Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “familia caamagno

A Canción d10z (Cuartos de final)

Nós xa temos cuartos de final!

As nosas rapazas e os nosos rapaces votaron hoxe as eliminatorias de oitavos (por aquí temos que ir un chisco máis rápido, que o ano remátano antes 😜), e decidiron que os seus cuartofinalistas sexan Familia Caamagno, Dios Ke Te Crew, Eladio y Los Seres Queridos, Heredeiros da Crus, Skandalo GZ, SonDaRúa, Ezetaerre e Iván Ferreiro.

Dezaseisavos (A canción d10z) (1) (2) (1) (2) (1).jpg

Só quedan 8! Cal acabará sendo a nosa canción d10z?


A Canción d10z! (2ª semana)

O noso alumnado vén de decidir cales son as cancións gañadoras das catro primeiras eliminatorias de dezaseisavos de final: Familia Caamagno, Eladio y Los Seres Queridos, Skandalo GZ e Ezetaerre son as bandas que pasan á seguinte rolda.

E houbo unanimidade, posto que as cancións gañadoras coinciden coas favoritas dos nosos seguidores en Twitter.

Sucederá o mesmo esta 2ª semana? No cadro podedes ver os artistas que entran en xogo, así como os resultados que vos acabamos de comentar:

A canción d10z (Dezaseisavos 2).jpg

4 novos cruces de dezaseisavos no que cancións de Baiuca, Malandrómeda, Heredeiros da Crus, NAO, Oh! Ayatollah, SonDaRúa, Guadi Galego e Iván Ferreiro se enfrontarán por facerse un oco nos oitavos de final. Irémosvolas presentando en sucesivos artigos.

O noso alumnado ten a palabra… e vós tamén. Animádevos a participar na nosa votación paralela en Twitter!


Dezaseisavos de final: Familia Caamagno ou Esposa?

A primeira eliminatoria enfronta as melodías pop de Esposa, co toque garaxeiro da Familia Caamagno.

Os primeiros sorprenderon en 2016 con Señor de, un EP que foi considerado pola revista Mondosonoro como o mellor do ano na súa edición para Galicia-Castela e León. Ao ano seguinte lanzaban o seu primeiro longa duración Xardín interior, do que vos traemos a canción homónima, acompañada dese videoclip tan… difícil de describir. 😅

Xardín interior
Esposa
Xardín interior (2017)

Aos de Sigüeiro vimos procurando non perderlles a pista dende que nos marabillaron co seu debut de 2012. Banda festivaleira por excelencia, os seus directos son célebres máis aló das nosas fronteiras. Maniotas aseguradas! Con só escoitar o ritmo dos seus Surfistas nazis, xa vos faredes unha idea:

Surfistas nazis
Familia Caamagno

Hai que andar cos tempos (2014)


SUNS Europe: Familia Caamagno (on my mind)

Entre o 29 de novembro e o 3 de decembro vaise celebrar na cidade de Udine (en Friuli, no noroeste de Italia) o SUNS Europe, o Festival Europeo das Artes Escénicas en Linguas Europeas Minorizadas.

14330033_1740129736249944_6871645040212247325_n

O festival, que cada ano premia ás mellores producións artísticas en linguas minorizadas de todo o continente europeo, pretende ser “un punto de encontro e intercambio entre artistas, linguas e comunidades que empregan a súa lingua para afirmarse a si mesmos dende un punto de vista singular”.

Se ben a literatura e o cine tamén van estar presentes, hoxe falámosvos deste acontecemento debido á súa vertente musical. E é que a banda de Sigüeiro Familia Caamagno, vén de ser seleccionada polo xurado do Festival da Canción das Linguas Minorizadas como un dos 8 participantes na fase final deste evento que terá lugar no Teatro Giovanni da Udine o 3 de decembro no marco do SUNS Europe. Así o anunciaban onte no seu Facebook e na súa conta de Twitter:

Os caamagnos participan co tema Lausanne (on my mind), cuxa letra está baseada no poema de Alberto Lema Crónica do chan e que está incluído no seu último traballo Para unha vez que saímos:

Segue o mar a bater,
segue e ten presa por vencer,
mira esas rochas non poden máis,
xa son area e non poden máis

Sei falar miña nai
daquel traballo daquel verán
pero xa non sei facer o pan,
eu sólo sei comer o pan

El marchouse para Laussanne,
el verame a min marchar

Quen nos aprendeu a perder, papá?
Lembra o seu nome e ese lugar,
que non dixo que hai que perdoar,
non sabía máis

Segue o mar a bater,
segue e ten presa por vencer,
mira esas rochas non poden máis,
xa son area e non poden máis

Somos netos de aquel
que xa non oe e xa non ve,
foi con vinte anos e gagnou,
contra o seu bando e gagnou

El marchouse para Laussanne,
el verame a min marchar

Quen nos aprendeu a perder, papá?
Lembra o seu nome e ese lugar,
que non dixo que hai que perdoar,
non sabía máis

A relación completa de finalistas é a seguinte (BANDA // Canción // Lingua):

VERONIKA USHOLIK // Kakomey // Chukchi
BRIEG GUERVENO // En Desped // Bretón
STESO // Bruni // Feroés
FAMILIA CAAMAGNO // Lausanne // Galego
IMLÉ // Fún Orm // Irlandés
AON TEANGA:UN ÇHENGEY // Creggyn Scarleode // Escocés, Irlandés, Manx
NORMA // Eeb An Flud // Frisón
GURUDE // Kusni Korlan // Khakas

(Dúas bandas máis serán escollidas nunha semifinal que terá lugar o 19 de novembro na localidade de Moena, no Trentino. Ademais, a minoría friulana tamén terá, como organizadora do evento, un representante entre os finalistas.)

Podedes escoitar as cancións seleccionadas polo momento aquí (a nós encántannos todas, pero xa vos podedes imaxinar cal é a nosa favorita 😁 ).

E como eles mesmos din… “Gagnar non gagnaremos (ou si) pero as risas e os bos momentos que imos botar por alí van ser antolóxicos.”. E é que só hai que escoitar os seus discos (podédelo facer no seu Bandcamp) ou asistir a un dos seus concertos (e dicímosvolo por experiencia propia) para darse conta de que isto último está asegurado!

Fertún, que din por aló por Friuli! (ou boa sorte, que dicimos por aquí 😉 )