EEEiiii!! Imos ao cine?
É que teño gañas de ver Crebinsky, a longametraxe de producción galega que vén de estrearse o pasado venres en salas de toda España tras colleitar un importante éxito no Festival de Málaga, onde foi premiada coa Biznaga de prata ao mellor guión novel e o premio Signis.
As choivas torrenciais provocan a enchente do río, que inunda un pobo. A corrente arrastra ós irmáns Crebinsky e a súa vaca, que aparecen milagrosamente vivos nun lugar da costa.
Crecen alí, ao pé dun faro, a base de sobrevivir recollendo cousas que trae o mar, as crebas. Illados dos acontecementos bélicos que lles rodean, crean o seu propio mundo: Un universo particular de realismo fantasioso.
O ritmo cotiá de convivencia coa súa vaca Muchka, vese alterado cando esta desaparece.
É entón cando os irmáns inician unha busca desesperada que os levará da costa cara ó interior.
Unha road movie auténtica, unha viaxe interior de encontros inesperados, sentimentos ocultos e recordos borrados.
Sen saber onde van, rematan descubrindo de onde veñen.
Rodada entre o Ortegal, Santiago e Portomarín en catro idiomas! (galego, castelá, inglés e alemán (e algunha palabriña en ruso tamén)), a cinta está dirixida por Enrique Otero e protagonizada por Miguel de Lira e Sergio Zearreta. Ademais, conta no seu reparto con actores como Luís Tosar ou Celso Bugallo.
Botádelle un vistazo ao seu trailer
e ao making of.
Se desexades máis información, visitade crebinsky.com. Alí poderedes atopar máis imaxes, máis vídeos, mostras da banda sonora e as últimas novas relacionadas co filme.
Un saúdo!
O Pórtico da Gloria do audiovisual galego
Hoxe coñecéronse os finalistas aos Premios Mestre Mateo 2010. Organizados pola Academia Galega do Audiovisual, estes galardóns veñen premiando dende o ano 2003 o traballo dos profesionais do audiovisual galego. Atópanse divididos en 27 categorías do máis variado, que van dende a mellor longametraxe ata a mellor obra interactiva, pasando polos catro premios da categoría de interpretación ou aqueles reservados a traballos televisivos. Os premios (os gañadores son escollidos democraticamente polos membros da Academia) faranse públicos e entregaranse durante unha gala que terá lugar o vindeiro 17 de abril no Auditorio Municipal de Ourense.
O favorito desta edición é a longametraxe de Jorge Coira 18 comidas. Rodada en galego, español, inglés e macedonio e case sen guión, esta cinta acapara un total de 16 candidaturas, cinco delas para os seus intérpretes.
Séguena de cerca Retornos de Luis Avilés Baquero (15 candidaturas) e Crebinsky de Enrique Otero (12).
E se falamos de televisión destacan as 6 candidaturas que acumula a serie da TVG Matalobos e as 3 doutra serie, Padre Casares, e do programa de humor, música e entrevistas Land Rober.
Pero mellor que seguir categoría a categoría (podedes consultar a relación completa dos finalistas aquí), por que non nos dades a vosa opinión? Polo menos nos premios televisivos, nos que seguro tedes unha…
Os candidatos na categoría de Programa de televisión son o programa de divulgación científica Conexións, o magazine Cultura 10, o espazo viaxeiro Galegos no mundo e o anteriormente citado Land Rober.
Na categoría de Serie de televisión os finalistas son Matalobos, Padre Casares e Para mariñeiros nós.
E os candidatos a mellor comunicador de TV son Roberto Vilar, Terio Carrera, Xosé Ramón Gayoso e Yolanda Vázquez.
Comentarios recentes