2ª semana? No cadro podedes ver os artistas que entran en xogo, así como os resultados que vos acabamos de comentar:
4 novos cruces de dezaseisavos no que cancións de Baiuca, Malandrómeda, Heredeiros da Crus, NAO, Oh! Ayatollah, SonDaRúa, Guadi Galego e Iván Ferreiro se enfrontarán por facerse un oco nos oitavos de final. Irémosvolas presentando en sucesivos artigos.
O noso alumnado ten a palabra… e vós tamén. Animádevos a participar na nosa votación paralela en Twitter!
A música que leva dentro o Galeoke Vol. 2
O ano pasado xa vos falamos do Galeoke, ese fantástico xogo de karaoke consistente en acumular o maior número de puntos posible mentres cantamos temas en galego de artistas da nosa terra. E hai un par de meses presentáramosvos a marabillosa ilustración que figura na portada do seu segundo volume, obra, coma a do primeiro, de Leandro. O que tiñamos pendente dende comezos de decembro, data na que se presentou ese segundo volume, era, ademais de avisarvos de que xa o podedes atopar nas tendas, traervos a listaxe de cancións que o compoñen, para que vos fagades unha idea aproximada da diversión que podedes atopar no seu interior.
21 temas do mellorciño da música na nosa lingua:
Radio Océano | Como o vento
Os Papaqueixos | O paraugas do José
Pilocha | O sancristán de Coimbra
Quempallou | En que terra me botaches
Heredeiros da Crus | Quero josar
Faltriqueira | Corpiño xeitoso
Blood Filloas | Superheroe
María Manuela | Manual do señorito (como non a atopei dispoñible na súa versión orixinal, aí vai interpretada por Xabier Díaz e Guillerme Fernández)
Nova Galega de Danza | Xota de Ribeira de Piquín (vía Spotify)
Chouteira | O ghai ghai
Sés | Admirando a condición
Pepe Vaamonde Grupo | Aires de Montillón
Emilio Rúa | Todo está por vir (vía Spotify)
Vaamonde, Lamas & Romero | Foliada de San Pedro de Visma
Leilía | Danza das Cortellas
Susana Seivane | Muiñeira de Alén (vía Spotify)
Os Carunchos | Galicia
Davide Salvado | Todo o corpo
Fía na Roca | Fía na roca
Saraibas | Ai, galeguiños! (Non dispoñible)
The Homens | Calamar
Desfrutádeos!
Comentarios recentes