E que manda o Meco para o venres?
Algo gracioso na cabeza, as roupas suxeitas con tirantes, cinto, lazada ou cordel, calcetíns e camiseta coas túas mensaxes por riba da roupa e…

Que manda o Meco para o xoves?
Calcetíns por riba da roupa, algo gracioso na cabeza, as roupas suxeitas con tirantes, cinto, lazada ou cordel e…

Chegou o Meco!
Se queres o entroido gozar… ao Meco terás que escoitar!

O luns, o Meco berrou:
Por riba das calzas,
lucirás os calcetíns!!!
Mais o Entorilo,
que tiña frío,
levounos consigo!
Madia leva! Así calquera!
E o venres?
Calcetíns por riba da roupa, camiseta de flores ou mandil a colores, algo ao pescozo, zapatos de diferente par, ben saia escocesa, ben tutú, ben bañador, ben bermuda e…

O venres, mira ti que ben!
ao Meco xa todo…
tanto lle ten!
Vistas o que vistas,
ti sempre vas ben!!
O Meco vaite animar e…
o Entorilo…
vaino axudar!!!
Que manda o Meco para o xoves?
Calcetíns por riba da roupa, camiseta de flores ou mandil a colores, algo ao pescozo, zapatos de diferente par e…

O xoves, por riba da roupa,
habemos poñer
ben saia escocesa,
ben tutú cal princesa,
ben bañador para a feira
ou ben… bermuda surfeira.
Ímonos mover
e lucir ben
a cadeira…
Que ordena o Meco para o mércores?
Que manda o Meco engadir aos calcetíns por riba da roupa e á camiseta de flores ou ao mandil a colores?

O mércores,
para ao Meco agradar,
ao pescozo algo vas suxeitar
e, nos pés, deberás calzar
zapatos de diferente par.
Camiña, camiña…
o entroido xa vén axiña!
Que manda o Meco para o martes?
Que ordena o Meco engadir aos calcetíns por riba da roupa?

O martes, a escoller,
por riba da roupa…
camiseta de flores
ou mandil a colores.
Aínda que nós podamos rir,
ti… poderás elixir!
Chegou o Meco!
Se queres o entroido gozar… ao Meco terás que escoitar!

O luns,
por riba da roupa,
a non tardar,
os teus calcetíns
deberás ensinar!
Elixe tamaño…
elixe colores…
Xa se ve,
os teus son os mellores!!!
Portas abertas e cartas abertas
Como moitos de vós xa saberedes, mañá é un día moi especial para o noso colexio. Non só celebramos o Festival de Entroido para o alumnado de Infantil e Primaria, ademais, a partir das 5 da tarde celebramos unha nova edición da nosa Xornada de Portas Abertas, un día de convivencia e festa que o Colexio Lestonnac organiza para as familias do noso alumnado e para todas aquelas outras familias que desexen coñecernos.
Este ano propoñémosvos unha viaxe no tempo ata a Idade Media. Alí poderedes atopar obradoiros de artesanía, trobadores, pitonisas… e ata poderedes percorrer o Camiño de Santiago! Unha Feira Medieval en toda regra na que tamén tamén teredes a oportunidade de colaborar con entidades como a Cociña Económica de Ferrol ou de actuacións como o Proxecto Mobokoli da Compañía de María na República Democrática do Congo a través da recaudación obtida coa venda de postres e bebidas na nosa taberna.
Dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega querémosvos lembrar que como remate, ademais de dun monólogo e da actuación do Corecho, procederemos á entrega dos premios do Certame de Cartas de Amor da Candeloria, así que, se participástedes, pode ser que esteades entre os gañadores. Estades invitados a comprobalo!
Orellas ou freixós?
De que vos ides encher este entroido? ;) Nós ímonos de festa, pero antes deixámosvos unha interesante ligazón chea do traballo dun bo número de centros educativos de toda Galicia. Se entrades en coordinadoraendl.org/2011entroido atoparédesvos cun bo feixe de recursos (libros, presentacións, receitas…) cos que aprender máis sobre o carnaval en xeral e sobre o entroido na nosa terra en particular.
Veña, non vos entretemos máis. Pasádeo ben. Vémonos á volta das vacacións!
Comentarios recentes