Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “garcía mc

Dezaseisavos de final: Dakidarría ou Dios Ke Te Crew

Aquí crúzanse dous grupos que ao longo destes anos foron converténdose en dous clásicos da nosa escena.

A comezos da década os Dakidarría lanzaban este Terra, un tema no que recorren media Galicia comezando polo Cabo de Ortegal, como podemos ver neste vídeo no que atoparedes a outros grandes da música en galego como Javi Maneiro dos Heredeiros da Crus, Xurxo Souto d’Os Diplomáticos de Montealto ou García MC, por aquela compoñente do grupo que vén a continuación.

Terra
Dakidarría
Utopías emergentes (2011)

Pioneiros do hip hop na nosa lingua son estes Dios Ke Te Crew que rematan a década con ánimos renovados publicando un novo álbum no que inclúen esta auténtica bomba sonora que é A catapulta. 💣

A catapulta
Dios Ke Te Crew
O ciclo da serpe (2019)


Dezaseisavos de final: Ezetaerre ou Labregos do tempo dos Sputniks?

A 4ª e última eliminatoria desta semana conduce a rutas máis urbanas.

A “construír outro verán” é ao que nos anima o rap dos Ezetaerre, que no 2017 deron resposta con este temazo cheo de crítica social aos célebres anuncios estivais da marca de cervexas mediterránea do título.

Non é verán de Estrella Damm
Ezetaerre
Non é verán de Estrella Damm (Single) (2017)

Un ano antes, os Labregos do tempo dos Sputniks recolleron no seu álbum Libremente varios anos de traballo tanto colectivo como dos seus membros por separado. García MC, compoñente tamén duns Dios Ke Te Crew que igualmente nos han visitar nas próximas semanas, xa adaptara o poema de Lois Pereiro ao redor do que se constrúe o tema que aquí vos traemos no seu traballo de 2012 Abaixo e De Pé. A súa voz e a d’O Leo únense aquí para levar por novos vellos camiños a obra do poeta monfortino.

Amor e sangue en Chiapas
Labregos do tempo dos Sputniks
Libremente (2016)