Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “flocos.tv

Un ano despois… De flocos.tv a CanleTV

Por fin! Un ano despois de que a Axencia Galega das Industrias Audiovisuais (AGADIC) pechase flocos.tv, o sitio web orientado á difusión do cinema galego, vén de nacer o seu substituto: CanleTV (canletv.agadic.info).

Polo momento semella que se limita a recoller algúns dos títulos que anteriormente puidemos desfrutar en flocos.tv, contando cun total de 86 cintas dispoñibles (lonxe polo tanto dos máis de 300 títulos que almacenaba flocos.tv) que se atopan distribuídas en 5 categorías distintas: ficción, animación, documental, experimental e videoclips (polo de agora baleira). Nunha sexta categoría, adiantos, podemos atopar varias ducias de tráilers.

Esperando que a colección de títulos que nos ofrece CanleTV comece a medrar axiña (non hai ningún filme posterior a 2008), recomendámosvos que a probedes. E se non sabedes por onde empezar, ímosvos propoñer o visionado da cinta de animación (en plastilina) A flor máis grande do mundo, dirixida por Juan Pablo Etcheverry e baseada nun conto do Premio Nobel de Literatura José Saramago (e narrada por el mesmo!).

Pinchade aquí ou na imaxe inferior (o cartel da cinta) e accederedes á páxina de CanleTV onde poderedes reproducila.

Advertisements

Linguas cruzadas: unha viaxe coa mocidade galega dende Castro de Rei á Coruña

Un dos documentais que podiamos atopar en flocos.tv ata o seu peche era este Linguas cruzadas.

Dirixido por María Yáñez e Mónica Ares hai catro anos, ten como fío condutor as historias de cinco rapaces: María, Roli, Fer, Andrés e Lilian. De procedencia diversa, exemplifican cinco formas distintas de achegarse á lingua galega. No camiño atopámonos con outras moitas historias que rematan por conformar un completo retrato da situación do noso idioma entre a mocidade galega.

Aquí vos deixamos o tráiler deste curioso traballo…

para metervos ganas de velo enteiriño.


Réquiem por flocos.tv

Aínda non vos presentáramos neste blogue a web flocos.tv. Tiñamos un artigo a medio escribir, pero quedará sen publicar, porque o pasado luns a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) pechaba este sitio web orientado á difusión do cinema galego.

Flocos.tv funcionaba como unha sorte de videoclube no que se almaceaban máis de 300 títulos do audiovisual galego dispoñibles para a súa visualización en liña. Longametraxes de ficción, de animación, curtas, documentais… todas elas producidas na nosa terra e a maior parte realizadas na nosa lingua.

Este era o aspecto que tiña ata o luns pasado:

E este o que ten agora:

Unha verdadeira mágoa que un proxecto tan interesante como este quede sen concluir (a actualización dos seus contidos interrompérase hai xa un par de anos, quedando máis de 300 pezas por dixitalizar), pero máis aínda que bote o peche. Oxalá este baleiro que deixa flocos.tv sexa temporal e pronto poidamos desfrutar dalgunha nova páxina que tome o seu relevo, pero moito nos tememos que isto non vai suceder (polo menos en breve).

Afortunadamente, todavía existen formas de desfrutar dalgunha destas produccións a través de internet (YouTube, Google videos, Vimeo…) e páxinas que nos guíen na nosa busca, así que… mans á obra!